luns, novembro 19, 2012

Sobre o que ocorre en Gaza, ... por Carlos Taibo

Por Carlos Taibo [*]
19.11.2012


Nos últimos días tiven que escoitar con relativa frecuencia que o que sucede en Gaza a estas horas -as accións militares israelís- é culpa das milicias de Hamás. Ou, por dici-lo doutro xeito, que si estas non bombardeasen territorio israelí, nada estaría acontecendo. A ese argumento convén oporlle os que seguen.

1. Malo é que se intente describir un conflito de longo alento sobre a base do que, en relación con el, ten acontecido nun período de tempo tan breve como próximo. Para entender o que ocorre en Gaza nestas horas hai que prestar atención á historia de Palestina desde 1947, e entón aparecen con claridade "o poderoso e o débil", "o invasor e o invadido", "o colonizador e o colonizado". ¿Que diríamos dun exame do desembarco de Normandía que, focalizando en exclusiva a atención no que ocorreu aqueles días, interpretase sen máis que a Wehrmacht alemana era un exército que se defendía fronte ás iras incontidas dos comandantes aliados?

2. É dolosa, en particular, a ignorancia do sucedido en Gaza desde moito tempo atrás. Parece obrigado falar do amoreamento de palestinos expulsados das súas casas e terras, da represión, a segregación e a explotación. E nos últimos anos do bloqueo. Cando se decide ignorar todo isto, é moi sinxelo chegar á conclusión de que quen lanzan esos foguetes son, sen máis, loucos islamitas que actúan de maneira airada e caprichosa. Aínda que non teño intención algunha de defender a súa conduta, esta última nace dun escenario insoportable, e dun rueiro sen saída. Hamás, en singular, é un produto insorteable -tal vez desexado- da política de Israel. Non ten nacido da nada.

3. Curioso resulta que as máis das veces non se preste atención a unha discusión importante: á relativa á proporcionalidade -á falta dela- das accións militares israelís. Agora coma sempre, o número de mortos do lado palestino é moito máis alto que o do lado israelí. O feito de que entre os mortos palestinos se inclúan con extraordinaria frecuencia civiis inocentes, e crianzas, sitúanos ante o que só pode cualificarse como terrorismo de Estado. ¿Que é peor: o terror que exerce un grupo ‘privado’ ou o que desprega unha maquinaria estatal que, por se fora pouco, autocualificase como Estado de dereito e desfruta dun franco recoñecemento internacional? Máis alá do anterior, convén recear da idea de que Israel non pretende outra cousa que dar réplica ás agresións que padece: esa leria témola escoitado moitas veces cando o obxectivo dos gobernantes israelís era proseguir, sen mais a conquista de territorios e coa súa secuela máis común en forma de expulsión e exterminio de poboacións palestinas. Recupérense ao respecto as sabias palabras que Noam Chomsky difundiu nas últimas horas.

4. Deixemos as cousas claras: quen bombardean Gaza son, en realidade, as potencias occidentais. Hai tempo que estas outorgaron a Israel un papel relevante: o de xendarme rexional que debe acabar con calquera que plante cara ao proxecto colonial que defenden na rexión máis tensa do planeta. De aí, por certo, o silencio conivente dos nosos gobernantes ante o que ocorre en Gaza.

Carlos Taibo

www.carlostaibo.com

[*] Carlos Taibo Arias -Madrid 1956, é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, escritor e activista social, partidario activo do movimento polo "Decrecimento". Forma parte do Consello Editorial de "Sin Permiso" e "Altermundo" | + info |
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon