“Estamos ante unha violencia que non interesa a ninguén, porque a esta sociedade non lle importa a infancia, só hai que ver o espazo que ocupa nos discursos políticos ou nos programas eleitorais”. Así de rotunda se pronunciaba a responsable de Advocacy e Campañas de Save The Children, a avogada Yolanda Román, na II Xornada sobre Abuso Sexual Intrafamiliar,organizada por AGAME. “Estamos ante unha sociedade que non está aberta a recibir información sobre o abuso á infancia”, lembraba esta ponente que insistía que o 52% da sociedade española ve normal pegar aos nenos e nenas para educar.
Ademais de dar a coñecer os dous
últimos informes elaborados por esta organización, asegurou que
existen ferramentas legais para facer valer os dereitos das nenas e
dos nenos, comezando pola propia Convención dos Dereitos da
Infancia do ano 1989. O que sucede, insistiu a representante de Save
The Children é que non existen os recursos necesarios para
aplicalas. A sociedade debe coñecer cales son as prioridades dos
estamentos políticos, porque a infancia non soe ser unha delas.
Tamén denunciou que na Administración
de Xustiza, os nenos e nenas son xeralmente vítimas de violencia
institucional, tanto se se trata de testemuñas, como de vítimas dun
delito. Hai descoñecemento na administración, mesmo de que as
normas internacionais son de aplicación directa nos estados
asinantes. Asegurou que hai descoñecemento e falta de
especialización. Sumou a isto os prexuízos instalados, dos que
subliñou a “Presunción de manipulación” que se exerce sobre as
nais das vítimas de abuso, e a “presunción de non credibilidade”
da Infancia.
A palestra do psicólogo Manuel Lopo,
especialista en Psicoloxía Clínica e Familiar, centrouse no “sen
sentido da polémica do Síndrome de Alienación Parental”. Un
síndrome que asegurou, non existe. Os dous organismos internacionais
que publican a lista de enfermidades mentais, DSM e C10, non o
recoñecen. Denunciou que se trata dunha invención do profesor de
psiquiatría Richard Gardner. Un síndrome que se inventa xustamente
cando en EEUU se comeza a perseguir con certa efectividade o abuso a
menores no ámbito intrafamiliar.
Lopo asegurou que é escandaloso a
utilización deste inexistente síndrome, en informes periciais, de
casos de abusos a menores, onde abunda máis a opinión que a
información. Engadiu que hai xa suicidios documentados de menores,
obrigados por sentencias apoiadas no SAP, a convivir cos seus
agresores.
Hai defensores do SAP, como é o caso
de Aguilar Cuenca e Asunción Tejedor, que intentaron, sen éxito, o
recoñecemento internacional como patoloxía. “Máis próximos
están Francisca Fariña e Ramón Arce, defensores do SAP, vinculados
a universidades galegas, que levan asinado proxectos de investigación
e intervención con varios gobernos da Xunta de Galicia” , indicou
Lopo.
“Hai que falar dos beneficiarios do
SAP, do Looby dos maltratadores, un Lobby machista con raíces moi
arraigadas en ámbitos xudiciais, universitarios, médicos, e
políticos, que ven neste síndrome inventado, unha garantía de que
as denuncias non alcancen os seus obxectivos” concluiu este
especialista en Psicoloxía Clínica e Familiar.
A avogada María Naredo, investigadora
en dereitos Humanos, presentou na súa intervención nestas xornadas,
o resultado dun estudo feito dos autos por abusos sexuais a menores,
sobreseidos nas audiencias provinciais, no período comprendido entre
xaneiro do 2011 e xullo do 2012. A este estudo engádense catro casos
documentados. “É triste constatar que os indicios de abuso
preséntanse segundo este estudo a idades moi temperás, de 17 meses
ata catro anos”, indicou Naredo. Afirmando que o que debera
proporcionar maior protección, por menor idade, á vítima de
abusos, convertese nunha razón para o sobreseimento do caso, porque
se asume unha maior influenciabilidade, e a dificultade de recoller
testemuña veraz. Outro argumento esgrimido no sobreseimento dos
casos, é a suposta instrumentalización nun proceso de separación
ou divorcio. Argumentase que as denunciantes, nais, beneficiábanse
no proceso de separación dunha posible condena, en ningún dos casos
do informe, analizouse os beneficios do denunciado derivados do
sobreseimento.
Esta investigadora en Dereitos Humanos
fala da necesidade de recoñecer nas nenas e nos nenos suxeitos de
dereito. Os casos de abusos deben ter prioridade, e primar o interese
superior do neno ou a nena, non nun sentido literal do enunciado,
senon vendo o que significa ese interese xeral para cada caso. “Nos
procesos xudiciais non se contempla en moitas ocasións a protección
do menor, nen o tempo que transcorre entre as dilixencias”, dándose
casos como o dunha menor que pernoctou un ano enteiro co seu
pai-agresor, desde o tempo da denuncia atá que foi condenado. “Non
se motivan suficientemente as decisións xudiciais ditadas contra a
opinión das nenas e nenos” explicaba María Naredo.
Despois de facer unha relación
exhaustiva das trabas encontradas polas denunciantes para conseguir
seguir adiante co proceso, incidiu na contradición que supón que a
maioría dos casos sobreseidos, o son por falta de probas, cando esas
mesmas probas foran solicitadas polas denunciantes e denegadas. “É
frecuente nestes casos que a fiscalía non se opoña ao
sobreseimento, hai unha falta importante de especialización en todos
os actores do ámbito xudicial” concluíu a avogada. “Non estamos
pedindo condenas, simplemente estamos pedindo que se investiguen os
casos, que se utilicen ferramentas, que as hai, para conseguir
testemuñas das vítimas e probas periciais rigorosas”.
A psicóloga Carolina Iglesias
mencionou algúns dos estudos realizados sobre abuso sexual a menores
indicando que ten unha incidencia do 0,5% anual, e unha prevalencia
do 15% en nenos e dun 22% en nenas. Analisando os datos destes
estudos, Carolina Iglesias desenvolveu a tese de que se pode falar de
abusos sexuais de xénero dentro do ámbito familiar. Para a
psicóloga,estes abusos entrarían dentro da violencia patriarcal
onde factores como a asimetría e a coacción, marcarían as
coordenadas do fin último desta violencia que é marcar o dominio, a
posesión.
A representante de Save The Children
recordou que xornadas como as desenvolvidas en Ferrol, son pequenas
luces que comezan a alumear unha realidade oculta contra a que temos
que sumar todas as forzas, e lembrar que os nenos e as nenas teñen
dereito a ser escoitados, e que esa resposta se dé en condicións de
seguridade e liberdade.
Ferrol, 28 de Xaneiro de 2012
Ártabra 21
____________________
Ferrol, 28 de Xaneiro de 2012
Ártabra 21
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon