martes, febreiro 05, 2013

Esquerda Unida diante das mobilizacións do naval

MOBILIZACIÓNS DE NAVANTIA: COMUNICADO DO CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA

A crítica situación do sector naval de Ferrolterra e, por extensión, de toda a comarca, esixe respostas do pobo. As falsas promesas e mentiras do Partido Popular e, no goberno anterior, do Partido Socialista, non poden enmascarar a inacción dos protagonistas do bipartidismo, das dúas caras da mesma moeda.

Esquerda Unida está disposta a coller o facho da responsabilidade xunto coas organizacións sindicais e os movementos sociais e, ademais de traballar no terreo político a través da presentación de iniciativas, interpelacións e mocións na procura de carga de traballo real e investimento público na construción dun dique flotante, tamén estará nas mobilizacións ao carón dos traballadores e traballadoras do sector, da clase obreira galega, porque nós mesmos somos obreiros e obreiras, non somos elites, somos pobo en si mesmo.

Polo tanto Esquerda Unida de Ferrol participará en todas as mobilizacións que convoquen as organizacións sindicais en defensa de Navantia e as empresas auxiliares. O próximo día 13, mércores, viaxaremos a Santiago xunto cos traballadores, por moito que a algúns lles doa e que nos traten de criminais, vándalos ou subversivos, para nós trátase simplemente de responsabilidade co momento histórico de degradación social que se está a cebar especialmente coa nosa comarca.

Facemos un chamamento a toda a afiliación, simpatizantes ou xentes da esquerda a que se poñan en contacto con nós e adquiran un bono para o día 13 de febreiro viaxar co cadro de persoal de Navantia e empresas auxiliares a Compostela, a esixir que a vontade política mude dende o afundimento intencionado da empresa pública cara ao cumprimento do mandato constitucional para o que foron elixidos, que só parecen recordar para retallar dereitos ao abeiro da esixencia de cumprir co pagamento da débeda e o teito de gasto, pero que tamén, no seu artigo 40, dispón: Os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa, no marco dunha política de estabilidade económica. De maneira especial realizarán unha política orientada ao pleno emprego.

Ferrol, a 4 de febreiro de 2013.

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org


facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
4 de fevereiro de 2013 11:14

Bos días, compañeiros e compañeiras. Enviamosvos cartel e comunicado do Consello Local de Esquerda Unida para a mobilización do vindeiro 13 pregándovos que espalledes todo o posible ambas comunicacións. Consello Local de Esquerda Unida.

__________



______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon