luns, xullo 29, 2013

Os bos e xenerosos de Angrois, ... Por Fran P. Lorenzo

Por Fran P. Lorenzo [*]
29.07.2013


Creo que extraín varias leccións da traxedia do Alvia en Santiago, a primeira delas é o aprezo súbito que lle vén a un pola vida, e o absurdo que se volve todo nun minuto, a vida mesma tamén. Profesionalmente sentín orgullo por moitas compañeiras e compañeiros da profesión pero tamén vergoña por certas prácticas que lixan o sacro deber de informar; unha mestura estraña de fachenda, reconciliación co oficio e impotencia polo mal que se fan moitas cousas. Ese orgullo púideno apalpar tamén nas conversas que mantiven cos médicos, persoal de emerxencias e enfermaría cos que falei. Hai moitas máis reflexións que, como nos ocorre a todas e a todos, aínda estou tentando dixerir. Pero o que removeu algo en min foi achegarme a Angrois e coñecer algunha da xente que, nos primeiros minutos tras o accidente, acudiu os feridos do 24 de xullo. Este texto sobre eles, e dedicado a eles, foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego e fica aquí en testemuña do meu agradecemento e admiración.

Gloria Brocos, veciña da rúa da Presa, en Angrois. A foto é de Antonio HernándezUns andaban por fóra, pola horta. Había quen estendía a roupa, ou vixiaba o gando. Un veciño durmía despois de traballar e outro se preparaba para subir á cidade. Dacabalo da airexa morna viñan os ecos da festa e a promesa dos fogos do Apóstolo, en Santiago. Unha muller apuraba diante do televisor os últimos minutos de Pasapalabra, e de súpeto, contra ás 20.41, unha frecha veloz impactou contra ese microcosmos prácido dunha tarde de verán, ameazada pola chuvia, para mudar o rumbo do tempo e poida que da historia do lugar. O casarío de Angrois, empoleirado sobre a vía do tren que vén de Ourense, cabo do antigo Camiño Real, sentiu un estrondo que as veciñas e veciños non van esquecer nunca. “É como se tiraran un camión de pedras”, di Gloria Brocos, que vive moi preto do tramo do accidente, na Rúa da Presa. Outros veciños falan dun “terremoto”, ou do bruído que fai unha casa cando cae. María Dolores, diante das cámaras de televisión, afirma que viu achegarse un “torpedo”, que impactou contra o muro da súa casa. “Eu estaba na casa durmindo, traballo de noite, e despertei co estrondo”, sinala Ricardo Martínez Otero. E Jesús lembra sobre todo un “chirrido”, o da colisión do tren Alvia “contra o morrillo das vías” e o talude sobre o que se ergue o Campo da Festa de Angrois. Ese “chirrido” sentiuno tamén Santiago Taboada. Jesús e Santiago, que viven en senllas casas da Travesa de Mourozón –moi preto do mesto bosque de unidades móbiles que marca o asentamento dos informadores desta traxedia–, non sentiron explosión ningunha, e si un fortísimo impacto. “Falábase de que houbo unha explosión, un atentado, pero nós sabiamos desde o primeiro momento que non, o que se oiu foi o impacto do vagón que saiu catapultado contra o palco”, lembra Jesús, quen refire a gran velocidade á que o tren rebasou o túnel, antes de entrar na curva da Grandeira. “No bar tamén dicían que o tren saía moi lanzado do túnel”. Desde as casas de Santiago e Jesús chamaron axiña ao 112 e ao 092. “No 092 dixéronos se era cachondeo, ou se era unha broma”. No teléfono de Emerxencias, no 112, preguntábanlles pola localización exacta de Angrois.

Santiago Taboada, veciño de Angrois. A foto é de Antonio HernándezO que veu despois deses minutos primeiros de impotencia e confusión, á sombra dunha densa columna de terra en suspensión e fume negro, foi un auténtico descenso aos infernos -as vías do tren sementadas de cadavres e feridos, no que os habitantes desta parroquia estremeira de Santiago participaron co que tiñan a man: un relato de solidariedade espontánea, que aínda onte narraban estremecidos, e conscientes horas despois da traxedia, da impronta que deixará, para o futuro, nas súas retinas e na súa alma. “Onte só pensabas en axudar -sinala Santiago-, agora, en frío, e sabendo os mortos que hai, daste de conta do que foi… Tiñan que vir axudarnos a nós, porque a xente aquí está mal…”. Sanitarios, psicólogos, bombeiros, condutores de ambulancia, servizo de excarceración… As veciñas e veciños de Angrois, que abriron as portas das súas casas durante a longa noite do 24 de xullo, fórono todo para as vítimas do Alvia neses quince primeiros minutos de horror e confusión, mentres non daba chegado o operativo de emerxencia, que accedeu, en parte, pola Rúa da Presa na que vive Gloria. “Os coches colapsaban todo e veu a grúa para retiralos”, apunta ela, quen, coma moitos dos seus veciños, achegou “mantas, sabas, auga, palés, un tablón…”. Improvisaron con esas táboas de fimapán padiolas para transportaren os feridos e axudaron os menos graves a entraren nos coches polo seu propio pé e así transportalos até os hospitais composteláns. Unha veciña contaba onte, arrepiada, que unha “das primeiriñas” que saiu dos vagóns sinistrados era precisamente “unha rapaza de Angrois”, que vive en Madrid e que viña polas festas, a casa de seus pais. “Unha filla miña -lembra Santiago- agarrou a un rapaz de catorce anos, que era da Coruña, e que lle dicía no me dejes, no me dejes…”.

Ricardo Martínez Otero foi dos primeiros tamén en baixar a axudar. “Primeiro entrei no vagón que estaba no Soutiño”, di, mentres describe as dificultades para rachar o vidro e acceder ao interior do tren. Machados, ferramentas caseiras, martelos… Intentouno Ricardo co impulso do seu corpo, batendo cos pés no cristal. Nin os bombeiros eran quen de abrir as portas. “As portas son de corredeira e a única saída era polas ventás”, recorda. Chegar até alí tampouco non foi doado e a xente de Angrois mesmo puxo en risco a súa vida. Houbo que salvar o desnivel de varios metros,baixamos cunha corda até as vías” -explica Santiago Taboada- e unha vez alí romper o cerrado de arame que cerca o paso do tren.

Ricardo Martínez Otero, veciño de Angrois. A foto é de Antonio HernándezXa dentro, no epicentro do desastre, pasaxeiros noqueados polo impacto, nenos que choran e chaman polos seus pais, máis sangue e máis desconcerto. Un home novo, duns trinta anos -cóntannos- sae do tren co seu bebé no colo, saloucando “é meu, é meu…”. Non o quere deixar nos brazos de ninguén porque acaban os dous de volver nacer, pai e fillo, xuntos.

As mantas das casas de Angrois comezan a cubrir aos que xa non respiran e chega, da man da noite orballada, unha sinfonía de laios que estarrece, case tanto como a sintonía dos móbiles no peto dos finados ou o ton saltarín dos whatsapp dun único check, aquí e alá. “Canta xentiña morta, diosmío”. E luces e sirenas, ambulancias, policía, guindastres, bombeiros, que van chegando…

Ricardo pregúntalles os feridos: “Que che doe?, onde che doe..?”. Co seu propio móbil marca o teléfono dos familiares para informalos de que alguén ao que quere está alí, canda el, e que está ferido ou que lle vai falar. Outros queren axudar e nin saben como. Porque están paralizados ou conmocionados; ou porque mover un ferido encarna moitos perigos, e cando van socorrer a un pisan os membros doutro, tendido alí mesmo, á beira, entre restos de ferralla e equipaxes. Xente nova, xente maior, nun escenario de morte e desolación que nunca imaxinaran. Xa é 25 de xullo, iso non mudou. Día Nacional de Galicia, o día do pobo galego. O máis triste tamén para un país que chora de maneira apagada e tristísima, como se chora aquí a perda das cousas importantes. A dor abateu as luces da festa, Santiago calou. Só falan por nós, en representación do mellor que somos e temos, os bos e xenerosos de Angrois.

Nota das Fotos.- De arriba a abaixo, Gloria Brocos, Santiago Taboada e Ricardo Martínez Otero. As fotos son de Antonio Hernández e acompañaron á reportaxe publicada no Correo Gallego o pasado 26 de xullo.

[*] Francisco Pérez Lorenzo (Fran P. Lorenzo) -Vigo 1973, é xornalista. Licenciado en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (1995). Traballou entre outras cabeceiras en 'Galicia Hoxe' e 'El Correo Gallego', onde segue a exercer na actualidade. Así mesmo, é un dos fundadores do xornal dixital Dioivo.

Blogue Persoal "Un país en lata":

http://unpaisenlata.wordpress.com/

De interese:
No seu blogue hai comentarios aos seus artigos. Tamén no citado blogue poden-se ler artigos de moito interese.

Fonte: http://unpaisenlata.wordpress.com/2013/07/29/os-bos-e-xenerosos-de-angrois/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de julho de 2013 11:00


_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon