sábado, febreiro 16, 2013

Paremos a minaría contaminante en Corcoesto - Manifestación Domingo 17 de Febreiro, ás 6 da tarde, en Coristanco


Cartaz da Convocatoria
A cidadanía das comarcas da Costa da Morte e Bergantiños e de todo o País está convocada a unha manifestación este domingo 17 de febreiro, ás 18:00 horas desde a rotonda do centro comercial en Coristanco, a unha manifestación en repulsa polas operacións da compañía canadiana Edgewater que pretende, co beneplácito da Xunta, transformar os montes compartidos polos municipios de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso nunha inmensa canteira a ceo aberto.

A convocatoria, lanzada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto que aglutina á veciñanza, e á que xa se adheriron multitude de organizacións e desde agora a Asociación Monte Pindo Parque Natural, pide axuda para esixir das autoridades que recúen no seu apoio decidido a estas explotacións de consecuencias catastróficas para o entorno natural e humano (así se ven constatando en multitude de experiencias anteriores en todo o mundo), e que as políticas a tomar en consideración non sexan as que pasen por destruír o territorio, contaminar as augas e destruír as formas de vida tradicionais.

O dito: domingo 17, ás 18:00h, todos en Coristanco!

Ten prexuízos a minaría de ouro a ceo aberto?
A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de levar a cabo un estudo de varios aspectos relacionados con este tipo de explotacións, centradas por suposto no caso particular de Corcoesto pero tamén extrapolados a outros casos. Os datos deste traballo aterrorizana a calquera. Para mellor comprensión de todos os nosos visitantes, sintetizámolas nas seguintes infografías que podedes divulgar libremente.


Por cada gramo de ouro extraído úsase suficiente cianuro para matar 128 persoas
Menos do 0,001% da terra removida en Corcoesto será outra cousa que
entullo e residuos, e desa mínima parte, só o 0,25% será ouro
O metro cadrado expropiado en Corcoesto é máis barato ca convidar a unha cervexa.
A empresa asegura que o prezo "realista" sería o dun paquete de chicles
A diferencia visual entre a instalación de Corcoesto e as minas tradicionais
No burato de Corcoesto poderase soterrar a Torre Eiffel e apenas sobresairá a antena
A mina de Corcoesto ocupará a superficie de
763 campos de fútbol regulamentarios
A auga contaminada enchería 10 estadios Santiago Bernabeu
Un só kg de material informático reciclado xera 5 veces máis
ouro que mil quilogramos de terra estragada en Corcoesto
E os postos de traballo?
Coma sempre, é absurdo tratar de obxectivar cantos postos de traballo xustifican a destrución dun espazo natural. Un bo caso témolo nalgunhas piscifactorías que de prometer centos de postos de traballo a meses da apertura iniciaron a súa actividade con apenas unha ducia de prazas de aparcamento para os empregados, ou as instalacións industriais que contaminaron bancos marisqueiros, sen que os postos de traballo da nova instalación igualaran sequera os destruidos.
Asi mesmo hai outro aspecto que se ve resentido para sempre por calquera instalación cun impacto visual semellante: o turismo e o sector servizos.
Porén tamén parece quedar en evidencia que diferentes poderes políticos e económicos interesados en que a explotación saia adiante están absolutamente inmersos nunha campaña de confusión sobre a suposta (e nunca garantida) creación masiva de postos de traballo, unha práctica que as organizacións opostas a este tipo de proxectos denuncian por pretender aproveitar os duros momentos económicos e sociais que vivimos para granxearse as simpatías das persoas máis afectadas.
Velaquí temos varios titulares que recopilamos nos últimos meses sobre o caso de Corcoesto:


"Creará unos 1.400 puestos de trabajo"
Alberto N. Feijóo (Presidente da Xunta), EP, 25/06/11

"La mina de oro de Corcoesto dará empleo directo a 271 trabajadores"
ECG, 01/04/12

"La empresa que buscará oro asegura que reservará 140 de los 271 empleos a residentes en la comarca"
LA OPINIÓN, 17/05/12

"Me comentaron que querían emplear a 100 personas"
José Muiño (Alcalde de Cabana), EL MUNDO, 25/09/11

En Corcoesto? A min non me toca...

Fonte: Edgewater
Si que che toca. Esta e outras moitas empresas, todas elas multinacionais, teñen xa identificada unha grande veta mineira de ouro desde As Pontes ata Tui pasando por centos de municipios que poden ser potenciais víctimas da mesma estratexia.
Hoxe pode que non, mañá tampouco, pero pasado pode que sexan as túas terras as expropiadas a 1 euro e 20 céntimos, para que uns señores que nunca coñeceremos se fagan moito máis ricos aínda e desaparezan das nosas vidas para sempre, deixando nelas tan só a paisaxe destrozada e cianuro na túa fonte.
Non desertemos da terra cando precisa da nosa axuda, coma ela non deserta cando nós precisamos dela.
Fonte: Asociación Monte Pindo Parque Natural.
O Rabecho s/n, CP 15296 O Pindo (Carnota) A Coruña
 info@montepindo.org
Teléfono: 655 56 43 72
No facebook:
https://www.facebook.com/montepindo.pn
No twitter:
http://twitter.com/montepindo
No youtube:
http://www.youtube.com/user/montepindopn
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon