mércores, agosto 29, 2012

Denuncian a visita electoral e o catálogo de incumprimentos que acumula a ministra Ana Pastor - Anuncian iniciativa no Congreso para acadar unha decisión a prol do financiamento público e inmediata construción do dique flotante

INFORMACIÓNS   DO GRUPO MUNICIPAL   DE ESQUERDA UNIDA

O GRUPO MUNICIPAL DENUNCIA  A PARÁLISE DUNHA MINISTRA QUE SOMENTES  PRIVATIZA O SERVIZO PÚBLICO DO  FERROCARRIL E NON ACHEGA RECURSOS PARA DESENVOLVER AS IMPORTANTES INFRAESTRUTURAS DA NOSA CIDADE
YOLANDA DÍAZ SUBLIÑA QUE DURME NO CAIXÓN DO DESINTERESE UNHA ALTERNATIVA SUSTENTABLE PARA CONECTAR POR FERROCARRIL O PORTO EXTERIOR
NON HAI AVANCES NA CONEXIÓN DE FERROL CO EIXE ATLÁNTICO E SE AGREDEN OS SERVIZOS DE CERCANÍAS  E REXIONAL DE FEVE

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ten que valorar de xeito extraordinariamente negativo a visita da ministra de Fomento, quen vai consumindo o mandato sen avanzar nada que non sexa o decreto que tenta segregar e privatizar o servizo público ferroviario. Esquerda Unida considera que apenas estamos diante dunha visita que non é outra cousa que unha primeira cortina de fume electoral para agochar as miserias da Xunta.

Yolanda Díaz, na súa condición de Voceira do Grupo Municipal, expúsolle á ministra   o ridículo dun Porto Exterior, rendible, con movemento e que se atopa bloqueado pola falla de conexión ferroviaria. A Voceira defendeu a necesidade de atender as moitas alegacións presentadas á chamada alternativa sur, de insufribles custes medioambientais para a nosa ría, e subliñou que EU avoga por que se resolvan as devanditas alegacións e se proceda a modificar o trazado para logo licitalo con celeridade. Quizabes a falla de dilixencia do ministerio  explique o silencio da ministra aos requerimentos efectuados pola Voceira do Grupo de Esquerda Unida.

Yolanda Díaz formulou toda unha serie de preguntas en defensa do servizo público do ferrocarril e do anunciado ERE. Privatización e recortes que están á orde do día e que dende outubro golpearían en particular a Ferrol mediante a redución de servizos rexionais e de cercanías do FEVE. Esquerda Unida vai presentar ao Pleno do concello unha iniciativa de acordo para manter liñas e servizos, asemade de levar ao Parlamento do Estado o inaceptable recorte en servizos que teñen demanda e cumpren unha función de servizo público.

A loita dos traballadores ferroviarios xa se expresou na folga estatal do día 3 e vai continuar na defensa dun servizo público gravemente ameazado. EU vai manter o seu pleno apoio ás demandas e loitas dos e das ferroviarias.

O noso Grupo Municipal  lamenta o nulo investimento realizado dende o Ministerio para conectar a Ferrol co Eixe Atlántico, verdadeiro no de comunicacións ferroviarias galego. Non se poñen cartos e se adía sine die calquera investimento para acadar esa conexión. Semella que este si é un investimento que debería comprometer o Ministerio e non o chamado AVE, que dista de ser o que necesita a nosa cidadanía e as mercadurías galegas.

En materia de rehabilitación do barrio de Recimil tamén houbo o  silencio do desinterese por un xeito económico e social de situar  o barrio cun equipamento deste século.

En resumo, visita electoral onde non houbo ningún compromiso e apenas palabras para xustificar unha xestión nefasta por contraria aos servizos públicos que demanda en xustiza a nosa cidadanía.

AS GRADAS BALEIRAS, OS DESPEDIMENTOS DE TRABALLADORES CONTINÚAN: ESA É A HERDANZA QUE DEIXA FEIJÓO E NA QUE SEMELLA SEGUE O MINISTERIO E A SEPI
O GRUPO PARLAMENTARIO VAI RECLAMAR A COMPARECENCIA URXENTE DOS RESPONSABLES MINISTERIAIS PARA ABORDAR O FINANCIAMENTO PÚBLICO DO DIQUE FLOTANTE

O  Grupo Municipal de EU denuncia a pasividade ministerial para resolver neste mes de agosto a construción do dique flotante. Javier Galán lembra que as gradas están baleiras  e os despedimentos de traballadores continúan  namentras o Ministerio e a SEPI  deixan correr os días sen importarlles ren a situación dramática da comarca. Semella un escándalo social esta pasividade ministerial.

Esquerda Unida chama a atención das administracións públicas que goberna en exclusiva o PP acerca da insostible situación social e de desemprego que se deriva da tardanza en tomar decisións que o noso Grupo Municipal como a grande  maioría da sociedade ferrolán reclama hai moitos meses. En concreto rematando 2009, EU presentara a primeira emenda aos orzamentos do Estado para conquerir este investimento produtivo.

EU vai rexistrar unha petición urxente no Congreso dos Deputados para pedir  a comparecencia dos responsables ministeriais e da Sepi de xeito que poidan en sede parlamentaria definir os criterios que van rexer para poder construír o dique flotante.

Dique flotante que para Esquerda Unida ten que ter un compromiso de construción inmediato e debe contar con financiamento público.

No pasivo da herdanza que deixa o goberno de Núñez Feijóo quedan os anuncios de fume con acento mexicano así como a negativa a incoporar nos orzamentos da Xunta un partida orzamentaria para construír o dique flotante. Así como o pretendido gran centro de reparacións do naval nas instalacións de Astano. Queda un pasivo de mentiras e incumprimentos e a súa secuela de paro e devastación social.

Ferrol, martes 28 de agosto  de 2012

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
28 de agosto de 2012 14:11

Prezadas/os amigas/os: achegamos dúas INFORMACIÓNS do Grupo Municipal. Nunha denunciamos a visita electoral e o catálogo de incumprimentos que acumula a ministra Ana Pastor en materia de conexións ferroviarias, porto exterior ou rehabilitación. Noutra, anunciamos unha iniciativa no Congreso para acadar unha decisión a prol do financiamento público e inmediata construción do dique flotante, nun intre onde as gradas restan baleiras e continúan os despedimentos. Saúdos, Ramiro Marier

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon