Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas [*]
10.09.2013
Nos anteriores artigos facíamos referencia ás importantes eivas ambientais e prexuizos económicos do proxecto de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. A estas eivas xuntanse a irresponsabilidade no gasto público e a inadecuación do proxecto á normativa hoxe vixente.
O "tanque de tormentas" do Parque Pablo Iglesias é unha mostra da falta de calidade ambiental, económica e social que caracteriza este proxecto, elaborado dende meros parámetros "industriais", baixo a premisa de facer cadrar as cifras de auga a recoller polos "tanques de tormentas" coa capacidade de tratamento da depuradora, que xa estaba construída cando o proxecto dos colectores e os tanques é redactado no ano 2010.
Nestes complexos cálculos, a dispoñibilidade dos terreos e a menor molestia ao tráfico foron os únicos factores a considerar á hora de decidir a localización dos "tanques de tormentas". Outros, como son a destrución duns xogos infantiis, a afección a dous mil metros cadrados de parque, ou a máis que probable molestia por emisión sonora e de cheiros desagradables aos veciños, non foron considerados. Había e hai alternativas perfectamente viables dende un punto de vista técnico para quitar do parque Pablo Iglesias o "tanque de tormentas", como son situalo en terreos militares próximos ou baixo unha vía de tráfico rodado (opción que sí se adopta noutras cidades como Barcelona ou Zaragoza), como é a Avenida de Esteiro.
Como xa acontecera no Xardín das Ranitas, o factor do interese social non foi considerado nas ecuacións dos técnicos nin dos políticos. A esta falla de sensibilidade social, habería que engadir unha grave falta de responsabilidade política, materializada no malgasto de cartos públicos.
No ano 2011 déronse por rematadas as obras de saneamento do Río do Tronco, que custaron 1,8 millóns de euros, e cuxo obxectivo era eliminar verquidos de augas residuais ao seu leito. Máis este importante investimento resultou de todo inútil: o proxecto que se está a executar prevé que as augas residuais e pluviais antes separadas sexan mesturadas de novo no "tanque de tormentas" de Pablo Iglesias. Ademais o último tramo do río servirá de cloaca-aliviadoiro do saneamento cando chova moito e o colector non dea abasto a tratar tanta auga.
Deste modo, a atractiva posibilidade de recuperar o río en superficie, tanto no parque Pablo Iglesias como na praza do Río do Tronco, que se pretende re-urbanizar proximamente, farase inviable cando rematen as actuais obras de saneamento.
Os pregos para a licitación destas obras aprobáronse o 25 de xullo de 2012, un día antes de que entrase en vigor o novo Regulamento Marco do Servizo de Saneamento e Depuración de Galicia. Este regulamento prohibe expresamente o verquido de augas brancas (subterráneas, fontes, manantiais, correntes superficiais...) ao sistema de saneamento, ao tempo que tamén prohibe a mestura de augas pluviais e augas residuais.
O sistema de saneamento que se está a instalar vai “boicotear” as melloras ambientais que esta norma pretende. Mentres os cidadáns e empresas terán que facer caso das prohibicións do decreto, os seus esforzos faranse inútiles cando as augas cheguen ao sistema público de saneamento.
Eivas ambientais, condicións económicas abusivas para a cidadanía, incumprimento da nova directiva europea da auga en redacción, renuncia á posta en valor de millóns de euros de investimentos públicos en saneamento (os que sistemáticamente, rúa a rúa da cidade, están a separar augas pluviais e residuais dende hai décadas), perda de calidade dos espazos públicos... Todas son razóns máis que suficientes para debater a fondo o sistema de saneamento proposto e modificar o proxecto.
Temos que ser quenes, a cidadanía de Ferrol, de ser capaces de sanear e poñer en valor a nosa ría. De facer valer os valores de uso e de utilidade social sobre valores espúreos de rendibilidade política inmediata. O horizonte do 2015 debería ser o do saneamento "integral" da ría e non o dunha nova frustración. Con este "saneamento" moitos creemos que chegamos tarde, mal e sen resolver os males que levamos tantos anos padecendo. Non podemos aceptar un modelo totalmente obsoleto de saneamento. A calqueira prezo.
Hai dous anos unha mobilización social importante en contra do tanque das Ranitas foi quen. Estamos a tempo de corrixilo. De todos nos depende. A ría de Ferrol merece outra cousa.
[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.
Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
9 de setembro de 2013 14:53
_____________
Enlaces relacionados:
Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (II), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon