luns, setembro 30, 2013

Boas prácticas bancarias?, ... Por José Manuel Pena - Stop Desafiuzamentos de Barbanza refórzase cun analista financieiro e pide máis axuda á sociedade civil

Por José Manuel Pena [*]
30.09.2013


Cláusulas abusivas, produtos tóxicos, comisións de usura, préstamos hipotecarios contrarios á boa fe e á honestidade, falta de sensibilidade e acoso constante a familias humildes, foron algunhas das prácticas inhumanas utilizadas por parte da maioría das entidades financeiras do noso país. Agora chámanos, poderosamente, a atención que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) diga que había alertado sobre algunhas destas prácticas abusivas, inxusta e ilegais ... . Xa está ben de que algunhas entidades e organismos públicos se sigan rindo da boa fe dos cidadáns.

Si se sabía que, a maioría das entidades financeiras, impoñían un trato desleal, nada equitativo e con cláusulas abusivas contrarias á ética e ás boas prácticas bancarias, por que non se tomaron as medidas correctoras e sancionadoras correspondentes contra todas estas entidades ao obxecto de evitar o prexuízo aos consumidores a través do evidente desequilibrio dos dereitos e obrigacións das partes que se derivan de calquera contrato bancario?.

Segundo sentenzas de varias audiencias provinciais e tribunais supremos do noso país sinalan, neste sentido, claramente que "a realidade demostra que os borradores das escrituras dos préstamos bancarios son efectuados polas propias entidades financeiras, sen intervención algunha dos clientes, quen comparecen ante os fedatarios públicos (notarios) para asinar o que xa está redactado de antemán pola entidade bancaria, sen posibilidade algunha de discutir, nin menos aínda de modificar diversas cláusulas so pena de quedarse sen préstamo".

Por outra banda, xa a orde de 1.994 sobre transparencia das condicións financeiras dos préstamos hipotecarios, na súa exposición de motivos, sinala que a súa finalidade primordial é garantir a adecuada información e protección de quen concerte préstamos hipotecarios. Até o momento, por carecer da necesaria sensibilidade social, quedábase, todo, en papel mollado e as entidades financeiras seguían aumentando a súa conta de resultados a costa dos pequenos aforradores e as familias humildes deste país de pandeireta, subvencións e picaresca.

[*] José Manuel Pena, é portavoz da plataforma cidadá STOP - Desafiuzamentos de Barbanza.


Enviado por:
jose manuel pena
-j.mpena@hotmail.com-
30 de setembro de 2013 10:32

_____________

Nova de interese desde Ribeira (Barbanza).


Stop Desafiuzamentos de Barbanza refórzase cun analista financieiro e pide máis axuda á sociedade civil    

A Plataforma Stop Desafiuzamentos da Barbanza presentou en roda de prensa ao analista financieiro Julio César Calvo, co que se reforzan para dar resposta ás numerosas peticións de axuda, a nivel consultivo pero tamén de solidariedade, de moitas familias afectadas por execucións hipotecarias. O voceiro desta plataforma, José Manuel Pena, iniciou a presentación laiándose da primeira víctima mortal en Barbanza, a consecuencia dos desafiuzamentos, dun veciño de Boiro, nunha desgraza que ocorreu hai uns dous meses.

Unha vez superado agosto, un mes de parálise en moitos niveis da administración española, a Plataforma "Stop Desafiuzamentos" comeza setembro con varias notificacións de xulgados de Ribeira a familias con fillos menores, con poxa de vivendas en novembro e a presentación de dúas dacións en pago.

Outra dos integrantes deste colectivo solidario e sen ánimo de lucro, Charo Iglesias, falou da necesidade de que outros colectivos sociais e mesmo asociacións de consumidores da Comarca da Barbanza se impliquen máis en apoiar a estas familias, algunhas das cales non viven exclusivamente a triste situación das súas hipotecas senón que carecen do más básico para subistir e rexeitan acudir aos departamentos de servicios sociais e a outras ong's como Cáritas, Cruz Vermella ou El Oraj.

Julio César Calvo, o analista financeiro que se suma a esta plataforma, anunciou a presentación de varias demandas, ante as propias entidades financeiras, por nulidade de hipotecas, grazas á súa colaboración con outros profesionais do dereito de todo o país e a axuda desinteresada de catedráticos senlleiros de universidades españolas como a de Carlos III ou a de Alcaldá de Henares. "Trata-se de defender ás familias da maquinaria 'exterminadora' dalgunas entidades financeiras que buscan o enriquecemento inxusto e ilícito a costa da dor e o sufrimento das familias humildes", explicou Julio César Calvo.

Por outra banda, agradecen dende Plataforma todas e cada unha das doazóns de produtos para entregar ás familias que eles atenden, e en concreto louvan a xenerosidade da empresa "Calzados Horacio" de Ribeira, que cedeu chourizos e 16 botellas de aceite.

Publicado en Certo Xornal | Ribeira | 7 de Setembro de 2013.
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon