luns, agosto 12, 2013

Hoxe cúmprense trinta e oito anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, en Ferrol, no número 27 da Rúa da Terra - 12 de Agosto 1975-2013 - Reboiras: militante exemplar, ... Por Manuel Mera

Por Manuel Mera [*]
12.08.2013

Un 12 de agosto de hai trinta e oito anos, en Ferrol, na noite, unha ráfaga de metralleta segou a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista de vintecinco anos. Foi un asasinato, como confirmaron posteriormente varias testemuñas. A ditadura franquista pretendía, coa machada policial, esmagar o rexurdir do nacionalismo comprometido coas clases populares, coa democracia e a liberación nacional de Galiza. Nos días seguintes alargouse a represión cunha morea de detencións; moitos militantes da Unión do Povo Galego pasaron á clandestinidade ou a se refuxiar en Portugal, onde a Revolución do Cravos abría unha xeira de liberdade e ilusións.

Reboiras comezara a militar anos antes no movemento cultural galeguista en Vigo, axiña organizouse na UPG e participou activamente nas loitas obreiras de 1972 que abanearon a maior cidade industrial de Galiza. Despois traballaría como electricista en Isolux na Coruña, onde viviría primeiro rente do cárcere e despois no Burgo. Daquela tiña unha estreita amizade con Moncho Valcárcel, o crego de Sésamo, que xogou un papel importante na loita de Meirama contra as expropiacións e no fortalecemento do que hoxe é o Sindicato Labrego Galego.

A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades: Xerme, o primeiro, na Coruña, Galego en Compostela, Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, etc. Destes xermolos xurdiría no ano 75, coincidindo coas eleccións sindicais no vertical, o Sindicato Obreiro Galego, que sería cerne da central sindical Intersindical Nacional Galega (ING). Para entender a importancia deste feito, cómpre saber que fóra de Quebec e Euskadi non existe no mundo unha central sindical nacionalista con presenza laboral semellante á que hoxe ten a CIG.

Agora ben, para alén da súa contribución ao proxecto en momentos chaves, Moncho foi un militante exemplar, entregado, e que puxo a súa vida ao servizo da nación, da soberanía e da xustiza social, ou sexa: da xente, das clases populares. Reboiras tiña cualidades para se relacionar doadamente coas persoas, sempre cun sorriso nos beizos, a escoitar. Percorría no seu Seat 600 o país de cabo a rabo divulgando ideas, tecendo organización e dando unha man nas loitas reivindicativas do noso pobo. Foi, sobre todo, un militante social, con ideas claras e capacidade de análise.

Hoxe, a trinta e oito anos do seu asasinato cómpre lembrar o seu contributo político, e o doutros nacionalistas, durante a longa noite de pedra da ditadura franquista. Reboiras reflicte ademais a importancia da vontade individual, da paixón militante e relación estreita coas clases populares, para a construción dun proxecto colectivo que sirva os intereses do pobo galego. Tamén nisto é un exemplo, como o foi ao dalo todo pola liberación nacional.

[*] Manuel Mera Sánchez, nado en Seoane (Allariz) o 4 de febreiro de 1946, é un sindicalista e político galego. Aos 5 anos emigra á Arxentina cos seus pais. Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972. Ao regreso da emigración foi un dos fundadores de ERGA en 1972. Foi Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 a 2001. Foi membro da Executiva confederal da CIG até 2009. É director da Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza (FESGA).

Publicado en 'Fundación Moncho Reboiras'
(FUNDACIÓN PARA O ESTUDO E DIVULGACIÓN DA CUESTIÓN SOCIAL E SINDICAL EN GALIZA).

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
12 de agosto de 2013 12:03
_________________

Moi interesante:

Editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, e promovido pola Unión do Povo Galego -UPG, libro colectivo de 244 páxinas, presentado na súa edición dixital en formato PDF. Ainda que no limiar poñan a Mocho Reboiras como unha vítima do franquismo, Moncho foi ante todo un combatente pola liberdade e pola conquista do dereitos sociais e históricos do Povo Traballador Galego.

"Monco Reboiras. O nacionalismo Galego nos anos 70", 2009.

http://terraetempo.com/media/documentos/Libro_Reboiras.pdf


Banda deseñada editada pola UPG, co motivo deste 38 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras:

http://www.terraetempo.com/media/documentos/BD_Reboiras.pdf
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon