venres, xaneiro 18, 2013

II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, no Ateneo Ferrolán - Sábado 26 de xaneiro

Tags

II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza a "II Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia. A resposta institucional ao abuso sexual intrafamiliar", na que contrastados especialistas en dereito e psicoloxía infantil ofrecerán relatorios nos que se afondará nesta acuciante problemática social. As xornadas desenvolveranse o vindeiro sábado 26 de xaneiro no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204, Ferrol) dando inicio as charlas ás 10.00h da mañá e rematando ás 14.00h.

Coa II Xornada sobre o maltrato a menores, AGAMME pretende sacar á luz pública unha problemática que tende a permanecer oculta e deformada por clixés e prexuízos: o abuso sexual infantil no ámbito familiar. Con estes catro relatorios introdúcense ademais os aspectos máis relevantes que dificultan a correcta atención das vítimas por parte das institucións, especialmente no que se refire á avaliación do testemuño e ao tratamento que nos máis dos casos reciben dentro do sistema xudicial.

A xornada dará inicio ás 10.00h da mañá cunha presentación das xornadas por parte dun membro de AGAMME. Ás 10.20h a psicóloga Carolina Iglesias abrirá a charla cunha palestra sobre "O abuso sexual intrafamiliar. Mitos e realidades". A continuación, ás 11.20h, a avogada e investigadora en Dereitos Humanos, María Naredo, desenvolverá a primeira presentación en Galicia do informe "A xustiza española fronte ao abuso sexual infantil na contorna familiar. Unha análise de caso á luz dos estándares internacionais de dereitos humanos". Logo dunha pausa para o café, a xornada reanudarase ás 12.20h coa intervención da responsable de Advocacy e Campañas da organización non gobernamental Save the Children, para presentar o recente informe "Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos". Finalmente, ás 13.10h, o psicólogo Manolo Lopo, falará sobre "A síndrome de alienación parental, o sensentido dunha polémica".

Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) agradecemos a asistencia e difusión da Xornada. No arquivo adxunto enviamos o cartel con todos os datos da mesma. Se precisan máis información ou aclarar algunha dúbida non teñen máis ca solicitala neste enderezo electrónico ou nos teléfonos 636142012 ou 616035193.

Un saúdo atento,

http://agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
17 de janeiro de 2013 19:24

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon