venres, xaneiro 18, 2013

O movimento opositor a Reganosa non desiste na súa loita contra o despropósito gasista instalado no corazón da Ría de Ferrol

Tags


Veciñas e veciños que viven na contorna da Ría de Ferrol, do movimento opositor a Reganosa, integrado@s no Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, recorrerán o fallo que pretende ratificar a legalidade da Planta de Gas

Veciñas e veciños que moran na contorna da Ría de Ferrol, non desisten no seu empeño de que Reganosa cese a súa actividade. O equipo xurídico do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que desde o ano 2000 agrupa a diferentes colectivos que levaron á regasificadora aos tribunais pola súa construción no interior da Ría e pola súa proximidade aos núcleos de poboación, xa prepara un recurso de casación contra a sentenza ditada o pasado mes de novembro polo 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' que pretende ratificar a legalidade da planta regasificadora, localizada no corazón da Ría, no concello de Mugardos. O prazo para presentar alegacións ao fallo sobre a autorización administrativa previa da regasificadora conclúe o 19 de febreiro.

A Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' produciuse seis meses despois de que o Tribunal Supremo anulase o cambio do plan urbanístico de Mugardos que en 2003 amparou a construción de Reganosa. Unha decisión que, segundo apuntou entón o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non cuestionaba a "legalidade" da planta de gas xa que o Concello de Mugardos aprobou o pasado ano (2012) a revisión do plan xeral (PAXOM) para blindar a planta regasificadora.

Por ese motivo, Feijóo rexeitaba as peticións da veciñanza e organizacións sociais e ecoloxistas sobre o cese da actividade de Reganosa. Segundo aseguraba en xuño o presidente do executivo galego, hai "encaixe legal" para cumprir a sentenza do alto tribunal e manter a regasificadora na súa actual localización.

Sobre o fallo do 'TSJM', Reganosa defendeu que o permiso que habilitaba o proxecto fora outorgado polo Ministerio de Economía co informe favorábel de todos os organismos e Administracións consultados.

Para o Comité Cidadán de Emerxencia para a  Ría de Ferrol, a Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid', "non prexulga" a autorización da construción da planta. Segundo consta no escrito de alegacións no contencioso contra a autorización da planta de gas, a modificación do PXOM de Mugardos co respectivo informe medioambiental ten como "único obxectivo" emendar "unhas ilegalidades que son insubsanábeis". Por iso, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol conclúe que esta "ilegalidade potencia-se" cando Reganosa, "aínda sabendo que os vicios nos que estaba incurrindo, poderían carrexar a demolición da planta, forzou a súa construción custe o que custe".


Información baseada en fontes propias de Ártabra 21, no comunicado enviado polo Comité Cidadán de Emerxencia e no artigo publicado no xornal 'La Opinión de A Coruña'.

Documentación de Interese:
  • Escrito de Alegacións, relacionadas coa Sentenza do Tribunal Supremo de 11 de Maio de 2012, pola que se declara firme a nulidade da modificación puntual Nº 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos (PXOM).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' (TSJM) Sala do Contencioso Sección Sexta, do 12 de novembro de 2012,onde deu a razón a Reganosa e desestimado o recurso interposto por varias asociacións veciñais contra a autorización administrativa previa da planta de gas. O permiso fora outorgado polo Ministerio de Economía co informe favorable de todos os organismos e administracións consultados respecto diso. Este tribunal xa se pronunciara con anterioridad validando a autorización.
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Acta da sesión plenaria onde se acordou a modificación puntual para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontorio no concello de Mugardos: aprobación provisionaL (19.04.2012).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentencia do Tribunal Supremo do 11 de Maio de 2012 -Recurso de Casación nº: 4512/2008 - Dando a razón ao movimento opositor a Reganosa e ratificando a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (22.04.2008), no asunto da nulidade do Acordo do Pleno do Concello de Mugardos (31.01.2003), polo que se aprobaba definitivamente a modificación puntual nº3 do PAXOM.
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) 00311/2008, do 22 de abril de 2008, que declara nula a modificación puntual do Plan Xeral de Mugardos que serviu de base á construción da planta de gas de Reganosa, por carecer da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que foi recorrida, no seu día, por Reganosa e o Concello de Mugardos. E que o Supremo veu ratificar en Sentenza (11.05.2012).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon