Hai moitos anos que teño a sensación de que a esquerda de tradición marxista (e a min con iso xa me chega) necesita un bo reseteo, recuperar o espírito da I Internacional, comprender que o mundo e as forzas produtivas cambiaron máis do que aos sacerdotes lles apetecería e que o inimigo está aí fóra, ou sexa, aquí dentro, e é moi poderoso, demasiado como para perder o tempo criminalizando a aqueles e aquelas que, cos matices que sexan e as discordancias precisas (benvidas!), comparten a necesidade dunha sociedade poscapitalista. Entrementres, o proletariado real, máis aló de mistificacións pasadas xa de rosca e de modelos produtivos, segue desorganizado, irrecoñecible, sen capacidade de construír unha identidade e unha organización eficaz, fragmentado, atacado por todos os flancos. Así nos vai. Sentirse vangarda en soidade pode ser reconfortante, pero é socialmente inútil.
Eu creo que non podemos confundir a xeopolítica co proxecto de emancipación social. Entendemos o valor xeopolítico do réxime sirio no contexto mundial actual, pero, é ese o modelo social que ten que defender a esquerda revolucionaria e marxista hoxe? Francamente, teño a sensación de que non.
En calquera caso, eu non son un teórico social, así que opino só por impulsos derivados da observación. Opoñereime con todas as miñas forzas á intervención militar, que é imperialista e criminal, en Siria, porque ademais será un ataque contra o pobo e contra a súa soberanía e contra a súa vida e o seu benestar. Pero non me sinto con forzas nin con argumentos para defender un réxime que nin desde o punto de vista social, nin desde o económico nin desde o político sinto como meu.
Reproducir hoxe enfrontamentos de hai máis de medio século é unha auténtica aberración e, creo, unha irresponsabilidade política.
Vaiamos ao que nos permite xuntarnos nunha praza pública, que é opoñernos a unha intervención militar asasina, depredadora, imperial, e esixirmos liberdade, soberanía e xustiza para o pobo sirio.
Nota.- post de Antón no facebook.
[*] Xosé Antón López Dobao, coñecido como Antón Dobao, nado en Lugo o 16 de xullo de 1963, é un escritor, tradutor e cineasta galego. [Na Galipedia].
Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
30 de agosto de 2013 23:27
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon