A Exectutiva Confederal da CIG amosa nun comunicado o seu rexeitamento ante a posíbel e inminente agresión militar imperialista de EEUU e os seus aliados contra os pobos de Siria, reclámalle ao Goberno español que non participe na operación e chama a cidadanía galega a rexeitar na rúa o ataque.
-A CIG rexeita a intervención militar imperialista en Siria e defende a vía pacífica e democrática e a negociación para lograr a resolución dos conflitos respectando sempre a soberanía dos pobos.
-Considera que EEUU e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas suposta armas de destrución masiva de Iraq.
-Sostén que se trata doutra agresión imperialista totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non ter autorización do Consello de Seguranza da ONU nin contar co visto e prace de ningún organismo internacional.
-Esíxelle ao Estado español que non participe nin dea cobertura á operación militar e censura a falta de vontade para artellar mecanismos que posibiliten a resolución democrática dos conflitos e a convivencia dende o respecto á soberanía dos distintos pobos da rexión.
-Denuncia a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo en que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa excusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario.
-Por último, chama a cidadanía galega a expresar na rúa a súa oposición a esta nova agresión imperialista participando nas concentracións e protestas que se convocarán por todo o país unha vez se produza o ataque.
Publicado en Avantar o 28 de Agosto de 2013
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon