Auto-Convocatoria, para persoas e representantes do movemento asociativo de Ferrol, para organizar un apoio activo á Folga Xeral do 14N
Día: Sábado 10 de Novembro
Hora: 11:00 hs.
Lugar: local social da Asociación Veciñal de Esteiro
A principios de Outubro deste ano, as centrais sindicais CCOO, CIG e UGT, chamaban ao tecido social, veciñal, cultural, ..., para constituír unha Alianza Social Galega, ante a moi grave situación que estamos a padecer en Galiza, como consecuencia das decisións adoptadas polos gobernos de Madrid e Compostela, do dereitista Partido Popular que en forma de recortes públicos e de dereitos sociais e laborais, están saqueando os nosos bens, o noso patrimonio social, o noso tecido produtivo e económico, arruinando-nos como País e empobrecendo-nos como Pobo.
Na primeira reunión da Alianza Social Galega, participaron 60 organizacións sindicais e sociais, das máis representativas da Galiza.
Na primeira reunión, celebrada o 8 de Outubro, acordaron constituír a Alianza Social Galega como un espazo plural e sectorial, de debate e acción, para a mobilización contra as políticas de recorte, para xerar o maior espazo de unidade e mobilización fronte aos recortes sociais e en dereitos, e na formulación de alternativas sociais fronte á crise.
Na segunda reunión celebrada 18 de Outubro, elaborou-se o Manifesto Fundacional que conten as principais propostas da Alianza.
Ademais das tres forzas sindicais promotoras, forman parte desta Alianza, outras organizacións sindicais; Sindicatos Agrarios; ONGs de diferente tipo; entidades culturais, federacións de ANPAS, asociacións de autónom@s; asociacións e federacións veciñais; sindicatos e asociacións estudantís; plataformas como SOS Sanidade Pública; asociacións de afectados de diferentes tipo; entidades culturais; e outras.
Os obxectivos desta Alianza, non só se concentran na acción e mobilización, senón que tamén pretenden demostrar que hai alternativas á crise, ás actuais políticas e ao actual modelo.
O 31 de Outubro a Alianza Social Galega acordaba por unanimidade apoio a convocatoria de Folga Xeral do 14N, a través dunha Declaración Pública dirixida a todo o pobo traballador galego.
É por todo isto polo que na pasada Asemblea de Sentinelas do Mandato Popular, do 3 de Novembro de 2012, analizabamos no segundo punto da orde do día a convocatoria de Folga Xeral do 14N e o papel que esta Asemblea debería cumprir neste proceso. En todas as intervencións falouse do apoio á unidade sindical; de como afrontar a ofensiva de ameazas e represalias que as traballadoras e traballadores van sufrir no posto de traballo se queren secundar a convocatoria; da necesidade de incorporar a esta mobilización a autónomos, desempregados e desempregadas, e outros sectores sociais, que están a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais, e de como non están aínda suficientemente explicadas as razóns para esta Folga. E acordou-se de tomar a iniciativa de solicitar dos sindicatos a convocatoria urxente na comarca da rede Alianza Social Galega, para canalizar a colaboración e apoio aos sindicatos do movemento social e cumprir os obxectivos da Folga Xeral do 14N en Ferrol Terra.
Quedou encargada unha pequena comisión de persoas vinculadas ao movemento sindical de intentar que as centrais sindicais promotoras da Alianza Social, convocaran unha Asemblea da Alianza Social Galega en Ferrol Terra, para organizar un apoio activo á Folga Xeral do 14N. Os responsábeis das centrais sindicais, ao non poñer-se de acordo entre eles, rexeitaron a nosa proposta, e acordaron tratar o asunto de convocar a Alianza Social, para máis adiante. As centrais sindicais só van convocar unha Asemblea Informativa, para este luns 12 de Novembro, ás 6 da tarde, no Salón de Actos dos locais sindicais de CCOO de Ferrol, sitos no cruce das rúas María e Carmen.
Mais está promovida, por diferentes persoas integrantes do movemento asociativo e sindical da comarca, unha xuntanza en réxime de Auto-Convocatoria, para este Sábado 10 de Novembro, ás 11 da mañá, no local social da Asociación Veciñal de Esteiro, sito na Rúa Fernando VI, Bloque I baixo de Ferrol (Telef. 981933223).
PARTICIPA !!
Enviado por:
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com-
9 de novembro de 2012 13:40
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon