Clicar acima do collage para ampliar a imaxe
Un centenar de persoas asistiron en Ferrol á IIIª Asemblea do Movemento Social de apoio de AGE. Activistas do movemento veciñal, ecoloxista, feminista, sindical, cultural, de distintas plataformas cidadás... estaban convocadas a debater guiándose por unha orde do día que, aínda que densa, foi desenvolvéndose paso a paso grazas á capacidade política que emana do colectivo e da experiencia de anos de loita común.
Só se puido contar nesta ocasión coa asistencia da deputada Yolanda Díaz. O deputado Antón Sánchez desculpou a súa ausencia por motivos de saúde.
En relación da folga xeral do dia 14 de novembro, debateuse sobre as expectativas e distintos tipos de resposta que xerou, e a participación na mesma dos movementos socias, con distintas iniciativas na nosa comarca. Valorou-se como moi positiva a iniciativa da "Culebra Social". Houbo dúas propostas para que a asemblea as vaia madurando, concretando e reflexionando sobre elas. Un “Plan de Emerxencia de Contestación Social”, en relación á necesidade de resposta inmediata e organizada a respecto dos sucesivos decretos do goberno do PP, e outra para apoiar novas convocatorias de folga, con iniciativas “sustentadoras da vida”.
Resaltou-se a importancia das vindeiras mobilizacións unitarias como a convocada para o Martes 4 de Decembro en Defensa da Sanidade Pública; ou a prevista para o, tamén Martes 11 do mesmo mes contra as taxas xudiciais.
En relación ao proceso de creación da Alianza Social Galega, expresouse a vontade de que esta se constitúa a nivel comarcal. Así vai-se solicitar o próximo día 10 de decembro na reunión que esta plataforma vai manter en Compostela. Activistas da Marcha Mundial das Mulleres presentes na asemblea, informaron da mobilización europea polo Día Mundial dos Dereitos Humanos, invitando a todas as organizacións a convocar un acto conxunto diante do centro de saúde Fontenla Maristani, o propio día 10 ás 18hs, con micrófono e actividades abertas. Esta proposta estaba acompañada do apoio do Foro Galego de Inmigración e Lazos.
En relación á proposta de concretar o xeito de relacionarse esta asemblea co Grupo Parlamentar, apareceron distintas propostas (por comisións ou na propia asemblea) para un debate que fica aberto, achegando as seguintes reflexións comúns:
De todas as iniciativas do Grupo Parlamentar de AGE, das que deu lectura e explicación Yolanda Díaz (IBI Igrexa Católica, IBI vivendas baleiras, Medididas Tributarias xustas, minas de Corcoeso, Pacto contra a pobreza, Pesticidas, Paz e cambio climático, Fadesa, Decreto do Galego, nova banca pública galega, desafiuzamentos, ...) , a maioría eran descoñecidas para as persoas participantes na asemblea. Deste xeito confirmase a falta de canles comunicacionais entre a cidadanía e o Grupo Parlamentar. Apuntouse como medida paliativa mais inmediata a axilización da creación dunha web informativa e colaborativa, do grupo parlamentar da coalición.
Alertou-se sobre a importancia de dar a coñecer publicamente as iniciativas presentadas e nas que se están traballando, aumentando o énfase sobre o traballo parlamentario encetado, pois co que queda a maioría da xente só é co que os media pregoan e ao PP lle interesa: que estamos "pelexando por uns metros cadrados de espazo no parlamento".
As iniciativas valoráronse moi positivamente, incluíndo unha reflexión sobre a necesidade de realizar algunha actuación xa sobre a loita de Reganosa. Manifestou-se de forma explícita que se solicitase no Parlamento a petición dunha Auditoría que nos levase ao non pagamento da Débeda Ilexítima e propor a través do mesmo unha actuación directa para pedir responsabilidades xudiciais aos banqueiros culpábeis da estafa á cidadanía. Considerou-se moi importante loitar contra o saqueo do que noutrora foran as caixas de aforros galegas e propor a creación dunha banca pública galega, sobre todo neste momento que xa anuncian a inminente venda de novagaliciabanco, despois de despedir a miles de traballadoras e traballadores, e ser salvado con diñeiro público.
Considerou-se como moi importante o compromiso das e dos activistas dos movementos sociais na divulgación, apoio e colaboración en todas as iniciativas do Grupo Parlamentar, incluída a súa defensa como no caso, neste momento, dos intentos de marxinalización dentro das propias dependencias do Parlamento. Neste sentido, reflexionouse sobre a necesidade de compaxinar a mobilización e concienciación social, co traballo parlamentar, único xeito de conseguir o efecto transformador e rupturista que anceiamos.
Cumpre sinalar a participación nesta asemblea do compañeiro Rafael Pillado, que aínda convalecente dunha recente operación, quixo estar uns minutos con nós, para contribuír na análise e nas propostas.
Por último acordouse que as persoas que convocaron esta terceira asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, organicen a próxima convocatoria.
Narón, a 30 de novembro de 2012
A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:
Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez, Mel Sanxoan e Bernardo Cuétara.
Nota.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos e elaborar a proposta de orde do día.
Aviso: Esta é unha crónica aproximada, polo que se prega quen quixer completar a crónica, envie as aportacións ao correo-e asemblea.apoio.alternativa@gmail.com.
ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR
Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á coalición
Alternativa Galega de Esquerda
Alternativa Galega de Esquerda
Correo-e:
Blogue:
http://asembleadeferrolterra.
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com
2 de dezembro de 2012 22:29
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon