xoves, xaneiro 24, 2013

Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura, este Domingo, 27 de xaneiro, ás 12 do mediodía no Castelo de San Felipe – Ferrol


As Asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, convidan a participar na Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura, este Domingo, 27 de xaneiro, ás 12 do mediodía no Castelo de San Felipe – Ferrol, lugar onde foi fusilada fai agora 75 anos.

Enténdese que, pola singularidade deste caso, a súa homenaxe é tamén a homenaxe a todas as mulleres  de Ferrolterra represaliadas pola dictadura franquista, e fai un chamamento a poboación para que acuda ao devandito acto.

Amada García era natural e veciña de Mugardos, estaba casada con Gabriel Toimil Dopico e tiña unha filla. Foi fusilada no Castelo de San Felipe o 27 de Xaneiro de 1938. Esta bastante estendida a idea de que foi fusilada por bordar unha bandeira do Partido Comunista de España, o que é falso. A realidade é que era unha muller politicamente moi activa e boa oradora, unha líder natural, polo que se granxeou as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa.

Cando se produce o golpe de estado dos militares, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños.

Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen e xulgan a un elevado número de veciño/as do concello (causas 42/37 e 379/37). Precisamente, unha das mulleres acusadas era Amada García Rodríguez.

Cando se dita a sentenza de morte contra Amada García, estaba embarazada, polo que retrasouse a execución a espera de que dera a luz ao seu fillo Gabriel Toimil García. O parto foi 0 31 de outubro de 1937 e tres meses despois foi fusilada xunto con Ángel Roldós Gelpi, un profesor do colexio público “O Pitieiro” e outros seis compañeiros.

Amada García non cometeu ningún delito de sangue nin participou actividades destrutivas. A véspera de ser fusilada, Amada García deixou escrita unha carta onde explicaba detalladamente as circunstancias da súa desgraza e a identidade das persoas que lle acusaron. O seu proceso está cheo de irregularidades e advírtese o afán vengativo e de despeito de certas persoas. Baste sinalar que as dúas testemuñas principais da acusación que afirmaron ouvir a Amada García tentar influír no alcalde republicano para que asasinase as persoas de dereitas que estaban detidas no concello, declararon estar fuxidos fose do pobo todos eses días. Como puideron ouvir esas supostas conversacións?, Como o Tribunal as considerou verídicas e válidas? Un dos acusadores, visitou a Amada García e quixo retirar as súas acusacións explicando as circunstancias polas que as fixo, pero foi ameazado. Dous veciños de Mugardos que eran analfabetos, protestaron ao decatarse que se lles fixo asinar unha declaración que non recollía o que depuxera no interrogatorio. A pesar de declarar que o contido do escrito non era o que se lles leu, non se tivo en conta.

En dous días xulgáronse a 45 persoas de Ares e Mugardos e ditáronse 37 penas de morte.
Fotos de Amada coa súa filla, e doutra homenaxe hai dous anos.
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
23 de janeiro de 2013 22:55

As Asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, convidan a participar na Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura.

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon