domingo, xaneiro 20, 2013

O veciño necesario da Comarca, ... Por Xaquín Campo Freire

Por Xaquín Campo Freire [*]
16.12.2012
VECIÑO NECESARIO DA COMARCA

Este 12 de xaneiro celebrouse na Casa Habanera de Guitiriz unha homenaxe a cantos colaboraron na loita contra da contaminación do CASÓN hai 25 anos. A proxección do vídeo: “O paso do Casón por Guitiriz”, puxo de novo bágoas nos ollos de todos nós e renovou o noxo e o arrepío contra do abuso e desprezo daqueles que en troques de defendernos mentiron  conscientemente e masacraron sen piedade.

O caso do Casón”. Hai 25 anos. Eu tamén estiven alí o tempo que puiden. A distancia na que vivo era moito máis grande do que hoxe ao non termos autovías. Pero para os nativos de alí a presenza nosa era obrigada.A nosa xente de sangue, de parentela e de veciñanza á quen lle debiamos a vida e a formación era a que estaba en perigo de vida e de morte. Aínda non sabemos hoxe que levaban eses bidóns. Nada de bo. En Fisterra morreu xente. Chorando e espavorecidos foron evacuados de noite e sen rumbo.

Quen poida ver o documento audiovisual terá sorte. Está moi ben feito. Para nada é sensibleiro nin demagóxico. O  relato fica curto. Só historia pura e dura.

Testemuños de testemuñas reais. As marcas están aínda nas propias carnes. E no máis fondo da alma latexa unha rabia profunda polo asoballamento da propia dignidade.

O veciño necesario da comarca”. Non sei aínda de quen é a frase. Con ese título de verdadeira honra, quíxose premiar o labor de todos. Porén, foi decisivo o inmediato e profético berro de rebeldía e rebelión de Alfonso Blanco Torrado quen a golpe de altofalante percorreu á présa toda a bisbarra convocando a todos a rebato, con toque de campás incluído. E logo coordinou toda a acción con liderado axeitado, con diálogo, animación, esixenza e ao mesmo tempo coa temperanza heroica e críbel. A xente fiábase del. Nunca lles fallara. Soubo exercer con todos unha terapia imprescindíbel para non deixarse sobordar dos nervos no confronto necesario sen entrar nas provocacións da sen razón que lles tendían con ameazas, abusos, malos tratos e mesmo con torturas. Era necesario non perder nunca a razón fronte aos verdadeiros delincuentes daquela panda de ineptos de arriba abaixo, que en troques de defender ao seu pobo conducíannos á miseria colectiva. Disto podo testificar porque fun testemuña directa.

Naquelas datas comprobei en carne propia o que é ser verdadeiro veciño solidario en causa grave e común. Ser cidadán e non escravo. Ser servidor do pobo e non domesticador mentireiro ao servizo dun poder podre, inxusto e abusón. É doado facer homenaxes a tempo pasado. Os riscos foron serios. Estarán volvendo eses tempos?

Aqueles días sentín o gozo de formar parte dun grupo, con fala e cultura propias, con conciencia do nós colectivo. E volvín cantar: “Collidos das mans, coas mans de todos faremos un camiño na noite e dime o corazón que algún día venceremos”.

Reafirmeime no que xa vivira con Pepe Chao Rego, Cuco Ruíz de Cortázar, Antón Aneiros, Vicenzo Couce, Anxo Ferreiro Currás, Ramón Díaz Raña e  moitos outros compañeiros en Ferrol: O que é ser crego na Galiza que nos doe. Que acertada é a  fórmula: Sermos o veciño necesario nas comarcas do rural ou no mundo proletario do meu pobo, sensíbeis e solidarios coa nosa xente que vive morrendo a cotío nas costeiras ou no traballo do mar, e coa a intelectualidade ou co traballo honrado do sector servizos.

Se son sincero sinto mágoa dunha igrexa actual tan fóra do mundo e da humanidade.

Hai unha cantiga: “Todos xuntos, xuntos todos, na mesma lingua, no mesmo chan”. Dixo Castelao: Vinde todos traballar á obra. Hai sitio para todos. Non sobra ninguén. Nin os féridos e duros. Entre todos imos facendo posíbel a redenzón da boa nazón de Breogán. Todos merecemos outra oportunidade.

Grazas, Alfonso Blanco Torrado, Veciño necesario da comarca. E a Xermolos.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista.Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
19 de janeiro de 2013 21:58
_______________ 


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon