martes, decembro 04, 2012

Convocando a mobilización en Defensa da Sanidade Pública deste Martes 4 de Decembro en Ferrol


A TODA A CIDADANÍA


Na Sanidade Pública, como noutros sectores que son garantes de dereitos fundamentais, pouco a pouco os gobernos do PP, ao servizo do capitalismo financeiro, están impoñendo o seu modelo sanitario, que non é outro que cada quen debe acceder só, aos servizos sanitarios que poida custear. É dicir, desmantelar o sistema solidario que agora temos e que teríamos que mellorar. Estas políticas, usan argumentos baseados en dúas falacias: a insustentabilidade do actual sistema sanitario e que a xestión privada da sanidade é máis eficiente que a pública.

 A Lei imposta polo Goberno, é un paso fundamental nas súas pretensións, ao recuperar a antiga figura do “asegurado”. Deste xeito, hai colectivos cidadáns que quedan excluídos da cobertura sanitaria. A este modelo neoliberal, inducido polos gobernos do PP (tanto o de Mariano Rajoy como o de Nuñez Feijóo) e á maioría dos medios de comunicación (en mans do poder económico), estamos-lle facendo fronte a cidadanía organizada en diferentes plataformas unitarias, que apostamos e entendemos a Sanidade Pública, como un dos alicerces fundamentais e esenciais que garante o dereito á Saúde, como un Dereito Humano Universal.

A escusa da crise económica

Coa escusa da estafa chamada crise, realizan profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto severo na calidade asistencial e nas condicións laborais das traballadoras e traballadores. O obxectivo real destas políticas de recorte, non é reducir o gasto público, senón conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados. É dicir que o que é de todas e todos, pase a mans duns poucos, xa moi ricos e poderosos. Só precisamos botar unha ollada á situación da sanidade pública na Comunidade de Madrid, con privatizacións de moitos servizos e de hospitais incluída, para saber cal é o camiño polo que nos queren empurrar. Por certo, unhas políticas que teñen mobilizado a un sector moi importante de profesionais e de cidadanía en defensa da sanidade pública, cos que queremos amosar a nosa solidariedade.

Nós dicimos que a Saúde non é un Negocio. A Saúde é un Dereito. É por iso que desde a Plataforma defendemos a atención sanitaria como un dereito das cidadás e cidadáns, e que o acceso aos servizos siga sendo de forma universal, sen ningunha restrición e gratuíta (sen repago), pois xa foi pagada por todos e todas nós, de xeito solidario, a través das nosas cotas á seguridade social, taxas e impostos.

As políticas do PP non teñen o apoio da maioría social


A maioría social non apoia ao PP, mais por mor dunha Lei Electoral inxusta que lles favorece, teñen a maioría no parlamento galego para impoñer máis recortes, máis repago e máis privatizacións. Tres (2.036.436 – o 75%) de cada catro persoas con dereito a voto (2.697.717 – o 100%)  non apoiaron ao PP para gobernar nas últimas eleccións do 21O. Mais estes, con 661.281 (o 24,51%) votos, conseguiron a maioría absoluta coa que van seguir impoñendo as súas políticas de desmantelamento do sistema sanitario público.

O PP, pretende desmantelar o sistema sanitario público, potenciar o aseguramento privado e dar participación ás empresas privadas na prestación de servizos sanitarios con diñeiro público, para facer negocio coa nosa saúde. Hai unha estratexia global -impulsada pola troika (CE, FMI, BCE)- que o goberno do PP, na Xunta de Galicia, está a impoñer desde o inicio da anterior lexislatura. E que agora despois das pasadas eleccións do 21O, pretende continuar coa redución dos orzamentos sanitarios; recorte das prestacións; restricións no acceso aos servizos; externalización de actividades; privatización da xestión hospitalaria; introdución do copagamento (repago) por servizos e prestacións sanitarias; obrigación dos pensionistas a pagar unha parte dos medicamentos, as próteses, o transporte en ambulancia non urxente, os alimentos especiais; ...

Mobilicemo-nos para frear as súas políticas de desmantelamento, repago e privatización

As políticas neoliberais do PP levan á deterioración e descapitalización do sistema sanitario público; privatización da estrutura do sistema e dos servizos que presta; e ao desmantelamento dos seus alicerces: universalidade, equidade e accesibilidade. Non permitamos que isto suceda, mobilicémonos, parémolos, non permitamos que desmantelen o que é noso e forma parte dos nosos dereitos.

CONCENTRACIÓN EN FERROL
EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

MARTES  4 DE DECEMBRO, ÁS 7 DA TARDE NA PRAZA AMADA GARCIA 
(DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA)
A SAÚDE NON É UN NEGOCIO, É UN DEREITO
NIN REPAGO, NIN DESMANTELAMENTO, NIN PRIVATIZACIÓN
NA GALIZA, COMO EN MADRID E EN TODA EUROPA
NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

POLO DEREITO A UN SISTEMA DE SAÚDE PÚBLICO,
DE ACCESO UNIVERSAL E GRATUÍTO.
A TÚA PARTICIPACIÓN É DECISIVA, MOBILIZA-TE

 Forman parte da Plataforma: A Revolta de Trasancos C.S. - A.C. Fuco Buxán – A.VV. A Graña, A.VV. A Cabana - A.VV. Caranza - A.VV. Covas - A.VV. Esteiro -A.VV. Ferrol Vello - A.VV. O Cruceiro de Canido - A.VV. O Cruceiro de Meá - A.VV. O Lago-Doniños - A.VV. O Rosario-Inferniño - A.VV. Prioriño - A.VV. San Fernando-Recimil - A.VV. San Pablo de Catabois - A.VV. Santa Eulalia de Limodre - A.VV. Santa Mariña - A.VV. Serantes - A.VV. Ultramar - A.VV. Valle de Esmelle - A.VV. Valón - AFINOR(Fibromialxia) - AGAVIDA - ALCER - AMICOR - Asociación de Diabéticos Ferrolterra - Asociación Parkinson Ferrol-Ferrolterra - ASPANEMI - Ateneo Ferrolán - B.N.G. - C.I.G. - CC.OO. - COGAMI-FERROL - Colectivo Ártabra 21 - CPS de San Valentín - CSIF - Esquerda Unida -Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas - Grupo Rural de Narón - Lazos Pro Solidariedade-Comité Antisida de Ferrol - PSdeG-PSOE - Teima-Sindrome de Down - Terra Galega - U.G.T. - U.S.T.G. - Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol – Participamos na Plataforma Galega SOS-SANIDADE PÚBLICA

Correo-e:
plataformadspferrol@gmail.com

Blogue:
http://plataformadspferrol.blogspot.com/
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon