INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, xoves 5 de xullo de 2012
JOSÉ LUIS CENTELLA, DEPUTADO DE IU- A ESQUERDA PLURAL, VISITA O ESTALEIRO PÚBLICO FERROLÁN E MANTERÁ UN ENCONTRO DE TRABALLO COS COMITÉS DE EMPRESA.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA MANTERÁ UNHA REUNIÓN DE TRABALLO CO DEPUTADO, QUE TAMÉN ABORDARÁ NA SÚA VISITA UN EXHAUSTIVO ABANO DAS CUESTIÓNS PENDENTES PARA MELLORAR A VIDA DA NOSA CIDADANÍA.
José Luis Centella, deputado de IU- A ESQUERDA PLURAL no Congreso, no que asume a portavocía do grupo, realiza unha visita de traballo a nosa cidade para abordar as problemáticas máis urxentes e importantes que temos, nomeadamente a dramática situación do sector naval público radicado na ría. Xunto con esta cuestión, Centella fará un repaso con diferentes entidades sociais das cuestións formuladas por EU no Congreso con vistas a mellorar as condicións materiais da nosa cidadanía nos diferentes eidos, indo o abano dende as cuestións de saneamento e axudas públicas á industria até os temas de rehabilitación e memoria histórica, pasando polas infraestruturas ferroviarias.
O Deputado manterá un encontro de traballo cos comités de empresa de Navantia Ferrol e Navantia Fene (as vellas e combativas Bazán e Astano) logo dunha botadura que deixa as gradas dos estaleiros públicos baleiras e cun horizonte de despedimentos masivos para este verán, namentras os gobernos do PP xogan co fume da propaganda e coa fame das familias que xa están no paro ao negarse a construír o dique flotante e non acadar nova carga de traballo, asemade de non facer nada para superar os atrancos que se poñen á construción naval pública.
Logo desa xuntanza o deputado manterá tamén un encontro protocolario coa dirección do estaleiro.
O sector naval público e as iniciativas que vén mantendo neste eido a formación política de esquerdas e ecoloxista no Congreso son a primeira problemática que de xeito monotemático en horario de mañán traballará nas reunións a manter. Mais logo, xa en horario de tarde, o deputado xirará xuntanzas con varias entidades da cidade para atinxir outras temáticas da meirande relevancia e actualidade.
A petición do Comité Cidadán de Emerxencia, se manterá no local veciñal de Esteiro un encontro de traballo cunha delegación de EU na que participará José Luis Centella para pór en común as últimas novidades na situación ilegal de Reganosa así como para informar das iniciativas parlamentares en curso por parte de Esquerda Unida. A xuntanza será ás 18:00 horas no local veciñal de Esteiro.
Ou logo, máis tarde, contra ás 19:30 horas, Centella coñecerá de primeira man os traballos e denuncias que dende a SGHN se levan a cabo ante o fraude nos áridos non inertizados e outras cuestións ambientais, así como se tratarán as accións que Esquerda Unida vén de realizar no ámbito institucional para que se atenda unha situación irregular que ameaza a saúde pública e o medio ambiente.
Ferrol, xoves 5 de xullo de 2012
O GRUPO MUNICIPAL RECLAMA A FUNDICIÓN DA ESTATUA ECUESTRE DO DITADOR PARA FACER UN MONUMENTO ÁS VÍTIMAS E LOITADORES CONTRA O FASCISMO.
ESQUERDA UNIDA INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A CONCLUÍR A RETIRADA DOS VESTIXIOS FASCISTAS QUE AÍNDA RESTAN NA CIDADE.
O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera que é tempo abondo para, logo de transcorrido un decenio da retirada da estatua ecuestre do ditador, acadar unha solución definitiva con ela. Solución que non pasa por tapala con panos ou agochala da vista da cidadanía, e si en fundir a peza para coa súa resultante erguer un monumento conmemorativo adicado ás vítimas da ditadura e as persoas que loitaron nesa “longa noite de pedra” para recuperar as liberdades e os dereitos propios dunha cidadanía libre e crítica. Tal fora a proposta formulada por EU no mandato pasado, cando se conqueriu que deixara de ser foco de visitas e fotografías.
Esquerda Unida quere lembrar que aínda son demasiados os vestixios franquistas que restan no termo municipal e que faltan as normas de convivencia dunha sociedade que se quer democrática. Dende o rueiro do Arsenal militar ate o escudo que coroa o vello edificio das aduanas, pasando por bustos de represores e criminais da ditadura como Camilo Alonso Vega que resta nos xardíns do centro hospitalario Juan Cardona, son varias as formas que honran a ignominia da ditadura e da guerra civil feita ao pobo que se dera como forma de goberno á República democrática de traballadores de toda clase, segundo proclamou a Constitución republicana.
Esquerda Unida insta a alcaldía da cidade a dirixir e alentar o proceso que conclúa a retirada de todas e cada unha das placas, estatuas e demáis honras adicadas a aqueles que mantiveron a España e ao noso país cautivos dun réxime criminal. O Goberno Municipal débe de dirixirse as institucións que corresponda, como por outra banda ten feito EU, para que cumpran os contidos da lei 52/2007, que no seu artigo 15 preceptúa a retirada de símbolos e monumentos públicos referidos ao golpe de Estado, á guerra civil e a subseguinte represión e ditadura.
Esquerda Unida vai continuar, no entanto, coa súa laboura de denuncia e reclamación nos diversos eidos institucionais e fornecendo a laboura fundamental do tecido asociativo de memoria histórica e de republicanismo que son os protagonistas da ofensiva de dignidade que vai paseniñamente liberando aos espazos públicos desa simboloxía fascista.
Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/
Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
5 de julho de 2012 13:51
Prezadas/os amigas/os: achegamos dúas INFORMACIÓNS do Grupo Municipal. Neles damos conta da axenda de traballo de José Luis Centella, deputado de IU- A ESQUERDA PLURAL no Congreso, que mañán manterá un encontro de traballo cos comités de empresa de Navantia Ferrol e Navantia Fene, asemade doutras reunións nas que vai abordar as diversas e outras porblemáticas da nosa cidadanía, nomeadamente o escándalo Reganosa que se abordará nunha reunión convocada a instancias do Comité Cidada de Emerxencia. O outro INFORMACIÓNS demanda ao Goberno Municipal que impulse o proceso de eliminación dos vestixios fascistas que aínda restan na nosa cidade. Saúdos, Ramiro Marier
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon