Presentamos un artigo, enviado por Ferrol-Cape, sobre un dos aspectos do modelo enerxético implantado no, polo de agora, Reino de España. Unha das xustificacións da existencia "estrátéxica" de Reganosa, eran os ciclos combinados construídos n'As Pontes e Sábón, e o aínda "pendente" de construción en Meirama. Mais o ciclos combinados, que son as centrais nas que máis custo ten a xeración de enerxía, polo elevado prezo do gas natural licuado, están na actualidade paralizados ou a moi baixo rendemento, ao igual que a Planta de Gas localizada en Mugardos. Desde Ártabra 21 consideramos importante transcribir este artigo polo seu interese, dentro da loita que libramos contra a instalación de Reganosa no corazón da nosa Ría.
España importa xa enerxía de Portugal porque é máis barata
Os novos impostos soben o prezo dos megavatios producidos
Botando unha ollada ao saldo de intercambios internacionais de enerxía eléctrica dos últimos cinco anos, dispoñíbeis na web de Rede Eléctrica de España (REE), resulta que España é exportadora neta de luz a Portugal, Marrocos e Andorra, e importadora de Francia (salvo no 2010). Como acabará o 2013 é unha incógnita, pero, de momento, nos dous primeiros meses deste ano, a tendencia cambiou. En xaneiro e febreiro, por razóns 'conxunturais', segundo Rede Eléctrica, España comprou a Portugal máis electricidade da que lle vendeu. É dicir, o saldo foi importador. Fontes de REE apresuráronse a explicar que se trata dunha situación temporal que non ten por que consolidarse ao longo do ano, provocada por un exceso de produción de enerxía renovábel no país veciño. Esas tecnoloxías abaratan o prezo do megavatio que circula polo tendido eléctrico. Pero iso mesmo ocorreu aquí, en España, tamén en xaneiro e febreiro. Así que esa soa explicación non serve.
Outras fontes do sector enerxético engaden a clave que faltaba para acabar de entender ese fenómeno. Indican que producir enerxía en España desde xaneiro é máis caro que en Portugal e, xa que logo, resulta máis rendíbel importala que xerala. Isto é así porque a chegada do ano novo coincidiu coa entrada en vigor de novos impostos eléctricos. Un deles penaliza aos centros produtores cun 7 % sobre a facturación anual e outros gravan o uso de combustíbeis para o seu uso industrial e até o almacenamento de residuos nucleares. No país veciño non se aplican eses novos gravames.
O director de Política Enerxética da Asociación Empresarial Eólica (AEE), Heikki Willstedt, explica que até xaneiro "ambos mercados ían ao unísono, estaban ao mesmo nivel, até en España era máis barata a enerxía". Até a chegada dos novos impostos. Heikki augura que o aumento da dependencia enerxética do exterior non será cousa só de dous meses e que se repetirá o resto do ano. Outras fontes son máis cautas e apuntan a que hai que ver como evoluciona o mercado eléctrico nos próximos meses para confirmar o saldo importador con Portugal.
Pero a como van os megavatios nun e outro país? En xaneiro, o prezo medio en España foi de 50,50 euros por megavatio hora e de 48,53 en Portugal. Ao mes seguinte, foron 45,04 en España e 43,74 euros en Portugal. A falta de que acabe marzo, baste poñer como exemplo os prezos alcanzados o pasado día 20: España, 40,20 euros; Portugal, 36,17.
'Caput' a ciclos combinados
Si o mercado nacional de enerxía deixou de ser competitivo, que ocorrerá? Pecharanse centrais? Posiblemente esta sexa a puntilla que faltaba para acabar coas centrais de ciclo combinado (funcionan con gas natural e vapor de auga). Estas instalacións son as que xeran a enerxía máis cara (polo custo do combustible, que está polas nubes) e, xa que logo, son as últimas en poder competir no mercado. A elevada xeración eólica e hidráulica -as renovábeis teñen prioridade no mercado- xa afecta negativamente a estas centrais e só un repunte milagroso da demanda podería facer necesarios os ciclos combinados.
Artigo de F. Fernández | 25.03.2013 | públicado no xornal "La Voz de Galicia".
Foto: Proceso de construción da planta de ciclo combinado d'As Pontes en decembro de 2006.
Enviado por:
Ferrol CAPE
-ferrol.cape@gmail.com-
26 de março de 2013 10:23
http://www.f-cape.org/
_____________
Enlace relacionado nos Arquivos Ártabros:
O asunto das Centrais Térmicas de Ciclo Combinado na Galiza - Informe do Colectivo Ártabra 21 para o Comité Cidadán de Emerxencia -17.03.2010.
http://arquivosartabros.blogspot.com.es/2010/03/o-asunto-das-centrais-termicas-de-ciclo.html
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon