xoves, xaneiro 24, 2013

Presentado o libro 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda'


Éxito total de afluencia na presentación de 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda', dos xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado. Un libro, en palabras de Manuel Martínez Barreiro, "intelixible, interesante e intelixente", no que se entrevista a Xosé Manuel Beiras, Yolanda Diaz Perez, Martiño Noriega Sánchez e Xabier Ron sobre esta "experiencia insólita".

Os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012 debuxan un novo mapa político na sociedade galega coa súbita irrupción da plataforma electoral da Alternativa Galega de Esquerda, convertida en terceira forza no Parlamento Galego con 9 deputados.

A emerxencia de AGE como nova alianza de partidos trae tamén consigo o retorno de Xosé Manuel Beiras, nas súas palabras, “un político dun ciclo histórico que remata”, que procurou “navegar en mar de fóra” para o seu retorno á arena da cámara galega, no que el mesmo considera como o seu epílogo político.

AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, terceiro título da colección xornalistas, é a crónica do proceso de conformación da AGE, dos seus como e por que e a delimitación das coordenadas políticas deste novo proxecto de alianzas na voz dos seus protagonistas. En palabras dos autores:

O contido deste libro xorde da curiosidade xornalística por un proxecto que achega novas claves á política galega, a institucional e a exercida a nivel de bases. Os autores quixemos pescudar na rebotica da AGE –pensamento político, contactos, negociacións–, o seu programa e as súas expectativas. O mecanismo elixido foron as conversas con catro líderes significados da coalición. Ao tratarse dun experimento tan recente e en permanente construción, non existen aínda elementos nin perspectiva para un ensaio valorativo, moito menos un balance, do que supón a Alternativa Galega de Esquerda. O territorio de traballo é o da crónica de urxencia. O propósito que nos guiou foi suscitar conversas sobre aspectos que no seu día quedaron fóra da cobertura xornalística, conversas nas que estiveran excluídas, na medida do posible, a corrección e a gramática partidistas. Especial interese ten o testemuño dun Beiras que proclama o final do seu ciclo, convencido de pertencer a un tempo político que remata.

Manuel Darriba (Sarria, 1973)
Traballou como xornalista en El Progreso e colaborou en medios como El Periodico de Catalunya, Expansión, El Mundo e El País. Na actualidade é columnista do xornal De Luns a Venres. Escribe guións de ficción e dirixe documentais e programas de televisión. A súa obra literaria recibiu diversos premios e parte dela está traducida para español.

Daniel Salgado (Monterroso, 1981)
Traballou como xornalista na edición galega de El País e colabora con A Trabe de Ouro, Protexta ou o Xornal da Central Unitaria de Traballadores. Como poeta, publicou títulos como Días no imperio (premio Esquío, 2004), Éxodo (Xerais, 2006) ou Ruído de fondo (Xerais, 2012). Tradutor de Allen Ginsberg para galego e de Lois Pereiro para español. É membro da banda de música electrónica Das Kapital.

http://www.20editora.com/index.php/age-a-emerxencia-da-alternativa-galega-de-esquerda.html
__________________

1 comentarios so far

Un libro necesario para comprender o presente de AGE, asi como favorecer unha urxente e futura Plataforma política da esquerda galega

Parabéns


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon