luns, setembro 02, 2013

O Sistema de Saneamento da Ría de Ferrol - O vindeiro Martes 3 de Setembro, terá lugar unha Asamblea Cidadán Aberta, de información e debate


O saneamento da Ría de Ferrol que non hai que confundir coa súa recuperación integral, xa que o saneamento é só un paso previo á mesma, non só é unha obriga moral coa natureza; unha débeda coa auga, a terra e o mar que nos dá a vida e benestar; unha necesidade para a nosa saúde e a do resto dos seres vivos, senón que tamén é unha obriga legal. As leis e as directivas europeas esixen-no e deron prazos concretos, sempre incumpridos pola mala administración. Hai máis de 15 anos que o sistema de saneamento tiña que estar a pleno funcionamento (remataba o prazo o 31 de Decembro de 1998).

Trala visita, fai máis de seis meses, dunha delegación de eurodiputad@s para comprobar in situ a situación das rías galegas, e tendo pactado non incluír no informe a Ría Ferrol, deron-se conta de que non tiñan mais remedio que informar da grave contaminación da zona. Isto causo unha grande controversia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que despois de varios adiamentos aínda a día de hoxe non consensuaron os dous informes emitidos, polo que quedou aprazada a súa votación sine die , por presións do Partido Popular que prefire seguir ocultando a grave situación que vivimos.

O problema é tan evidente que xa existe unha consciencia colectiva de que a situación da Ría de Ferrol é insostíbel e que require dunha recuperación integral. A contaminación da Ría afecta de xeito directo á saúde das persoas, pois consumen-se peixes e mariscos que se extraen a diario e mesmo hai moita xente que se baña nas praias, aínda que estexan clasificadas non aptas para o baño (e a calidade das augas sexa insuficiente). Tamén afecta a todos os seres vivos tanto mariños como da contorna terrestre, e como non, é a ameaza que pende sobre os centos de postos de traballo que dependen do sector marisqueiro.

Na actualidade a Ría é un sumidoiro e un vertedoiro onde botamos de todo (residuos urbanos, verquidos incontrolados, refugallos industriais, ...). As organizacións ecoloxistas veñen demandando, dende que existen, unha recuperación integral da Ría e polo tanto un sistema de tratamento integral das augas pluviais e residuais que permita a recuperación das augas pluviais non contaminadas, para usos de utilidade pública ou para a súa chegada natural á Ría. Demandan un sistema de saneamento integral, pois a Ría non permite un verquido máis. A Ría esta declarada como 'zona sensíbel' que require un tratamento especial e o grado máis alto de depuración. Non é de recibo pois, que o Sistema de Saneamento previsto contemple verquidos contaminados de forma sistemática e non só como algo extraordinario, por forza maior.

O sistema de saneamento da marxe esquerda (Sur) da Ría, está practicamente terminado. O da marxe dereita (Norte) que vai desde Xuvia (Neda), pasando polos concellos de Narón e Ferrol, até Prioriño Chico, leva moito tempo conformando-se. Xa están construídos: o emisario terrestre A Malata - EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, e o EDAR e emisario submarino de Cabo Prioriño. Mais  apenas deron comezo as obras, denominadas "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol", de reparación e construción de colectores e inicio de construción dalgúns tanques de tormenta, .... Prevé-se máis de tres anos de obras segundo consta no 'Pliego de Prescripcións Técnicas' e no 'Pliego Cont... Execución Obras...'.

Non se pode entender que se, aproximadamente o 80% das edificacións en Ferrol teñen feita a separación de augas residuais das pluviais, como así ordena o PXOM vixente (Art. 178. Rede de saneamento), e mesmo que haxa pouco tempo que rematou unha actuación de case 4 millóns de euros para sanear e recuperar uns tramos dos ríos do Tronco e Inxerto, entre outras actuacións, separando as augas pluviais das residuais,  este novo proxecto de sistema de saneamento, non contemple este grande esforzo económico e medio ambiental, feito pola cidadanía de Ferrol. O modelo que se decidiu construír é o sistema de saneamento unitario, descartando o máis sustentábel: o sistema separativo.

A voz crítica ante este proxecto deu-na un colectivo veciñal que vive nas inmediacións do Parque Público 'Pablo Iglesias' e que son usuarios habituais do mesmo. Decataron-se do ilóxico da construción dun enorme 'tanque de tormentas' -o Esteiro 2, no mesmo parque público (moi concorrido), cando podía ser instalado perfectamente ao lado do Esteiro-1, que está previsto construír pola parte de fóra do recinto militar, mesmo á beira da porta do almacén de subministros da armada (dentro do recinto militar hai espazo máis que suficiente onde pode ser instalado). Ante a negativa do concello e a empresa acuaNorte de contemplar outra posibilidade de localización do 'tanque' que non fose o parque, a veciñanza comezou a mobilizar-se e investigar sobre o sistema de saneamento proxectado, detectando un sistema non conforme cos expectativas de saneamento integral da Ría, que vai verquer sistematicamente augas contaminadas,  cunha manutención moi custosa, que non contempla a separación de augas pluviais das residuais, non sustentábel e en poucos anos obsoleto.

Por todo o exposto, as organizacións Sociedade Galega de Historia Natural -SGHN, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -Adega, e a Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia -Verdegaia, xunto  ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias', e a comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, decidiron convocar, para o vindeiro martes  3 de Setembro ás 19:30hs unha Asemblea Cidadá Aberta, de información e debate, para tratar o proxecto de saneamento que se está levando acabo na Ría de Ferrol. A Asemblea terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño.

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon