domingo, decembro 16, 2012

Non pode ser, non pode ser, alimentos no lixo e xente sen comer


Hoxe,
domingo 16 de decembro, ás 12:30hrs comezaba unha concentración da Asemblea de desempregad@s da CIG,  ante o hipermercado Alcampo n'A Gándara, co obxectivo de protestar e denunciar a política de eliminación daqueles alimentos próximos á caducidade que realizan as grandes superficies e cadeas de supermercados, porque "xa non lles resultan rendíbeis economicamente".

A acción tiña lugar tanto fora como dentro das instalacións do hipermercado d'A Gándara. Nun principio un grupo de activistas sindicais concentraron-se nas portas de entrada na explanada, repartindo follas informativas e despregando unha grande faixa reivindicativa. Posteriormente pasou-se a manifestar dentro da zona comercial, por todo o recinto, denunciando con consignas alusivas aos obxectivos da mobilización: "Non pode ser, non pode ser, alimentos no lixo e xente sen comer".

Unha vez no centro xeográfico de Alcampo, pronunciou unhas palabras un dos membros do colectivo sindical, Carlos García que fixo alusión aos motivos da acción que se
inscribe
dentro dunha iniciativa promovida pola Asemblea de Desempregad@s que consiste en coñecer o destino que lle dan as grandes cadeas de alimentación da nosa comarca aos alimentos que lles faltan poucos días para caducar:

Informou
Carlos García, de que a Asemblea de desempregad@s presentou denuncia ante a fiscalía, para que entre outras cousas elabore un informe sobre as prácticas das grandes e pequenas superficies comerciais de destrución de alimentos básicos, antes da súa caducidade. Por outra banda fixo mención a que mesmo Alcampo dispón dunha compactadora para destruír os alimentos que xa non son atractivos para a venda pola súa proximidade á data de caducidade.

"Alcampo negouse con desprezo a recibirnos e a interesarse pola nosa iniciativa, e máis sabendo que é un segredo a voces o que fai este centro comercial con eses alimentos.

En tempos onde se nos reclama 'austeridade' ou 'que nos apretemos o cinto', foméntase o consumismo compulsivo coa chegada do Nadal, e mentres, hai xente obrigada a meterse nos contentores do lixo para buscar  algo de comer.

Desde o noso colectivo, queremos seguir mantendo o debate social que creamos coa expropiación simbólica de alimentos de primeira necesidade a principios do mes de xuño pasado no Maxi-Dia de Ferrol, para demostrar que por riba de calquera beneficio privado está a dignidade das persoas.

@s traballadores/as en situación de desemprego que integramos este colectivo, somos conscientes de que se non continuamos a promover este tipo de mobilizacións e crear a necesaria alarma social sobre a dramática situación pola que están a atravesar moit@s desempregad@s que non contan con ingreso económico algún, veremos como esas expropiacións deixarán de ter carácter simbólico e serán pura realidade
".

A acción rematou pasada unha hora, sobre as 13:30hrs cun forte aplauso polo obxectivo conseguido de denuncia e protesta.



Ante esta situación desde a Asemblea de desempregad@s da CIG propoñen unha serie de alternativas que están relacionadas na folla informativa:
  • Comedores sociais nos barrios. A día de hoxe só existe en Ferrol a Cociña Económica como entidade de referencia para esta cuestión.
  • Economatos populares nos barrios, nos que se podan adquirir productos alimentares básicos a baixo prezo ao ser subvencionados polo Estado.
  • Bancos de alimentos de control público.
  • Servizo municipal de xestión e recollida dos alimentos próximos à caducidade que rexeitan os supermercados.
  • Servizo de comedor escolar gratuíto para fill@s de traballadores/as en situación de desemprego.
  • Unha renda básica para aqueles/as desempregad@s que non perciban prestación algunha, asegurando que podan adquirir produtos de primeira necesidade.
Web da CIG:
Confederación Intersindical Galega - CIG

Asemblea de Desempregad@s da Confederación Intersindical Galega -CIG:
no facebook


Blogue da Asemblea:
http://asembleadesempregadxscigferrolterra.blogspot.com.es/


Enlace relacionado:Ártabra 21: Concentración, na explanada de Alcampo, para protestar polo modo de "xestionar" os alimentos próximos á súa data de caducidade - Solicitan á Fiscalía que investigue o destino de alimentos a piques de caducar
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon