CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO
Santiago, 17-12-2012
Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns (Costas et al., 2011) que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.
Mentres que as concentracións habituais de arsénico en:
- Rochas son de 0,5 a 2,5 mg/kg (Kabata-Pendias e Pendias, 1984) cun promedio na codia terrestre de 1-2 mg/kg (Matschullat, 2000), na área mineira de Corcoesto hai zonas de arsenopirita semimasiva con ata 100 g/kg (Costas et al., 2011), é dicir un 10% de arsénico, valores unhas 50.000 veces superiores aos habituais.
- En solos non contaminados raramente sobrepasan os 10 mg/kg de arsénico (Krysiak e Karczewska, 2007) en Corcoesto hai zonas con ata 4 g/kg en horizontes superficiais de solos (Devesa-Rey et al., 2008), é dicir unhas concentracións 400 veces máis altas que as normais.
- As concentracións de arsénico nas augas do río Anllóns aumentan 2,1 veces ao atravesar a zona de arsenopiritas na parte media da bacía (zona mineira de Corcoesto) ata acadar os 3,96 microgramos/litro achegándose:
- Ao límite inferior (4,5 microgramos/litro) dos ríos europeos contaminados (Plant et al., 2003)
- Á metade do máximo admitido para augas potables establecido pola Unión Europea (Directiva 98/83/CE), a Axencia de Medio Ambiente dos EEUU (USEPA, 1975) e a Organización Mundial da Saúde (OMS/WHO, 2001). Ao mesmo tempo as concentracións de arsénico particulado nas augas increméntanse 1,7 veces.
- O río Anllóns aporta anualmente alomenos 850 kg de arsénico ao estuario, a meirande parte do cal procede da zona de arsenopiritas de Corcoesto. Tendo en conta a superficie das respectivas bacías, a cantidade de arsénico que o Anllóns descarga anualmente no seu estuario (0,83 kg/s/km2) é maior que as de grandes ríos europeos que atravesan zonas moi poboadas e industrializadas (Támesis, Sena, Loira, Garona e Ródano: 0,44–0,64 kg/s/km2).
- As concentracións de arsénico nos sedimentos do esteiro do Anllóns varían de 15 a 308 mg/kg, e poden clasificarse como contaminados (Hakanson, 1980) xusto despois da antiga área mineira de Corcoesto e ao comezo da zona estuarina. Dita contaminación “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”. De acordo coas directrices de calidade de sedimentos (Long et al., 1995), as concentracións de arsénico en 6 dos 12 puntos analizados no esteiro igualan (1 caso) ou sobrepasan considerablemente (5 casos) o valor de 70 mg/kg a partires do cal sempre se observan efectos e polo tanto poden supoñer un risco ambiental.
Imaxe: Mapa da parte media e inferior da bacía do río Anllóns e o seu esteiro. Indícanse con círculos amarelos os puntos onde Costas e colaboradores (2011) atoparon que a concentración de arsénico en sedimentos comeza a aumentar, xusto augas abaixo da zona mineira, e con círculos vermellos as estación de mostraxe onde se iguala (o de máis á esquerda) ou sobrepasa (restantes) o contido en arsénico para considerarse contaminados.
Aínda que en parte poida ser unha consecuencia natural da existencia de arsenopiritas na zona, alguns datos de Costas et al. (2011) apuntan a que as zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar. Ao respecto convén salientar que fronte a minería a pequena escala, a míudo subterránea, practicada no pasado na zona de Corcoesto, o proxecto da compañía canadiana Edgewater Exploration Ltd pretende explotar a ceo aberto unha superficie de 773,6 ha, con posterior trituración das rochas e tratamento das mesmas con cianuro para extraer o ouro e logo con sosa cáustica e ácido clorhídrico para eliminar o cianuro e corrixir o pH. Xa que logo, o proxecto incrementaría enormemente a superficie de terreo exposta á intemperie e, polo tanto, a meteorización das rochas e a solubilización do arsénico que conteñen. Ademais, xeneraríanse anualmente 100.000 toneladas de residuos do procesado de rochas con cianuro/sosa/clorhídrico que, aparte de extraer o ouro, sen dúbida algunha acelerarán moitísimo a solubilización doutros elementos das rochas, entre eles o arsénico.
Por todo o devandito, o proxecto de minería de ouro a ceo aberto da compañía Edgewater Exploration Ltd podería agravar a actual contaminación das augas do río Anllóns e os sedimentos do seu esteiro ata niveis inaceptables para a saúde humana e a conservación do ecosistema, incluidos os Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte). Á vista do cal SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (ver PDF):
- Que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto Concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña).
- Que, no caso de non desbotarse o proxecto, se esixa a elaboración dun novo Estudio de Impacto Ambiental que inclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posibles:
A rotura das dúas balsas mineiras con vertido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima de residuos que conteñan, incluindo necesariamente o cianuro empregado na extracción do ouro e o arsénico contido nas rochas. O verquido accidental das máximas cantidades de produtos tóxicos e perigosos almacenadas nas instalacións mineiras: 50 toneladas de cianuro, 50 toneladas de sosa cáustica e 30 toneladas de ácido clorhídrico. O verquido accidental de produtos tóxicos e perigosos (cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico) durante o seu transporte ás instalacións mineiras. Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar: a Junta de Andalucía e a Confederación Hidrográfica do Guadalquivir gastaron 132 millóns de euros de cartos públicos en limpar a contaminación provocada pola empresa sueca Boliden, que pretende non pagar nada ou só o 1% dos danos (máis...)
- Que, no caso de non desbotarse o proxecto, se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do punto anterior, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.
Fotografías: Dúas imaxes do esteiro do río Anllóns.
BIBLIOGRAFÍA CITADA:
Costas M, Prego R, Filgueiras AV, Bendicho C. 2011. Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin. Science of the Total Environment 412-413: 304-314.
Devesa-Rey R, Paradelo R, Díaz-Fierros F, Barral MT. 2008. Fractionation and bioavailability of arsenic in the bed sediments of the Anllóns River (NW Spain). Water, Air & Soil Pollution 195: 189–99.
Directiva 98/83/CE del Consejo, de 3 de noviembre de 1998, relativa a la calidad de las aguas destinadas al consumo humano.
Hakanson L. 1980. An ecological risk index for aquatic pollution control. A sedimentological approach. Water Research 14: 975-1001.
Kabata-Pendias A, Pendias H. 1984. Trace elements in soils and plants. Boca Raton, FL: CRC Press- 315 pp.
Krysiak A, Karczewska A. 2007. Arsenic extractability in the areas of former arsenic mining and smelting, SW Poland. Science of the Total Environment 379: 190–200.
Long ER, Macdonald DD, Smith SL, Calder FD. 1995. Incidence of adverse biological effects within ranges of chemical concentrations in marine and estuarine sediments. Environmental Management 19: 81–97.
Matschullat J. 2000. Arsenic in the geosphere - a review. Science of the Total Environment 249: 297–312.
OMS/WHO. 2001. Guidelines for drinking-water quality: arsenic in drinking water. Fact sheet 210. Geneva: World Health Organization.
USEPA. 1975. Preliminary assessment of suspected carcinogens in drinking water. Report to Congress. EPA number 560475003.
Fonte: http://www.sghn.org/
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon