Amosando publicacións coa etiqueta Malgasto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Malgasto. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 04, 2018

O orzamento de Defensa xa crecera en 1.349 millóns a un mes de pechar 2017 - A contía destinada a Defensa para este ano creceu case dous mil millóns, o gasto final segue inflándose, como en anos anteriores


O orzamento de Defensa xa crecera en 1.349 millóns a un mes de pechar 2017


As contas aprobadas destinaban 7.638 millóns, pero a 30 de novembro as modificacións soben esa cifra até os case 9.000 millóns de euros.

O BOE de hoxe recolle a execución orzamentaria a 30 de novembro de 2017, isto é, as modificacións que se realizaron ao orzamento inicial a un mes de pechadura de 2016. O orzamento de Defensa, unha vez máis, crece.

Aínda que se presupostaron 7.639 millóns -fronte aos 5.788 do ano anterior-, os créditos ascenden xa a case 9.000 millóns de euros, 1.349 millóns extra. Así, o custo xa alcanza os case 9.000 millóns de euros, cifras de execución similares ás de 2012, o exercicio dos últimos anos no que o gasto final, o real, foi o máis elevado.

Este crecemento dos orzamentos, que se repite cada ano, produciuse até sen créditos extraordinarios, un sistema que se veu utilizando nos últimos exercicios e que inxectaba centos de millóns extra no verán vía Decreto-Lei para o pago de programas especiais de armamento, e que o Constitucional tombou en 2016.

Na sentenza, que responde a un recurso presentado por varios grupos parlamentarios (PSOE, IU, ICV, CHA e UPyD) contra o crédito de 2014, o Constitucional considera que o uso do Real decreto-lei para aprobar estes pagos non está xustificado e anulou a decisión. Iso si, non houbo marcha atrás para as transferencias xa realizadas e de orzamentos anteriores (2014 e 2015).

Así, en 2016 o Goberno non puido aprobar ese crédito extraordinario, e aprazou a 2017 o pago de 717 millóns de euros destinados a sufragar estes programas de modernización das Forzas Armadas. O orzamento inicial de 2017, así, inclúe logo de moitos anos de ocultalo na aprobación dos PGE, unha previsión sobre o custo destes programas especiais: uns 1.800 millóns para os pagos atrasados de 2016 e os correspondentes a 2017.

Pese a que ese custo xa estaba contemplado nos orzamentos iniciais e a que a contía destinada a Defensa para este ano creceu case dous mil millóns, o gasto final segue inflándose, como en anos anteriores. Polo momento, e a 30 de novembro, 1.349 millóns extra. En 2016, a pechadura do ano deixou 1.395 millóns máis que os presupostados.

Eva Belmonte
4 xaneiro 2018
Baixo licenza Creative Commons.

Fonte: Civio - O Boletín Noso de Cada Día.
_________________

sábado, xaneiro 17, 2015

Estamos a construír soños colectivos! - A loita da veciñanza do barrio vigués de Coia mobiliza-se contra o malgasto, as multas, as porradas e o malgoberno


En Ferrol, non nos son alleas as políticas de malgasto desde os gobernos municipais, para proba o que nos malgoberna na nosa cidade, o do Partido Popular de José Manuel Rey Varela. O malgasto de máis sona foi a Praza de España que aínda seguen gastando moito diñeiro ano pos ano. Agora saltan-nos cun ascensor panorámico para subir desde as inmediacións da Alameda do Carbón até os xardíns de San Francisco, nos baixos da costa de Mella. Ou os cambios innecesarios de mobiliario urbano, ... Todo nunha cidade co 32% de desemprego e cun montón de necesidades a nivel social, ... cidade que conta cun parque de case 1000 vivendas municipais abandonadas a súa sorte en Recimil, ou mesmo o que pasa co Mercado Municipal de Caranza moi deteriorado e en case total abandono, ...  polo que a nosa solidariedade coa veciñanza de Coia é moi consciente e sentida. Desde Ártabra 21 amosamos o noso total apoio. As veciñas e veciños de Coia levan moito tempo na loita veciñal por mil motivos de malgasto e malgoberno, o da loita contra a decisión municipal de impoñer un gasto innecesario na rotonda ven a amosar un barrio disposto a loitar. A resposta represiva do Alcalde Abel Caballero, con porradas e multas non quedou sen resposta, este venres 16 de xaneiro a veciñanza saíu masivamente á rúa pedindo "xustiza socia, nin cartos na rotonda , nen estado policial".


Comunicado lido na manifestación que rematou na rotonda de Coia

Estamos a construír soños colectivos! Nunha asemblea, convocada de urxencia o 3 de decembro, decidimos parar as obras da rotonda; e conseguímolo. Foi a primeira vitoria, pero non a máis importante. Sen decatármonos, no rexeitamento da veciñanza á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda, estabamos a expresar cos nosos corpos en desobediencia que SI, SI SE PODE!

Non sabemos se ao final chantarán o barco na rotonda, pero si temos claro que no seu intento están dispostos a empregar todos os medios que teñen á man: represión, criminalización, multas, mentiras... Nestas semanas golpeáronnos con forza, pero non acalaron, nin acalarán, a nosa resistencia; porque nós temos razóns, forza colectiva, constancia, poesía, mandarinas ecolóxicas... para continuar cunha loita que hai tempo superou a cuestión do barco.

Esta loita destapou o seu “malgoberno” e tamén o desastre dunhas políticas sociais que deixan a moitas persoas sen luz, sen vivenda, sen alimentos básicos, sen o local de Sereos...; en definitiva, sen dereitos sociais.

O alcalde e os seus concelleiros falan de agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía...; en resumo, da arbitrariedade, inxustiza e ineficacia da política social deste Concello.

As relacións humanas, as reflexións, as experiencias, os coidados... son algúns dos fíos que estamos a empregar para tecer redes fortes que desde abaixo, desde a xente, vaian construíndo o barrio, a cidade, a terra que precisamos. Espazos onde a VIDA e as necesidades das persoas sexan o centro das políticas.

Os únicos barcos que queremos na rotonda son de papel. Barcos cheos de poesía, de beleza en que coller o impulso que precisamos para poñer os nosos corpos e as nosas mentes ao servizo doutra cidade máis humana.

Que o noso berro se escoite ben forte:

XUSTIZA SOCIAL!!

NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!!

Vigo, 16 de xaneiro de 2015


Asemblea Aberta de Coia
nonarotonda@gmail.com  |  @AsembleaDeCoia  |  facebook.com/asembleaabertacoia


Enviado por:
Asemblea Aberta Coia
-nonarotonda@gmail.com-
16 de janeiro de 2015 20:34
_____________

luns, xaneiro 20, 2014

Esquerda Unida demanda unha nova política de urbanismo e incide na crítica á política escurantista do goberno municipal do Partido Popular, en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte


O grupo municipal de Esquerda Unida considera necesario un cambio radical na política urbanística na cidade
. | Esquerda Unida considera que se está a perder unha oportunidade para unha planificación integral que poña en conexión emprego con rehabilitación. | O grupo  de Esquerda Unida reclama, por enésima vez ,que se activen os organismos de participación e comece a discusión pública sobre o secuestrado plan de mobilidade.

Hai no concello un informe polo que se pagou unha chea de cartos que vai de cousas referidas a mobilidade e espazo público e que , suponse, é o documento técnico necesario para un debate sobre as solucións de detalle en aspectos esenciais para áreas como o transporte público, a rede de rúas peonís a rexeneración urbana dos barrios a recuperación económica e comercial da cidade e, por parar por algún lado, o deseño dos aparcadoiros en superficie. Por suposto que este documento está en contexto con outros ,ben xa existentes ben en proxecto por necesidade urxente, por exemplo con plans sectoriais de urbanismo cos que se poida comezar a poñer fin a esperpénticas situacións que se dan no noso concello. Un que inviste cartos procedentes de fondos europeos finalistas para a rexeneración de barrios enteiros, coas súas rúas e os seus servizos, e logo as vivendas deses barrios caen por desleixo.

Todo isto debería ser motivo de debate no concello. Pero non. Hai tempo o grupo municipal de Esquerda Unida demandou dúas cousas: a primeira que se modificara a prioridade do investimento nas obras da praza de España, e outras, para, a través dun plan específico de apoio á economía social, crear emprego de calidade poñendo en conexión cousas como a rehabilitación integral e a rexeneración económica dos barrios; a segunda que se puxeran en marcha as medidas necesarias para comezar un amplo e extenso (no tempo e nos axentes participantes) debate sobre o conxunto da proposta do Plan de Mobilidade e Espazo Público e os seus detalles sectoriais. Ambas cuestións son   prioridades para este grupo municipal e así se fixo saber á hora de emendar os orzamentos deste ano. Xa alí diciamos o de sempre desde que entrou o Partido Popular no goberno da cidade: ao malgasto hai que sumar o escurantismo; tamén na política local está a acontecer a trufa de elementos que se dan en Galicia ou no Estado:corrupción política e baleirado das arcas públicas en favor das corporacións amigas máis ocultación máis lei mordaza etc.

Dúas son as alegacións que queremos remarcar: fronte ao malgasto creación da Empresa Municipal de Vivenda e inicio inmediato da política de acción rehabilitadora encamiñada a potenciar unha política pública de alugueiro e creación de emprego, fronte ao escurantismo  dotación dunha partida suficiente para a presentación pública e edición masiva do plan de mobilidade urbana de xeito que a peonalización e reorganización do tráfico, aparcadoiros, transporte de mercadorías etc sexan obxecto de discusión pública e planificación integral.

Se non, e cremos que por desgraza, non , seguirán a derrubarse edificios, a cidade continuará a súa lenta pero inexorable agonía e, por suposto, a veciñanza de Ferrol Vello e doutras latitudes acabará por non ter, xa non paradas para coller o autobús, senón autobús e servizos públicos en xeral. Así, como soa.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
20 de janeiro de 2014 16:23

Boas. Enviamos nota do grupo municipal de Ferrol pola que demandamos unha nova política de urbanismo e incidimos na crítica á política escurantista do goberno en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación. Consello Político Local- Ferrol

__________________

Foto de José Pardo.
__________________________

sábado, xaneiro 18, 2014

O alcalde de Burgos suspende definitivamente as obras en Gamonal, a veciñanza gaña a súa loita contra o malgasto municipal - En Ferrol tamén houbo mobilización en Solidariedade coa loita veciñal do Gamonal


O Movimento Veciñal do Gamonal consegue dobregar ao alcalde de Burgos do Partido Popular Javier Lacalle, na súa loita contra o malgasto municipal do diñeiro público. o Alcalde burgalés compareceu en rolda de prensa para anunciar finalmente a paralización definitiva das obras no barrio de Gamonal, tras unha semana intensa de protestas veciñais. Na rolda de prensa manifestou: "Vemos a imposibilidade material de executar esta reforma e decidimos a paralización definitiva das obras", e anunciou que "... o luns comezará o acondicionamento da zona".

En Ferrol

A loita veciñal de Gamonal, convirteu-se nun exemplo de que "si se pode" e despertou movimentos de solidariedade en moitas cidades e vilas do, polo de agora, Reino de España, tamén na Galiza.

A mobilización na nosa cidade foi, este venres 17 de Xaneiro, na Praza do Concello de Ferrol, diante do Pazo Municipal: Concentración e Asemblea. O acto converteu-se no punto de encontro da protesta e da solidariedade, falou-se do exemplo da loita do Gamonal, mais tamén valorou-se entre as persoas que interviñeron, o malgasto en Ferrol, e de como se lapidaba diñeiro público en proxectos innecesarios.

Na Galiza, tamén tiveron lugar mobilizacións en Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra, Mondoñedo e Coruña. O movimento nas redes como #GamonalResiste propiciou unha grande onda de solidariedade.

Solidariedade Galega com #Gamonal, #GamonalResiste
Crónica dun conflito anunciado: o bulevar de Gamonal en Burgos | O recorte do gasto social en Burgos estivo orientado a favorecer a dúas grandes empresas, as principais beneficiadas da construción dun bulevar no barrio de Gamonal | Ismael Arnaiz - Burgos | Enlace co artigo.

Paralización definitiva das obras do bulevar de Gamonal. O pobo unido xamais será vencido - 'Diario de Vurgos' | Enlace co artigo.

Un moi interesante artigo de Ignacio Escolar no xornal dixital 'elDiario.es', para entender mellor o porque da loita de Gamonal:
"Que está pasando en Burgos?"
Para entender a que vén a durísima oposición da veciñanza do barrio burgalés de Gamonal ás obras dun simple aparcamiento, hai que remontarse moito. Polo menos un par de décadas | Enlace co artigo.
____________________

martes, xaneiro 14, 2014

Sobre o mantemento de viais en Ferrol - Esquerda Unida considera que debe revogarse o contrato coa empresa adxudicataria, e iniciar unha xestión pública integral


ESQUERDA UNIDA CRE NECESARIA A REVOGACIÓN DO CONTRATO COA EMPRESA MISTURAS


Segundo Javier Galán, voceiro do grupo municipal o lamentable estado das rúas da nosa cidade son consecuencia directa do empeño do Partido Popular de externalizar servizos, cando quedou máis que demostrado que a xestión de recursos públicos por empresas privadas tan só carrexa emprego precario e servizos diferentes.

A nosa cidade que xa ostenta o vergoñento record na taxa de paro, na de risco de pobreza, na perda de poboación, senón que agora tamén exemplificamos o que non debe ser a xestión do mantemento de viais, que debería facer non só máis confortable a vida da cidadanía, senón, cando menos, posible, cousa que non está a suceder.

O compromiso de hai máis dun ano adquirido polo goberno municipal é evidente que non se está a cumprir, como así o demostran as convocatorias cidadás de protesta, as declaracións de comerciantes e o sentir xeral da cidadanía, que debe saber que cos seus cartos, preto de medio millóns de euros anuais, non se está a solucionar un tema prioritario para o convivir ferrolán, nin tan sequera está habilitada a liña telefónica a que quedou comprometida a empresa adxudicataria para que a veciñanza puidera por de manifesto as irregularidades dos seus barrios.

O mantemento de viais e a reparación de fochas pareceu quedar reducido ás visitas daquel Plan de Barrios que emprendeu o noso alcalde, cando ao seu paso promete investimentos para reparacións defectuosas, e cando non queda un só barrio da nosa cidade no que os veciños poidan dicir que non hai prexuízos polas irregularidades do pavés: A Malata, Santa Mariña, o Ensanche, San Xoan,... son públicos e notorios os incumprimentos no mantemento.

Polo tanto, segundo Suso Basterrechea, considera que debe revogarse o contrato coa empresa adxudicataria, e iniciar unha xestión pública integral, con cuadrillas municipais para acometer as obras de reparación e mantemento, que ademais de asegurar un maior control sobre as mesmas, crearían ese emprego que tanto necesita a nosa cidade e suporían un abaratamento do custo do servizo.

Ferrol, 13 de xaneiro de 2014-01-13

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de janeiro de 2014 14:21

Bo día, Remítese nota de prensa do Grupo Municipal de Esquerda Unida sobre o mantemento de viais e reparación de fochas na nosa cidade. Un saúdo. Secretaría de comunicacion de EU Ferrol

__________________

Foto de Daniel Alexandre no Diario de Ferrol.
______________________

sábado, decembro 21, 2013

O Grupo Municipal de EU critica o resultado final das obras na praza de España: un desastre funcional e esteticamente un bodrio

O Grupo Municipal de EU critica o resultado final das obras na praza de España: un desastre funcional  e esteticamente un bodrio. | Esquerda Unida considera  lamentable que o Partido Popular se esconda do seu proxecto de Praza de España.

O Partido Popular e o Alcalde Rey Varela rematan o vodevil da praza de España tal e como o comezaron o mentor político do señor Rey e o seu compañeiro Vilariño cando o da performane do  pico e a pala: con un espectáculo lamentable e bochornoso.

En primeiro lugar é lamentable todo o conxunto de decisións tomadas para chegar a un malgasto dun millón de euros. Neste punto non imos insistir máis xa que abonda co moito que xa se dixo no seu momento e os ouvidos xordos dos nosos gobernantes, insensibles ao sufrimento da xente do común e extraordinariamente atentos a cumprir con supostos mandados e compromisos electorais que, no fondo, son actuacións dun programa  impregnado de revanchismo político.

En segundo lugar é lamentable que o propio Alcalde inaugure o labirinto da praza aludindo a unha rocambolesca comparativa coa situación de hai doce anos. O labirinto inaugurado metéuselle nos miolos e agora temos un labirinto mental  do señor Rey. Non señor Rey, a cuestión é se había ou non que investir en cousas como levantar o chan recén feito e volver a poñer outro modelo, se había que retirar un xardín e deseñar e poñer outro, se había que defender ou non disparates como o de que non hai prazas sen árbores etc. vostede ten  que asumir que procedeu de maneira aloucada a executar compromisos sen sentido en virtude de argumentos irracionais É, amodo de exemplo, o disparate seguinte: non me gusta a praza de Armas e arrecende a estética franquista ergo levanto o chan da praza e póñoo novo, “de vermello- Ferrol” a poder ser. Adubío todo co discurso dos postos de traballo, investimentos, plan de barrios e demais e asunto concluído. Pero a cidadanía non está para estas bromas. Nin para estas nin para ningunha outra. É literalmente impresentable a súa actitude, politicamente cobarde, de non asumir as súas propias decisións e inaugurar a súa magna obra pola porta de atrás, con disimulo e con declaracións infumables. Un auténtico laberinto mental.

Porque, e en terceiro lugar, a obra é un atentado ao bon gusto. Sen dúbida o peor proxecto de todos os posibles. Esquerda Unida sempre foi respetuosa como organización cos profesionais que presentaban as súas propostas e ofertas pero hai que dicilo, agora xa, unha vez concluídas: é tecnicamente un bodrio e estéticamente horrible; dá arrepíos e é un atentado ao gusto. Nin é praza, nin é xardín nin hai concepto regulativo que recolla o feixe de impresións de tal cuadro: unha mistura kitsch que só con bo humor ferrolano conseguiremos dixerir. Bo nadal, señor Alcalde. Parabéns, señor Evia. Debeulles quedar a cabeza aliviada.

Ferrol a 21 de novembro de 2013

Grupo Municipal

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
21 de dezembro de 2013 13:51

Bo dia. Adxunto enviamos nota do grupo municipal sobre a inauguración da praza de España. Grazas e un saúdo. Secretaría de Comunicación. CPL- EU Ferrol.

____________

mércores, agosto 14, 2013

Ferrol non necesita malgastar 812.000 euros de diñeiro público na Praza de España - A Asociación Veciñal de Esteiro promove unha petición en change.org


A Asociación Veciñal de Esteiro promove unha petición en change.org

Ao Alcalde do Concello de Ferrol (A Coruña): Que non se malgaste mais diñeiro público na Praza de España de Ferrol

Ferrol non necesita malgastar 812.000 euros de diñeiro público na Praza de España

A Cidade de Ferrol ten unha taxa de desemprego altísima, moitas entidades de carácter social e funcións asistenciales de axuda a persoas doentes ou con dependencias, como Lazos, Asfedro e outras, teñen problemas para poder continuar o seu traballo social por falta de recursos.

A Praza de España leva consumido 21 millóns de euros de diñeiro público e agora, por un capricho do novo concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, vanse a malgastar 812.000 euros mais nunha obra innecesaria e cando as rúas, beirarrúas, prazas, parques, señalización vertical e horizontal, mercados municipais de Caranza e Recimil, etc están nun estado de conservación lamentable.

A Praza de España está case terminada e só está pendente de unir, con ela, as rúas Rochel e Real.

Os 812.000 euros deben destinarse a fins sociais, creación de emprego e mellorar e conservar as infraestructuras de Ferrol.

Foto de Jorge Meis Díaz publicada no 'Diario de Ferrol'.
Web de Joge Meis: http://www.jorgemeis.com/

Se queres asinar esta petición, pode-lo facer en:
http://www.change.org/petitions/alcalde-del-concello-de-ferrol-a-coru%C3%B1a-que-no-se-malgaste-mas-dinero-p%C3%BAblico-en-la-plaza-de-espa%C3%B1a-de-ferrol-2

Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/





Información baseada na enviada por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
13 de agosto de 2013 10:37

___________