martes, xullo 10, 2012

Acto de solidariedade, en Ferrol, coa loita dos mineiros de Asturias, León e Aragón: Mércores 11 de Xullo - A loita mineira e a crise do xornalismo - Vídeo


Persoas pertencentes ás asociacións Fuco Buxán, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos e Colectivo Ártabra 21, nun encontro espontáneo, valoraron que era necesario que na nosa comarca se convocara algún acto de solidariedade coa loita dos mineiros de Asturias, León e Aragón. Polo que acordan, mediante este correo, convocar a unha asemblea-concentración aberta, a todas as organizacións e persoas que queiran mostrar a súa solidariedade e recadar axuda económica para a caixa de resistencia da loita mineira.

Asemblea-Concentración Aberta
o vindeiro mércores día 11 de Xullo, ás 21:00 hs,
na Praza do Himno Galego do barrio de Esteiro,
coincidindo coa mobilización en Madrid das columnas mineiras que estiveron marchando a pé no transcurso desta semana.

Ferrol, 9 de Xullo de 2012

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
10 de julho de 2012 00:35

http://lupeces.blogspot.com/

_______________



A loita mineira e a crise do xornalismo



O pasado 22 de xuño comezou a III Marcha Mineira, unha aposta dos mineiros de dar visibilidade á protesta ante o cerrazón do Goberno a negociar o recorte de 200 millóns de euros que levaría á desaparición do sector do carbón no país. Está previsto que cheguen o 11 de xullo a Madrid, onde se prevé que haxa miles de persoas apoiando as reivindicacións do sector, o único realmente mobilizado en plena época de recortes no gasto social, axudas multimillonarias á banca, medicamentazos e ameazas de subidas do IVA e doutros impostos.

As concas mineiras levan desde o 30 de maio en folga indefinida, cun apoio importante da poboación, tanto nas zonas afectadas como no resto do país, que, compartindo ou non todos os seus métodos de protesta, entende que se están xogando o pan dos seus fillos.

Non se repetiu este apoio nos medios de alcance nacional, que pasaron de ignorar o conflito, a destacar só as accións de violencia ou os xestos de apoio político no Congreso á loita mineira, a irrupción das mulleres dos traballadores no Senado (coa consiguente expulsión) ou a negativa de Juan Morano, senador do PP, a apoiar unhas contas públicas que certificaban a morte do sector mineiro no país. Nos últimos días, en gran medida grazas ao apoio dos líderes de UGT e CCOO á Marcha Negra, nas escaletas dos informativos de televisión puidéronse ver colas co día a día do periplo cara á capital.

Ante a evidencia duns medios que, en xeral, non están prestando atención ao conflito, os mineiros decidiron organizarse: abriron contas de Twitter, que manteñen moi activas, para contar o que ocorre cada día (@PorAsturies , @Mineros_Leon @MarchaNegra ), crearon unha radio comunitaria e emiten un programa diario da Marcha Negra (http://www.javiermanzano.es) e, en xeral, decidiron dar as costas aos medios de comunicación tradicionais, actitude máis que xustificada si se ten en conta o ocorrido hoxe.

O ministro de Industria convocou onte aos sindicatos mineiros a unha reunión para desbloquear o conflito. Durante a reunión, non só non ofreceu ningunha alternativa, senón que insistiu en que o Plan do Carbón acaba en 2018 e que non se pode renegociar, nun exemplo de desviar a atención porque do que se trata hoxe é de tratar que se cumpran cos acordos asinados até 2018.

Ao mesmo tempo que seguen os peches de mineiros e a Marcha Negra, un grupo volveu a facer visible o conflito cortando estradas e liñas férreas; onte houbo 11 detidos e hoxe volvéronse a producir incidentes, o que motivou que os antidisturbios entren, de novo, a Ciñera, León, onde volveron a manter un duro enfrontamento cos mineiros que alí resistían. Hai polo menos detidos, e seguramente non che decataches do ocorrido porque ningún medio de comunicación considera que isto sexa noticia.

A axencia Europa Press envorcou o primeiro teletipo ás 17.04 horas de hoxe (Titular: “Os antidisturbios interveñen en Ciñera (León) despois de que un grupo de mineiros cortase a N-630 e a liña férrea”) e os informativos de televisión seguen centrados nas celebracións da Eurocopa, polo que non emitiron nin sequera colas do ocorrido, malia que os veciños falan dunha forte presenza policial e de uso de material antidisturbios de xeito indiscriminado.

Por outra banda, Juan Morano adiantou que solicitará a súa baixa como militante do PP e abandonará o Grupo Parlamentario Popular da Cámara Alta, de modo que pasará a formar parte do Mixto, despois de que se coñecese que a Dirección Nacional do PP suspendeulle temporalmente de militancia e abriulle expediente polas críticas vertidas contra o Goberno e por romper a disciplina de voto na aprobación do recorte no sector do carbón.

Desde fai anos vénse falando dunha crise do xornalismo en canto ao modelo (o choque co modelo que impulsan as novas tecnoloxías, unido á crise económica, materializada no número de anunciantes, levaron a 7.000 xornalistas ás listas do paro).

Con todo, tanto a adoración deportiva á selección española de fútbol como o silencio informativo ante unha noticia que cumpre case todos os principios que mencionamos antes para que un feito sexa noticiábel certifican que a crise empeza pola base do negocio. Moitos xa non saben diferenciar unha noticia do que non o é, de maneira que a reflexión comeza desde a mesma base: Ás cinco W ás que hai que dar resposta (Quen, como, cando, onde e por que en inglés) engádense agora outros interrogantes aínda máis importantes: Quen son, que fago e onde vou?

Neste contexto, poderían tomar o ocorrido hoxe en Ciñera, e o silencio mediático, como o principio dunha reflexión profunda. Non somos optimistas respecto diso.



Fonte: COOP57



http://youtu.be/FlnOn3qYBbE
__________________

4 comentarios

Comunican do BNG que eles non van asistir, xa que apoian que o carbón veña de Indonesia e de Colombia, que é o que consumen en Meirama e As Pontes, ademais do gas de Reganosa, empresa que tamén apoia o BNG
http://www.publico.es/dinero/439459/goldman-sachs-acumula-carbon-colombiano-en-asturias

Pero vós non estabades por outro modelo enerxético, que seica o Carbón contamina moito. Unha de dúas, ou só sabedes ser solidarios cos traballadores de fora deste país chamado Galiza, ou é que cando foron as mobilizacións contra o decreto do carbon tratábase de putealas porque, simplemente, as apoiaba o BNG?

E o BNG só apoia e se solidariza cos traballadores da Galiza? Donde está a solidariedade e o internacionalismo? O bierzo é Galiza ou só o é para cando conveña? Sabes comparar? pois compara o "Decreto do Carbón" e as "reivindicaciós dos mineiros".

Quem queira saber de quem é o sangue que tinge o carbom que chega ao porto de Ferrol, quem queira saber como se pode defender um novo modelo energético sem esmagar os direitos das trabalhadoras e trabalhadores, quem queira escoitar o latexo solidário de galegos e galegas cos povos trabalhadores do mundo, que venha hoje a Esteiro e falamos.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon