xoves, abril 18, 2013

Vivir dignamente é un dereito! é unha campaña de denuncia social para esixir aos concellos e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito

Desde o barrio de Coia, en Vigo, ás nosas compañeiras e compañeiros da Oficina Dereitos Sociais, que estiveron varias veces por Ferrol, para difundir a iniciativa da Renda Básica das Iguais, remiten-nos un interesante material, co que están realizando a campaña: "Vivir dignamente é un dereito! -  Asina a folla de denuncia social para esixir ao Concello e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito".

Trata-se dunha iniciativa que ten coma obxectivo denunciar o crecente empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas, neste caso dirixida aos veciños e veciñas do barrio vigués de Coia, extensivo a toda a cidade. Por outra banda pretende-se esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir que todas as persoas vivamos con dignidade sen que sexan vulnerados os nosos dereitos fundamentais.

O instrumento ideado para levar a cabo esta denuncia é a presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante as administracións públicas con competencia en materia de servizos sociais (Xunta e Concello); escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

"Nestes momentos nos que a brutal dinámica que impón o sistema capitalista dominante, preocupado por salvagardar intereses mercantilistas e financeiros, fai que, quizais máis que nunca, a riqueza de todas se acumule en mans dunha minoría mentres a maioría carece do indispensable para vivir dignamente, é de xustiza esixir ás institucións públicas que se fagan responsables do benestar da cidadanía e que garantan, con políticas activas de integración e asistencia, e co reparto equitativo dos recursos, que todas as persoas vivan en condicións de igualdade e dignidade. Por todo isto esiximos unha Renda Básica que permita cubrir as necesidades básicas, cunha contía non inferior ao limiar da pobreza (863€/mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional".

Achegamos a documentación anexa:
Escrito de_peticion ao_Concello, en formato pdf
Escrito de_peticion_á Xunta, en formato pdf
Nota de Denuncia e Instrucción para cubrir as Peticións, en formato pdf
Volantina da Campaña, en formato jpg

Máis información en:

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
Atendemos os luns de 17h00 a 19h00 nos locais da parroquia do Cristo da Victoria en Coia (rúa Baiona 9, Vigo)
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon