venres, novembro 09, 2012

A C.N.T de Ferrol convoca folga para o 14 de Novembro

A C.N.T de Ferrol convoca folga para o 14 de Novembro

Para CNT o 14 de Novembro debe ser un paso máis cara a novas e máis contundentes mobilizacións, ata conseguir reverter as medidas antiobreiras dos distintos gobernos.

CNT veu traballando desde o día posterior á folga xeral do 29M por unha nova convocatoria de folga, e por unha campaña de mobilizacións xeneralizadas que vaian máis aló das convocatorias de 24 horas, e teñan a capacidade de conseguir a retirada da reforma laboral, das sucesivas reformas legais en favor da banca e a gran patronal.

Nese sentido CNT presentou unha convocatoria de folga propia e diferenciada na que chama a clase obreira da comarca, en activo ou en paro, a estudantes e xubilados a mobilizarse contundentemente contra as políticas antiobreiras do goberno e das institucións europeas, e a facelo de forma crítica co sindicalismo de concertación e pacto social, entendendo que esta convocatoria é un paso necesario pero non suficiente, e que necesitamos levantar, xunto a outras organizacións e colectivos anticapitalistas, as bases dun movemento social amplo e con capacidade de ir máis aló dos limitados obxectivos e medios que o chamado cume social propuxo.

Para CNT, é hora de ir a por todas e enfrontar de xeito decidido o ataque e o saqueo contra a clase traballadora. Afrontamos xa que logo esta convocatoria apostando pola unidade de clase, desde a base, na rúa e nos piquetes, co convencemento de que debemos levantala sobre prácticas distintas das do modelo sindical de concertación e pacto social, que demostrou repetidas veces que é incapaz de enfrontarse á a ofensiva xeneralizada do poder empresarial e financeiro que sufrimos.

CNT chama por iso, a desbordar o guión prestablecido do sindicalismo institucional o próximo 14N, dando á folga a contundencia e a extensión que a situación esixe, apostando desde o día seguinte pola continuidade das mobilizacións, cando xa desde o goberno prepáranse novas medidas contra a clase traballadora que satisfagan as esixencias do rescate das institucións financeiras.

8 de Novembro de 2012

Secretaria de Prensa e Propaganda.

C.N.T de Ferrol

http://www.cntgaliza.org/

Enviado por:
ferrol@cntgaliza.org
-ferrol@cntgaliza.org
8 de novembro de 2012 22:40
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon