Unha plataforma veciñal "Corcoesto: non todo é brillo no ouro. Plataforma salvemos Corcoesto" ven denunciando os plans da multinacional Edgewater, que quere explotar unha mina de ouro no concello de Cabanas, Bergantiños. Concretamente pretenden sacar 1,2 millóns de onzas. Esta mesma compañía ten outro proxecto en Ghana.
Esta plataforma denuncia os efectos que para a saúde humana ten esta actividade, polo uso do cianuro que contamina as augas e o ar, e os efectos ambientais. Mais desde o concello (PP) están apoiando esta nova desfeita contra a saúde e o territorio, amparándose en propaganda non convencional da empresa que promete máximo emprego e desenvolvemento da zona. A plataforma asegura que a riqueza e o futuro de Corcoeso, e de todo Bergantiños, está na divulgación e conservación da súa exuberante riqueza natural e paisaxística.
Este sábado 11 de agosto realizarán un festival poético de solidariedade e denuncia.
Comunicado da Plataforma "Corcoesto: non todo é brillo no ouro. Plataforma salvemos Corcoesto"
CONTRA A MEGAMINARÍA CONTAMINANTE EN GALICIA. NON Á MINA DE OURO DE CORCOESTO
A Costa da Morte coruñesa está en perigo. Avecíñase un novo 'Prestige' en forma dun irracional plan de minaría a ceo aberto autorizado pola Xunta que pode condenar primeiro a esta bisbarra e logo ó resto de Galicia, a padecementos ambientais e sociais inéditos ata o de agora.
Aproveitando a actual crise económica, e baixo o paraugas dunha promesa laboral incerta, corporacións multinacionais como a canadense Edgewater teñen en mente levar a cabo proxectos como o da mina de ouro de Corcoesto, no Concello de Cabana de Bergantiños. Favorecido directamente por José Muiño (PP), alcalde de Cabana, este proxecto empregará, entre outros produtos de elevada toxicidade, toneladas de cianuro para separar o ouro da rocha.
Esta substancia química ten efectos prexudiciais mesmo a doses baixas, podendo afectar ó aparato respiratorio e ós sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico, dado que en contacto coa pel pode absorberse. A inhalación de concentracións de 401 a 601 mg/m³ resulta mortal para o ser humano. Os efectos sobre a saúde poden durar meses ou anos, e van dende o risco de padecer cancro aos problemas reprodutivos, hipertiroidismo, ou danos permanentes no sistema nervioso.
A minaría a ceo aberto presenta, ademais, unha interminable lista de impactos ambientais:
-Alterando o entorno, modificando a morfoloxía do terreo e deixando ó descuberto grandes cantidades de material estéril, potencialmente perigoso para a saúde. Adoitan alterarse cursos de auga e nos chamados diques de cola, fórmanse grandes lagoas de material altamente tóxico.
-Contaminando o aire con po residual e outros elementos nocivos provenientes das distintas fases do proceso, que poden penetrar ata os pulmóns provocando afeccións respiratorias agudas e crónicas.
-Contaminando a auga. Lagoas de tratamento mal deseñadas ou cun mantemento inadecuado poden contaminar os cursos de auga superficial. Filtracións de augas contaminadas cos reactivos e outras substancias químicas usadas no proceso poden chegar ás augas subterráneas, que habitualmente son fonte de abastecemento de auga potable.
-Contaminando o chan. Eliminando o chan na área de explotación, provocando un proceso de erosión continuado na área periférica. Verteduras accidentais de refugallos ou substancias químicas poden afectar a grandes zonas estremeiras de xeito permanente converténdoas en terreo estéril, e o rendemento agrícola de toda unha bisbarra pode verse alterado.
Queremos un futuro para Cabana de Bergantiños, a Costa dá Morte e Galicia, pero non este. Non nun concello cuio progreso está na conservación e difusión da súa exuberante riqueza natural.
Fontes propias, da Plataforma Salvemos Corcoesto e da propia empresa espoliadora.
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon