venres, setembro 27, 2013

Fin de ciclo: Ferrol na illa de Robinson Crusoe, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2013


Estamos na metáfora de Robinson Crusoe. Robinson naufraga, chega a praia e cos restos do naufraxio constrúese un cabano, para sobrevivir tirar e ir vivindo, triste sino tamén ferrolano, e sobrevive. Na bisbarra Ferrolá atopámonos o borde do naufraxio, se non temos naufragado xa, despois de mais de 30 anos  da mal chamada "reconversión", parece que estamos chegando o borde do precipicio. Estamos xa no tempo de facer crise, como nas enfermidades; ou nos decantamos pola  sanación ou polo naufraxio total.

Tense demostrado xa despois de todos estes anos, que as institucións desta democracia formal, autonómicas, centrais ou municipais ou se activan pola presión do movemento veciñal real, como elementos transformadores ou non serven  para nada. Son mortos viventes. Zombis.

Levamos moitos anos de "sobrevivencia" de zonas ZID,  ZUR e tutti quanti  temos na nosa memoria colectiva. Namentres a nosa cidade segue a deriva, agardando "acontecementos" emanados das autoridades disque competentes. Non temos xa horizonte, e seguimos como no 84 cando o xeógrafo Enrique Clemente Cuvillas escribía aquel seminal "Desarrollo Urbano y crisis social en Ferrol". Crise social, desvertebración urbana, declive demográfico etc. E seguimos e seguimos a escoitar as mesmas "arengas" por parte dos poderes públicos, mais que competentes xa definitivamente "incompetentes".

Os Feijoos de quenda; onte con fábricas italianas do vidro SIV, hoxe con Pemex e os seus floteis pantasmas; fume, fume, mentiras e cintas de vídeo, como na película... E a nosa xente máis vella,  máis escéptica e máis cansada. Agardando o non se sabe xa ben o que.  Con  20.OOO parados na comarca e co 30 por cento dos comercios pechados dende 2007, perdendo mil habitantes ao ano, e cun 52 por cento de taxa de actividade, a que  agardamos conveciños e conveciñas?. Abonda xa non?

Unha cidadanía cansada de escoitar ese rum-rum eterno de falsidades, de ver como os seus fillos e fillas seguen a emigrar aos Vigos, Londres ou París, buscando unha vida de seu, que esta nosa súa cidade non é capaz de darlles. Vendo como todo se nos cae a cachos; "se vende, se alquila, se traspasa ...". Adeus Ferrol Vello, adeus o barrio da Magdalena, adeus Canido... os predios cáense, os negocios péchanse e como diría a nosa Rosalía; Este vaise aquel vaise e tí Ferrol só quedas sen xente que te poida traballar. En fin para que seguir; a atmosfera de pesimismo e "mal fario"  todo o invade.

Estamos  como na metáfora da rá, que se esta cocendo e é incapaz de saltar para salvarse.

Ante este panorama desolador debería xa de chegar o momento de abandonar o metafórico refuxio de Crusoe. De deixar de agardar que o clima mellore e berrar todos xuntos polo futuro da nosa cidade. De iniciar a nova travesía. E xa que estamos nesta situación excepcional de catástrofe social, sería o tempo de marcarnos como horizonte un proceso que conduza a un novo escenario de creba democrática. A dimisión da actual corporación municipal. Vivimos tempos de "excepción" e non podemos continuar mais nesta situación de miseria total. Temos unhas institucións autistas que pensan mais en como perpetuarse que en resolver os problemas dos cidadáns. Temos un alcalde que non se plantexa a alternativa real de manterse partidariamente disciplinado ao partido de Barcenas ou defender a esta sufrida cidade. E parece decantarse definitivamente polo primeiro.

E temos precedentes, como ten documentado o historiador Bernardo Maiz, quen ten escrito como en 1932 ante o intento de reducir e desmantelar a construción naval militar e o despido de traballadores tomouse unha drástica decisión. O día 18 de maio do 32 as corporacións municipais de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Mugardos, Serantes, .... presentaron unanimemente a súa dimisión "a causa do conflito obreiro provocado polos despidos nos estaleiros de Ferrol [...] sendo estes uns dos Concellos afectados polos paros e en solidaridade".

Debería de chegar pois o inicio deste novo "proceso constituínte", de construción dun novo Ferrol. Despois da folga comarcal do pasado día 12 de xuño; De catro plenos de "excepción" onde se escoitaron os ecos desta cidade "agonizante", non queda outra que marcarnos como horizonte a dimisión da actual corporación municipal. Deberíamos participar todos e todas. Sabemos que non podemos seguir así,  sin rumbo, sen unha luz que nos dé esperanza. Non podemos seguir desgastándonos nunha especie de "rito procesional", sen ningún tipo de efectividade, tipo Hámster, sen poder saír nunca da roda eterna. Esta "esterilidade" está a matarnos pouco a pouco. Temos que iniciar xa a travesía, outro camiño ten que ser  posible: 'Corporación municipal dimisión xa!'   Este sería a nosa divisa. O lema que marcaría a alborada.

O futuro será noso se o queremos. Fin de ciclo. Rompamos a dependencia da senda e iniciemos un novo camiño.

Podemos perecer na travesía, pero como nos diría tamén o grande Gramsci; Mais vale morrer no camiño que pararse e morrer. Botémonos xa ao mar,  veciños e veciñas. Ferrol merece seguir vivindo.

O futuro está agardando por nos!

Nota.- A imaxe é de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen o naval.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
27 de setembro de 2013 02:56

____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon