Este Sábado 28 de Setembro Marcha contra a LOMCE en Santiago de Compostela.
A marcha sairá as 10:30h do sábado 28 de setembro da rotonda do polígono do Tambre para chegar á praza de Praterías as 12h.
Desde Ferrol partirán Autobuses
Os buses sairán ás 9h da avenida de Esteiro diante do sindicato. O prezo é de 5€. Para anotarse chamade ao teléfono do Local Comarcal da CIG ao 981358750.
Ademais outras convocatorias están programadas
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga contra a LOMCE para o 24 de outubro.
Están previstas manifestacións, ese mesmo día, ás 11:30 h e este sábado día 28 de setembro haberá unha Marcha a pé a Santiago que remata ás 12:00 h en Praterías.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga contra a LOMCE para o 24 de outubro en todo o sistema educativa galego. Así o anunciaron este luns representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público nunha rolda de prensa na que fixeron un chamamento a secundar a folga e participar de xeito masivo nas mobilizacións que se van realizar ese día ás 11:30 horas da mañá nas sete cidades, na Mariña, Cee, Carballo, Lalín e Vilagarcía.
Ademais da Marcha a Santiago contra a LOMCE -prevista para este sábado 28 de Setembro- a Plataforma Galega fixo público un novo calendario de mobilizacións que inclúe a realización dunha acción o 16 de outubro diante da Consellaría de Educación, promover unha manifesto da cultura galega contra a LOMCE e reeditar o formato de actos comarcais con música e letras contra a LOMCE en todo o país o 13 de novembro.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público decidiu convocar folga o 24 de outubro porque considera prioritario facer un último esforzo para evitar a aprobación da lei. Non obstante Anxo Louzao, da CIG-Ensino, organización sindical maioritaria entre o profesorado galego e integrante da Plataforma Galega, explicou que, como xa aconteceu coa folga do 9 de maio, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público coñeceu a convocatoria desta nova folga a nivel de Estado polos medios de comunicación. “Prodúcese unha desconsideración permanente aos galegos e galegas. A Plataforma Galega nucleou durante o último ano toda a oposición á LOMCE en Galiza, pero non se conta con ela e a convocatoria fíxose desde Madrid”, explicou Louzao que lembrou tamén que a Plataforma Galega constituíuse en réxime de autoconvocatoria, aberta todas as organizacións que queiran participar dela.
Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS de Santiago de Compostela, exerceu como portavoz das familias e subliñou que os pais e as nais están a ser unha parte importante na pelexa contra a LOMCE. “Queremos que sexa unha lei que naza morta”, dixo diante da previsible aprobación da LOMCE debido á maioría parlamentaria coa que conta o PP. “Unímonos á repulsa de todos os colectivos sociais e seguiremos pelexando, cos medios que teñamos, contra esta lei que atenta contra os nosos fillos e fillas, contra a xente que xa está estudando … e contra a sociedade no seu conxunto ao facela clasista e separada por motivos económicos no futuro”, explicou. Mónica Martínez dos Comités, púxolle voz ao estudantado e animou a a participar na folga porque “xogan co noso futuro” e "esta lei vai deixar fóra do sistema educativo a estudantes con menos recursos”.
Para a primeira das mobilizacións previstas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a Marcha a Santiago o 28 de setembro, sairán autobuses desde as diferentes comarcas que chegarán, en Compostela, a catro puntos diferentes: Rúa de Boisaca (polígono do Tambre), Monte do Gozo, diante do CEIP Lamas de Abade e Ponte da Rocha. Desde eses lugares sairán, ás 10:30 horas, catro marchas a pé que confluirán nun acto reivindicativo en Praterías ás doce horas.
Publicado en Avantar.
Información baseada na enviada pola:
CIG Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
25 de setembro de 2013 09:24
http://www.cig-saude.org/ferrol/
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon