O goberno municipal de Ferrol, pretende gastar por enésima vez, centos de miles de euros nunha nova remodelación da Praza de España, cando xa se levan dilapidados máis de 16,5 millóns de euros, segundo medios de prensa.
Das 15 empresas que optaban a facer a obra de remodelación, foi seleccionada, a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Extraco S.A. e Prace Servicios y Obras S.A. que rebaixou a oferta en case 100.000 euros, con respecto á cantidade fixada no prego de condicións, que ascendía a 916.000 euros. A remodelación da Praza terá un custo inicial de 812.000 euros, máis os xa gastados 56.000 euros que custou o proxecto, segundo datos facilitados desde o propio Concello.
Desde hai tempo diferentes entidades veciñais, sociais e culturais, veñen opoñéndose ao malgasto na Praza. Tamén os tres partidos da oposición. Mesmo nos últimos meses o Colectivo Cidadá 'Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos' ven denunciando este malgasto "... comunicámoslles que facendo valer os nosos dereitos como contribuíntes dese diñeiro público que van malgastar, exerceremos unha presión activa para impedir que esa obra se execute. Pedimos a colaboración de toda a cidadanía de Ferrol para que nos axuden a parar este despropósito".
A maioría das entidades opositoras ao malgasto, consideran que os centos de miles de euros, que se pretenden gastar na Praza de España, non se deben gastar aí, pois hai outras necesidades urxentes e algunhas de actuación inmediata que se deben de abordar xa. Sobre todo, Ferrol que ten un índice enorme de desemprego, segundo a EPA, máis do 32%, necesita que o diñeiro que se pretende dilapidar nunha nova remodelación da Praza, podería-se empregar, principalmente, en atender os problemas de emerxencia social e en xerar emprego.
Autoconvocatoria
En réxime de Autoconvocatoria, vai ter lugar unha Asemblea Aberta a toda a cidadanía e a todo o tecido asociativo, no salón de actos da Escola de Idiomas o martes 14 de maio ás 19:00hs, para abordar o asunto do malgasto de máis de 812.000 euros nun novo proxecto de remodelación da Praza de España.
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon