mércores, decembro 05, 2012

Mobilización cidadá en Defensa da Sanidade Pública - Fotos e Manifesto


A defensa da sanidade pública estivo presente onte na rúa. Pola mañá, ás 12 do mediodía, atendendo a unha convocatoria da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, concentraban-se no Hospital Arquitecto Marcide, na súa maioría persoal do SERGAS. De fondo, os orzamentos da Galiza que prevén recortes na sanidade pública e no resto dos servizos públicos esenciais. Pola tarde numerosas persoas, a pesar do mal tempo, concentraban-se na Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, para defender a sanidade pública, contra o seu desmantelamento, a súa privatización e o repago. A mobilización estaba convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, que pretende representar aos intereses da maioría social e que integra a máis de corenta entidades.

A continuación transcribimos o comunicado final da mobilización que foi leido no nome da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol polo presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, Xosé Miguel López Pérez,  e a secretaria da Asociación Cultural “ Fuco Buxán”, Elena Casal Mera.

MANIFESTO
Boa tarde veciñas e veciños de Ferrolterra. Recibide un saúdo no nome da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, entidade que agrupa a, neste momento, 43 entidades diversas: asociacións sociosanitarias, veciñais, culturais, partidos políticos, sindicatos e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol, entidades defensoras da sanidade pública e preocupadas polos anuncios privatizadores, de reducción de orzamentos en materia sanitaria e de absoluta falla de compromiso coa Área Sanitaria de Ferrol por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Grazas a todos e a todas vós por estar aquí hoxe defendendo á Sanidade Pública.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol somos unha plataforma cívica, constituída vai xa para tres anos e que levamos moito traballo de concienciación e moitas mobilizacións en Defensa da Sanidade Pública, somos unha plataforma pioneira en Galicia e formamos parte da Plataforma Galega SOS Sanidade Pública que, nestes momentos, tamén está facendo unha concentración en Compostela en Defensa da Sanidade Pública. Somos a ferramenta precisa para defender, nesta materia, a toda a cidadanía fronte aos planos de recorte de dereitos, privatización e establecemento de repago que o Partido Popular, nos gobernos de Galicia e do Estado Español, está implantando desde a súa chegada aos respectivos gobernos.

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol facemos un chamamento a tódalas entidades, veciñais, socio sanitarias e de calquera outro tipo, que queiran defender a Sanidade Pública, a que se sumen as 43 entidades que xa forman parte dela. Cantas máis entidades sexamos, máis fortes seremos e será preciso que sexamos fortes por que os recortes e privatizacións en materia de Sanidade Pública previstos para o ano 2013 van ser moitos e moi graves.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública goza de moi boa saúde e vai seguir plantando cara, co apoio da maioría social de Ferrol, Eume e Ortegal, a todos cantos recortes queira implantar o Partido Popular.

A sanidade pública é unha conquista da cidadanía, non foi un regalo de ninguén, a sanidade pública, cos defectos que haxa que corrixir ( un deles as excesivas listas de espera) é comparable a calquera do mundo. Esa cidadanía que conquistou ese dereito non vai permitir que desde a actual Xunta de Galicia se converta a saúde nun negocio que beneficie a empresas constructoras como Sacyr Vallehermoso, empresas aseguradoras como Asisa, Adeslas, Usp, DKV, Sanitas, Capio Sanidade, bancos e mesmo a empresas farmacéuticas,e a empresas como EULEN que tamén queren facer negocio coa Sanidade Pública a costa de encarecer a prestación do servizo, construír centros de peor calidade  e a costa de precarizar  e reducir o emprego.

O dereito á protección á saúde  constitúe un dos eixes fundamentais dun Estado democrático e social e así se recolle nos principios  da política social e económica da Constitución do ano 78, establecida nos artigos 41 e 43.

 Estes dereitos recollidos no texto constitucional e as competencias que  se recollen neste eido no Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 33,  están ameazados pola sistemática  falla de recursos co que o goberno da Xunta de Galicia  atenaza ao Servizo Galego de Saúde, co conseguinte menoscabo da calidade asistencial .

Se pretende trasladar a Galicia modelos, que no seu pais de orixe, o Reino Unido na época de Margareth Thacher, xa amosaron o seu absoluto fracaso ,que descapitalizaron o sistema público e que mesmo o Partido Conservador Británico xa anunciou que vai abandonar.

Modelos que xa se implantaron en Catalunya, Valencia e Madrid, tamén con partidos conservadores, e onde tamén demostraron o seu fracaso. Sabedes da longa loita da cidadanía de Madrid en contra dos recortes e da privatización de Hospitais e Centros de Saúde, hoxe mesmo están mobilizándose e desde aquí queremos enviarlles unha mensaxe de apoio á súa loita, que é a nosa mesma loita. A loita pola defensa dunha Sanidade Pública, Gratuíta e Universal para todos por igual. Vaia desde Ferrolterra a nosa mensaxe de apoio e solidariedade.

Se pretende xustificar, unha medida absolutamente política, con a falla de recursos e a crise, esa crise  que provocada pola Banca, as grandes constructoras  e os monopolios, estamos padecendo os de sempre.

Hai que recordar que cando este modelo se implantou en Madrid e Valencia estabamos en plena bonanza económica, o que demostra que e unha medida absolutamente política de aposta por un modelo fracasado e que non ten absolutamente nada que ver coa crise económica. As grandes empresas e a Banca que provocaron o crack económico van provocar agora o crack no sistema sanitario público para abrir ás portas ó repago e á privatización.

Quen poida pagar recibirá determinados servizos e quen non poida pagar non os recibirá asistencia.

Ten isto que ver coa crise ou obedece a unha aposta política de converter a saúde nun negocio para unhas cantas empresas?.

Ten esto que ver coa crise ou é unha aposta polo beneficio empresarial en detrimento da calidade asistencial na sanidade pública?.

En Galicia xa tivemos un exemplo de fracaso absoluto na privatización da xestión sanitaria: Foron as Fundacións Sanitarias que promoveron os Señores Romay Becaría desde a Consellería de Sanidade e Alberte Núñez Feijoo á fronte do Sergas. Os hospitais de Verín, Barbanza, Salnés e Cee que tiveron

que ser rescatadas, para poñelas en valor, polo Sergas. O Sr . Nuñez Feijoo non aprendeu dos seus erros e agora pretende retomar eses modelos privatizadores e ir máis aló aínda, coa implantación do repagamento, seguindo o modelo de Esperanza Aguirre e deixando en mans de constructoras e aseguradoras os novos Hospitais e os novos centros de saúde.

Mentres en países como Estados Unidos, país que a pesar da reforma que quere facer Obama está a anos luz da prestación que ofrece Sanidade Pública do Estado Español,  pero no  se quere ir cara adiante e establecer un modelo cada vez máis público, máis universal e que de cobertura a cada vez mais persoas, como sucede no Estado Español, en Galicia, grazas á actual Xunta, estase indo xusto no sentido contrario e vaise cara a privatización de servizos e a precarización e á reducción do emprego como xa sucede en Madrid, Valencia e Catalunya e agora tamén se quere facer en Castela- La Mancha co goberno de Dolores de Cospedal.

A  Xunta de Galicia, a pesar de falar do aumento do gasto social, reduciu, por vez primeira, nos últimos catro anos en 300 millóns de euros os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Sergas o que vai impedir que se poidan ofertar novos servizos, mellorar os existentes, que se poidan incrementar os cadros de persoal . A única partida que medrou nos últimos catro anos foi a dos concertos coa Sanidade Privada

Xa se detecta a reducción de contratacións de persoal en casos de enfermidade, permiso, vacacións etc, non se substitúe a ese persoal co que o calidade asistencial diminúe.

Tamén se paraliza o Plan de Mellora da Atención Primaria que ía permitir unha atención primaria máis resolutiva, de mais calidade e que ía facer posible a reducción das listas de espera.

Case 30 prazas de médicos, pediatras, enfermeiras e fisioterapeutas, que xa estaban presupostadas no 2009 para a Área sanitaria de Ferrol desaparecen. Onde foron os cartos?. Por que non se ofertan esas prazas?. E as 458 prazas de Primaria en todo Galicia?. E as 1000 prazas de Atención Primaria que se ían crear en 3 anos e toda Galicia?

Mentres isto sucede se seguen incrementando os concertos con Hospitais e clínicas privadas, un exemplo e Povisa en Vigo, que é o centro que ten a maior lista de espera, ó que se lle pagan 72 millóns de euros cada ano, nunha aposta clara por empeorar a prestación sanitaria publica favorecendo que os cidadáns e cidadás acudan a sanidade privada.

O concerto particular que vincula a POVISA co Sergas foi negociado nos últimos meses. Os seus propietarios e xestores tiveron a  extraordinaria fortuna de ver no outro lado da mesa a Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade, que foi xerente do sanatorio La Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa) durante moitos

anos. Hai un evidente conflito de intereses que debería impedir a esta persoa participar nesta negociación pero que non foi así.

Outro xeito de favorecer a Sanidade privada concertada e a non aplicación do decreto de incompatibilidades que impide que profesionais da sanidade pública, atendan nos hospitais concertados a usuarios e usuarias públicos a través deses concertos.

Non se aplica o decreto e se mira para outro lado, sabendo de situacións e comportamentos  que aquí en Ferrol son escandalosas. Todos sabemos o que pasa en Ferrol con determinados profesionais e a Administración que tamén o sabe non actúa e mesmo é cómplice.

No que se refire a esta Área Sanitaria hai unha falla total de compromiso, deixando paralizados tódolos proxectos que se tiña previsto facer logo de que o Hospital Naval se incorporou o Sergas.

Se segue a tratar pola Sanidade Publica, como enfermidades comúns, enfermidades profesionais, nun claro interese de favorecer as Mutuas que serían quen terían que custear eses procesos e que permitirían ós traballadores e traballadoras unha maior retribución e non pagar os medicamentos.

Non se fai unha utilización plena de tódolos recursos  sanitarios públicos desta Área Sanitaria, dunha maneira coordinada e plena e se manteñen concertos con hospitais e clínicas privadas, de dubidosa necesidade, por un importe que supera os 13 millóns de euros anuais. Mentres ao Hospital Nóvoa Santos se está levando ao seu peche, deixándoo sen contido asistencial

Precisamos a creación dun Centro de Referencia de Enfermidades Profesionais nesta comarca onde temos milleiros de persoas afectadas pola asbestose e outras patoloxías de caracter profesional.

E preciso incrementar os orzamentos da Consellería de Sanidade e do Sergas ata ratios europeos, que permitan o incremento de prestacións e o incremento de profesionais.

E preciso controlar o despilfarro no gasto farmacéutico que en poucos anos vai supoñer mais gasto que o gasto de persoal. E preciso unha maior dispensación de xenéricos e de unidoses nas farmacias.

En definitiva necesitamos unha aposta decidida pola Sanidade Publica e nesa liña faise preciso a  derogación da Lei 15/97, que permite esas xestións privadas.

A actual Xunta de Galicia ten paralizada a construcción dos centros de saúde en A Capela, Ares, Cedeira e Narón, que xa tiñan que estar en funcionamento e tamén a ampliación do Fontenla Maristany. Temos paralizada a construcción

do Centro de Saúde de As Somozas, sen rematar a ampliación do Centro de Saúde de Serantes e segue pechado, sen ningunha razon,

o Consultorio da Graña. O Pleno do Concello de Ferrol, por unanimidade, acordou demandar da Xunta de Galicia a súa reapertura inmediata e o Alcalde de Ferrol, Sr. Rey Varela, non fixo ningunha xestión, nin diante da Consellería de Sanidade nin diante da Xunta de Galicia, para conseguir ese obxectivo. Ese é o compromiso de Rey Varela coa cidade de Ferrol. Tamén se comeza a falar de pechar o consultorios de Ferrol Vello, Maniños, Pedroso e o Val.

Un exemplo claro de que pretende facer o Partido Popular coa Sanidade Pública témolo no Hospital de Vigo , estaba prevista a súa construcción cun orzamento de 350 millóns de euros e coa proposta actual da Consellería cando rematen os 20 anos de concesión , chegará ós 1400 millóns de euros e con menos camas hospitalarias. A Sanidade Pública paga máis por menos. Outro tanto no futuro Hospital de Pontevedra.

Por todo esto estamos hoxe aquí , Ferrol, Eume e Ortegal, estamos aquí porque “A saúde non e un negocio”.Foi unha conquista dos traballadores e traballadoras deste país e temos que defendela é unha legado que recibimos dos nosos pais e que temos a obriga de deixarllo  aos nosos fillos.

Estamos diante dunha situación moi perigosa e de ataque decidido, por parte da Xunta de Galicia, contra a Sanidade Pública e temos que mobilizarnos na súa defensa.

Xa se estableceu o repago farmacéutico para pensionistas e se incrementou o dos traballadores en activo. Vaise implantar o cobro dun euro por receita, o que supón penalizar a enfermidade e ademais crear aínda máis desigualdades. Deixase de financiar as próteses, ortopróteses, cadeiras de rodas, etc.

Vaise comezar a aplicar o cobro do transporte sanitario non urxente,que vai afectar de maneira clara aos que teñen que facer Diálise, Rehabilitación, Radioterapia, etc. Esto vai volver a afectar ao colectivo de pensionistas, que en Galicia ten as pensións máis baixas do Estado

Xa ten falado, repetidas veces o Sr. Feijoo de cobrar pola comida hospitalaria e cando se estableza a nova carteira básica de prestacións na Sanidade Pública, poderase ver como prestacións que agora temos, desaparecen.

Especialmente grave é o Real Decreto Lei 16/2012 que deixa sen cobertura a maiores de 26 anos que nunca cotizaron , a persoas maiores que nunca cotizaron e , sobre todo aos inmigrantes, nunha actitude completamente xenófoba se lles priva da prestación sanitaria e se lles pretende criminalizar dicindo que consumen moitos recursos sanitarios o que é absolutamente falso. O colectivo de inmigrantes consume moi poucos recursos sanitarios.

Compre reiterar que a Sanidade Pública e sostible e que os recortes que está a implantar o PP son ideolóxicos, non teñen nada que ver coa crise e si co seu modelo neoliberal de converter a sanidade Pública nun negocio para os seus amigos.

O Estado Español inviste, de media, 1500 euros por persoa e ano en prestación sanitaria está á cola da UE e Galicia aínda inviste menos que o resto do Estado . Por cada 9 euros que se dedican á Sanidade Pública na Unión Europea en Galicia se dedican 6 euros e, aínda así, temos unha Sanidade Pública equiparable á de calquera país da UE

1500 euros por persoa e ano en Sanidade Pública. Sabedes canto custa á cidadanía o rescate e saneamento da Banca Privada? Pois 1850 euros por persoa e ano, para non recibir nada a cambio.

Quen acaba de malgastar  millóns de euros en socorrer aos bancos e ás Caixas para que os seus directivos cobren millóns de euros de indemnizacións, dinnos que a Sanidade Pública é insostible? É ofensivo e insultante que se nos diga iso.

Non Sr Rajoy, non Sr. Feijoo non nos van enganar e non nos imos deixar enganar a Sanidade Pública é absolutamente sostible. Sabemos que as razóns dos recortes e das privatizacións son ideolóxicas e non son económicas.

Sr Feijoo a súa mala xestión e os escasos recursos que a Xunta de Galicia lle dedica á Sanidade Pública é a que pode facer insostible un sistema que é perfectamente sostible para quen cree nela, que non é o seu caso, unha Sanidade Pública que, ademais de salvar vidas, é un dos máximos xeradores de emprego en Galicia.

Sr. Feijoo non nos toque vostede os servizos públicos. Sr Feijoo aprenda vostede dos seus erros , xa fracasaron vostede e o seu mentor Romay Becaría, as súas políticas xa fracasaron en Galicia. As políticas que quere implantar vostede e o seu partido, xa fracasaron en Valencia e Madrid e están aniquilando á Sanidade Pública.


E eso o que pretende Vostede Sr. Feijoo, aniquilar á Sanidade Pública?.

Nin sequera os que votaron ao Partido Popular queren que Vostede privatice e aniquile o ben máis prezado que temos e que en épocas de crise e de desemprego faise aínda máis necesario: A Sanidade Pública.

Saiba Vostede Sr. Feijoo que os cidadáns e cidadás de Galicia, como estamos facendo hoxe en Ferrol e están facendo en Compostela, non llo imos a permitir.

A saúde non é un negocio. Non á privatización da Sanidade Pública.

Moitas grazas.

En Ferrol a 4 de Decembro de 2012

Correo-e:
plataformadspferrol@gmail.com

Blogue:
http://plataformadspferrol.blogspot.com/

Plataforma Galega SOS-SANIDADE PÚBLICA

Fotos de Susete'70.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon