domingo, xuño 10, 2012

Reganosa ilegal: Diante do Concello de Ferrol celebrouse unha Asemblea Cidadá Aberta, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol - Galería de Fotos

Tags


Este sábado 9 de xuño de 2012, diante do Concello de Ferrol celebrouse unha Asemblea Cidadá Aberta, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, para facer pública a satisfacción pola Sentenza do Tribunal Supremo que confirma outra do TSXG do ano 2008, declarando ilegal a Modificación do PXOM do Concello de Mugardos que permitiu a construción da Planta de Gas de Reganosa sen Declaración de Impacto Ambiental.

O Coordinador do CCE, Manuel Rodríguez Carballeira, manifestou na súa intervención que este fallo xudicial danos a razón nesta loita, emprendida hai 11 anos, e tivo verbas de agradecemento a cantos colaboraron e colaboran en facer valer a legalidade. Que os promotores de Reganosa falan pola boca do Alcalde de Mugardos dicindo “que se vai resolver en 15 días” as ilegalidades en 11 anos acumuladas. Porque Reganosa levantouse nun cúmulo de ilegalidades, desde o ano 1999, co recheo ilegal de 125.000 m2 en Forestal do Atlántico, a extracción de 200.000 m3 de áridos arruinando a riqueza dos bancos marisqueiros da zona.

As maquinacións do Grupo Tojeiro e do Presidente Fraga trocaron a localización inicial no Porto Exterior polo emprazamento en Punta Promontorio, tan só, para favorecer a operación especulativa que reportou ao Grupo Tojeiro un beneficio de 5.000 millóns de pesetas. Esta foi a única razón da ubicación no interior da nosa Ría de 150.000 Tm de gas, ao pe das casas de Mugardos, a 800 m. do Arsenal e a pouco máis dun quilómetro da cidade de Ferrol.

Unha Planta que está acelerando a destrución da Ría, utilizando a diario 300.000 Tm de auga de mar que esteriliza nun proceso de regasificación, que non constaba na autorización inicial pero que resulta máis barato para os promotores.

Unha Planta deficitaria que traballa por baixo do 40 % da súa capacidade de produción, e que nos custa máis de 58 millóns de euros anuais a toda a cidadanía e que forma parte das periódicas subidas nos nosos recibos de gas e electricidade.

Unha planta que forma parte da burbulla enerxética, similar á burbulla do ladrillo e que pon en perigo a vida das persoas polo beneficio económico duns poucos.

As deficiencias e as ilegalidades de Reganosa son totalmente insubsanables, e por iso, o CCE, a través dos seus asesores xurídicos, vai exixir a execución da Sentenza.

Vai pedir a anulación das decisións administrativas baseadas nestas decisións ilegais: Licencia de construción, Licencia de funcionamento, etc.

Os que non teñen escrúpulos de poñer en risco a vida da xente van seguir coas súas manobras dilatorias, por tanto, é preciso continuar e incrementar a presión e a mobilización social para exixir canto antes a execución desta Sentenza.

Anunciou as seguintes convocatorias:
  • Para o vindeiro mércores 13 de xuño nova Rolda de Prensa, coa participación dos Asesores Xurídicos e a representación do conxunto de Entidades Cidadás.
  • Para o venres 20 de xullo, a celebración da VI Marcha a Pé Ferrol – Mugardos, co lema: “Planta de Gas fóra da Ría. Reganosa ilegal, cese da súa actividade”.
Rematou a súa intervención dicindo: “Esta batalla continúa e ímola a gañar”.

Destacar das seguintes intervencións de integrantes do CCE:

Lupe Ces dixo que o CCE ten que ir pensando en reconverter as instalacións de Reganosa en algo útil para a cidadanía, deixando de ser unha ameaza para converterse en algo positivo, respectando os escasos postos de traballo. Fixo mención aos compañeiros nesta loita – Carmelo Teixeiro, José Gabeiras, Santiago Torrente, Tino Deibe - que hoxe xa non están entre nós.

Rafael Pillado manifestou que este acto é o inicio da celebración dunha sentenza histórica, que algúns consideraban que nunca se produciría. Formulou a necesidade de incrementar a participación, e co o esforzo de todas e todos, darlle a Asemblea Cidadá e á Marcha a Mugardos unha gran dimensión para facer posible a execución da sentenza.

Luz Mariña Torrente: Amosou a satisfacción da Asociación Veciñal de Mehá por esta sentenza e criticou a actitude do Presidente da Xunta e do Alcalde de Mugardos que seguen a “tachar de defecto ou erro o que é unha corrupción”.

Confirmou que desde o CCE e desde a A. V. de Mehá “seguirán loitando para que esta sentenza non caia en saco roto”.


Documentos:

RECURSO CASACIÓN Num.: 451212008 SENTENZA TRIBUNAL SUPREMO | SALA DO CONTENCIOSO·ADMINISTRATIVO SECCIÓN: QUINTA 11.05.2012

T.S.X.GALICIA A CORUÑA SENTENZA: 00311/2008 - COH/AD SEC.2 22.04.2008

--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
9 de junho de 2012 19:07

Intervencións e fotos da Asemblea Cidadá de hoxe

_______________

Agora debemos lembrar tamén aos mariscadores represaliados e xulgados nesta desigual loita contra o despropósito de Reganosa, reivindicando unha vez máis a súa absolución

A nosa lembranza dos mariscadores represaliados e xulgados por mor das protestas pola entrada de gaseiros cargados con GNL/LNG na Ría para Reganosa. En concreto oito mariscadores foron procesados e xulgados (Marzo 2012)  por bloquear a planta de gas en 2007 - Pedían varios anos de cárcere por supostas coacciones e desobediencia, cando o que realmente aconteceu foi unha reacción cidadá e xusta ante un “disparate” da Administración.

Os mariscadores foron represaliados e xulgados, por defender a Ría, a nosa seguridade e os postos de traballo deles e do resto da xente do mar que faenan dentro da nosa Ría. As persoas que bloquearon a Ría non foron eses oito mariscadores, senón que fomos 100 no mar e máis de 500 en terra, as que secundaron o chamado do Comité Cidadán para impedir que se consumara o despropósito, pola vía dos feitos e a indiferenza das autoridades e políticos, cando non complicidade manifesta coa corrupción e o atropelo á cidadanía, por permitir a construción dunha planta de gas dentro da Ría, tan próxima aos núcleos de poboación e mesmo á beira dun complexo petroquímico xa de por si moi perigoso, aumentando aínda moito máis o potencial perigo e o deterioro da Ría para o seu goce e as faenas de pesca e marisqueo.


Enlaces relacionados:
Ártabra 21: Asemblea aberta na praza do Concello de Ferrol, do Comité Cidadán de Emerxencia, por mor da Sentenza do Tribunal Supremo que ven confirmar a anulación da modificación do PXOM de Mugardos que permitiu a construción de Reganosa sen Declaración de Impacto Ambienta - Sábado 9 de Xuño de 2012 - Vídeos e Fotos

Ártabra 21: Rolda de Prensa sobre a Sentenza do Tribunal Supremo que ven confirmar a anulación da modificación do PXOM de Mugardos que permitiu a construción de Reganosa sen Declaración de Impacto Ambiental - Fotos e Vídeo - Nota de Prensa, Audios e Fotos remitidas polo Comité
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon