mércores, setembro 25, 2013

Ten Galiza capacidade?, ... Por Francisco Rodríguez Sánchez


Esforcémonos polos nosos argumentos e discursos non estaren guiados pola endogamia, polo ideoloxismo extremo ou polo gosto pola marxinalidade
.


Por Francisco Rodríguez Sánchez [*]
24.09.2013


Cavilei, de forma obsesiva, na situación do noso país, mentres intentaba escoitar, sen conseguilo, na emblemática praza da Quintana, os discursos que cerraron a manifestación a prol da soberanía da patria galega o 15 de setembro. Algo me tranquilizaba a evidencia de contarmos cun instrumento organizativo e político, de incalculábel valor, como o BNG, pensante e actuante ao servizo exclusivo do pobo galego nun contexto tan preocupante e cheo de incertezas. A mobilización non era desprezábel: ningunha forza política sería quen de facer unha así en defensa da súa específica e singular alternativa ideolóxica. Porén, tamén era consciente de estar lonxe de corresponder á nosa propia potencialidade organizativa e social. Naquela morea de xente alí concentrada pareceume detectar, ou non sei se procurei albiscar, un reflexo das diferentes actitudes do corpo social  proclive ao nacionalismo galego, nesta conxuntura: certa apatía vinculada a unha sensación de canseira, algo de escepticismo por mor das dificultades  para o nacionalismo avanzar socialmente, expectativa e convicción sobre a vital necesidade dunha alternativa nacionalista na Galiza, rutina e tamén entusiasmo. Era unha sensación contraditoria si, mais coido que se corresponde, en parte, co estado da nosa sociedade, e de forma específica, co noso estado como corpo social organizado.   

Á vez que intentaba deslearme dunha tendencia crítica tan absoluta como derrotista, bulía na miña cabeza a importante capacidade de mobilización da sociedade galega por motivos económicos, sociais ou ecolóxicos concretos. Porén, non deixei de sentirme magoado pola escasa ou cativa transcendencia desta capacidade mobilizadora na toma de conciencia política colectiva, en clave de país, malia ser o nacionalismo quen, a maioría das veces, a impulsa e desenvolve. A nivel electoral e na conciencia ideolóxica o dominante, o hexemónico, é a aceptación pasiva do deseño español e europeo, un papel político irrelevante para Galiza, malia observarmos unha clara marxinación e a destrución da súa base produtiva, con todas as secuelas económicas, sociais, culturais e lingüísticas que carreta. A distorsión entre protesta, desasosego e crítica perante a situación e o obxectivo ou alternativa política que se asume de forma maioritaria non pode ser máis flagrante. Diriamos que, algunhas veces, non hai nin obxectivo político consecuente: o caso do sector naval público é paradigmático. Na comarca de Ferrol, a morea de manifestantes en defensa do sector abraia. A canalización sindical e política non pode ser máis equívoca nin fraudulenta: nada de reivindicar o dereito a poder facer todo tipo de construcións, non só militares, senón tamén civís, nada do levantamento do veto á antiga Astano, aceptación dunha nova reestruturación do sector, máis unha vez cunha incidencia máis lesiva para a ría de Ferrol que para a baía de Cádiz, malia seren máis competitivos os nosos estaleiros, segundo os propios dados oficiais. O españolismo sindical e político acomodouse sempre aos ditados de Madrid e de Bruxelas, nesta cuestión como noutras moitas, encamiñados á privarnos da nosa capacidade e potencialidade nesta industria estratéxica. O nacionalismo político, e non digamos xa o sindical, foi incapaz de vencer a hexemonía e o control social do sucursalismo, malia os esforzos realizados e a evidencia da corrección das nosas análises. Que sucede? Pois posiblemente unha interiorización escéptica do célebre aforismo: é mellor o burro grande ande ou non ande. E tamén, a consideración do problema, por parte dos sindicatos maioritarios e da maioría do cadro de persoal da principal nunha clave laboral puramente individual  sen ter en conta o futuro da comarca e do país. Naturalmente condicionamos o proceso, facéndoo máis lento e, desde logo  o discurso das organizacións estatais en moitas ocasións, para non vérense descubertas na súa perfecta adaptación aos deseños externos. Pouco máis.     

Nos últimos anos ten medrado en intensidade unha característica do noso pobo: a falta de aprezo e de estima sobre a súa propia capacidade. Non é alleo este medre á sensación de que Galiza empeora economicamente e ao efecto de actuacións e discursos desde a Xunta de Galiza destinados a afondar na dependencia de España e da Unión Europea, como se o papel que nos asignan fose o mellor dos mundos ao que puidésemos aspirar. En paralelo, como consecuencia lóxica, o concepto de responsabilidade sobre a nosa propia casa e a vontade de sermos, de existirmos como pobo, con aspiración a decidirmos por nós sobre nós mesmos, ten diminuído. Os efectos da globalización que a Unión Europea representa provocaron máis españolización ideolóxica, cultural, lingüística e política, ao reforzárense os mecanismos de centralización do Estado e carecermos dun marco institucional propio ao servizo dos intereses maioritarios do pobo galego. Semellante desamparo e semellante dependencia depredadora teñen consecuencias moi negativas. O marco autonómico galego non repercutiu na vertebración do país, a ningún nivel, e moito menos foi aproveitado para crear unha conciencia de pobo consciente dos seus dereitos e coñecedor da súa realidade, da súa historia e dos seus problemas. Nin nos medios de comunicación de titularidade pública foi nunca Galiza o centro de atención informativo e a fiestra desde a que contemplar o mundo. Por suposto, tampouco dos privados. O marco autonómico galego na práctica foi sempre, agás dunha maneira transitoria e moi limitada co bipartito, unha sucursal do Estado. Son moitos anos cavando a irresponsabilidade, o deixarse levar, a acomodación acrítica a España, a desgaleguización como norma en todo, e un concepto de solidariedade adecuado para facernos a cada paso máis parvos. Certamente non vive a maioría social galega esta atmosfera dunha forma activa, entusiasta, convicta, máis ben faino de forma apática, resignada, como se non ficase máis remedio que entregar o destino a un salvador externo. Si, moi posibelmente sexa esta a actitude hoxe maioritaria.   

Alguén ten concluído, non sei se en base a estes síntomas ou simplemente en atención á correlación de forzas no plano electoral, que Galiza non ten capacidade para facer unha política propia, para pretender enunciar reclamacións como pobo diferente e con problemas específicos, para colocarse nunha dinámica similar á doutras nacións do Estado aspirando a lograr capacidade de decisión, soberanía, como única posibilidade de saírmos do calvario destrutivo en que nos ten sumidos a dependencia e a subordinación a España. Con este tipo de discursos, e coa conseguinte alternativa práctica, non se fai máis que afondar na subordinación de Galiza a deseños e estratexias que nin pensamos nin decidimos nin controlamos aquí. Isto e, na nosa marxinación a todos os niveis, no noso esvaemento político e na nosa desconsideración e, paradoxalmente, no reforzamento de deseños e estratexias que nos anulan aínda máis: o Estado español ou a Unión Europea realmente existentes. Espero que perante tamaña negación da nosa capacidade e preferencia tan clamorosa por formar parte dunha alternativa española, a esta altura, non fique xa a menor dúbida sobre a natureza ideolóxico-política da crise habida no seo do nacionalismo galego. Polo demais, pode considerarse nacionalista a quen ve o problema galego só como un problema identitario, renuncia a galvanizar a sociedade galega nunha perspectiva propia, soberanista, e opta por integrarse, de comparsa, nunha coaligazón estatal xa precociñada, no canto de posibilitar a unidade das forzas políticas de ámbito galego? A verdade é que non cabe maior retroceso en relación mesmo coa experiencia e os resultados dos últimos trinta anos. O dano que se infrinxe á sociedade galega, en forma de cerimonia da confusión, como se non for dabondo coa que o sistema provoca, é grave. Non hai peor maneira de facer política que a que se practica desde a esquerda española aquí en forma de aceptación progresiva de análises, discursos e mobilizacións en relación coa nosa realidade conflitiva, se non queda máis remedio, como forma de lexitimación sen maiores consecuencias. Claro que até para isto ten que haber un nacionalismo capaz, incisivo. E non atinxe só ao problema lingüístico, senón a todos: o sistema financeiro e a necesidade de Banca Pública Galega, a política forestal, o sector naval, o agrario, o leiteiro, e mesmo a defensa do ensino público ou o patrimonio artístico e cultural galego.   

Temos un problema grave de memoria histórica. Non é de estrañar, descoñecendo como descoñecemos, pois nos privan de forma sistemática del, o noso pasado histórico, mesmo o máis esplendoroso na Idade Media, que haxa unha falta de referencias propias na política tamén. E pouca predisposición a pensarmos nas experiencias que temos vivido como pobo nos últimos anos. Todo o contrario que en Catalunya. O Presidente da Generalitat lembraba, en carta ao Presidente do Goberno de España, de data 26 de xullo de 2013, que en 2005 o Parlamento catalán aprobara unha nova proposta de Estatuto, asumida con recortes en 2006 polas Cortes Xerais e finalmente aprobada en referendo polo pobo catalán. Asemade subliñaba que a posterior sentencia do Tribunal Constitucional viñera a diluír e en grande maneira a anular a vontade democrática dos cataláns expresada nas urnas. A vía transitada até ese momento ficaba choída. Mesmo, na pasada lexislatura, insistía o Presidente catalán, o Goberno español negouse a calquera tipo de negociación dunha proposta de Pacto Fiscal, promovido polo Govern e aprobado por unha ampla maioría do Parlament. A conclusión é que non hai un encaixe posíbel de Catalunya en España. A única vía é que Catalunya decida libre e democraticamente o seu futuro. A esta conclusión chegaron moitos cidadáns de Catalunya após a experiencia política dos últimos anos. Hoxe a sociedade catalá é a única do Estado que ten un obxectivo político claro, por certo vinculado á mellora das condicións de vida individual e colectiva das persoas que viven e traballan en Catalunya, segundo reza o manifesto e os compromisos das entidades, organizacións e institucións de todo tipo que apoian o Pacto Nacional polo dereito a Decidir. Euskadi está preparando o seu, en vista do contexto e da necesidade.     

E nós? Temos claro que o Estado das Autonomías está esgotado e, dentro del, Galiza como pobo é máis inviábel que Catalunya aínda. Non temos futuro así. O federalismo dos partidos estatais non é máis que unha nova forma de marear a perdiz, volvendo ao inicio. Non hai forma de fuxir, a non ser que se pretenda modificar algo para todo continuar igual en esencia, do dereito de autodeterminación e do exercicio da soberanía por parte das nacións, mesmo que optaren por unha forma de convivencia confederal pactada. A nosa experiencia política existe: un marco autonómico limitado, e aínda enriba usado de forma fraudulenta, cunha cativa excepción de catro anos, contraditoria, a nula vontade de reformar o estatuto ou redixir un novo, a excepción da proposta nacionalista de estatuto de nación, que non chegou nin a debaterse en sede parlamentar e moito menos a nivel social e popular. De terse feito, mesmo fracasando antes de chegar ás Cortes, tería incidido positivamente na conciencia nacional e popular galega. Non concordo para nada coa tese de o BNG ser unha forza autonomista pola súa suposta defensa dun Estatuto de Nación. Aquel texto non cabía na Constitución Española, sería rexeitado e tería dado pé a debates que, por desgraza, na Galiza non se deron, non só sobre o noso carácter de nación e os nosos dereitos como tal, senón, entre outras moitas cuestións de calado e interese, sobre a necesidade dun sistema de financiamento como o vasco, aclarándose así que non vivimos subsidiados, conforme aos dados reais da recadación da Axencia Tributaria na Galiza por todos os impostos ao 100%. A acusación debería formularse en termos de que non pasou de conato. Deberíamos calibrar tamén sobre a magnitude das mobilizacións en defensa da lingua galega perante a maior agresión perpetrada desde o Estado e a propia Xunta contra a lingua do país, confrontándonos con condicións sociais de grave intoxicación informativa. E valorar a nosa capacidade para facelo. E tamén explicarnos por que as folgas xerais contra as reformas involutivas en materia social e laboral teñen maior eco aquí que no resto do Estado, mentres non logramos que esta potencialidade calle na asunción progresiva pero inexorábel dunha alternativa, dun obxectivo político propio do pobo galego, no que as clases traballadoras son unha inmensa maioría.   

Non son momentos para a confusión. Non o son para desertar do país en nome da súa suposta incapacidade, para descabezalo aínda máis e incitalo a non responsabilizarse do seu futuro ou acomodalo á fantasía de que a salvación virá de non se sabe que centro estatal ou universal co que colaboremos servilmente. Son momentos de convencer a prol da necesidade de nos responsabilizar sobre o futuro político e institucional do noso país. Temos que ser tenaces e comprometidos superando todas as eivas que temos, explicábeis historicamente, para expresar a nosa vontade inequívoca de querermos ser. Tamén con nós, e xa durante máis séculos que con Catalunya, practicaron todo tipo de violencias e argucias, como dixo Castelao, para aniquilarnos como país, para aniquilar a nosa lingua, a nosa cultura, e a nosa dignidade. Non o lograron, por máis que nos infrinxan danos de consideración e feridas que supuran. Seremos quen de convencer o pobo galego de que, sendo el mesmo, responsabilizándose e decidindo por si, a través da súa capacidade e do seu esforzo, podemos vivir mellor e ter un futuro máis próspero e máis digno e xusto? Eis a cuestión. Esta tarefa non pode adiarse. É inseparábel das circunstancias do presente. Certamente nos non estamos na fase catalá: a nosa é aínda a fase de convencer sobre a nosa capacidade e a necesidade de termos vontade de existir como pobo, se queremos saír da actual crise e termos futuro. Nesta fase, é moi importante a forma pedagóxica adaptada á mentalidade social: combater con habilidade os prexuízos máis asentados, coñecer as prevencións máis interiorizadas para sabermos vencelas, coidar os nosos comportamentos e as nosas intervencións para non dar pé á confirmación de estereotipos. E coñecer a nosa realidade analiticamente, de forma seria. En verdade non debemos ter complexos. Porén, esforcémonos polos nosos argumentos e discursos non estaren guiados pola endogamia, polo ideoloxismo extremo ou polo gosto pola marxinalidade. A nosa é unha aspiración á maioría, malia a curto prazo o obxectivo sexa agrandar, de forma relevante, a base social favorábel á capacidade de decidir de Galiza, e á súa vontade de existir como pobo diferente, popularizando determinados análises e alternativas para as maiorías teren que pensar nelas como posibilidade.   

A confusión, a abulia, a apatía, o escepticismo e a resignación nunca poderán máis que a propia realidade conflitiva do país, que sempre asumimos. Tiremos conclusións políticas sen medo. E para iso é moi urxente que comecemos por desterrar a nosa propia confusión, abulia, apatía e escepticismo. E iso só o podemos facer actuando socialmente. Hai capacidade, haina, en todos os campos e en todos os aspectos. E temos o mellor instrumento político de Galiza, malia as súas eivas, as nosas, que son as que se poden corrixir en contacto co pobo e unindo os esforzos de todos os que se dispoñan a traballar acreditando na nosa capacidade e na necesidade do dereito a decidir. O día 15 na praza da Quintana así o sentimos. 

Publicado na revista dixital 'Terra e Tempo' | 24.09.2013 | Editada pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

[*] Francisco Rodríguez Sánchez, Ferrol, 1945. É Licenciado e Doutor en Filoloxia Románica e Catedrático de Literatura española en Instituto. É autor dunha ampla obra de investigación e ensaio en temas lingüísticos, literarios, culturais e políticos desde unha perspectiva nacionalista. Inaugura unha liña de análise socio-lingüística coa publicación de "Conflicto lingüístico e ideoloxía na Galiza" (1976 - vai pola 4ª edición). Especialista en figuras de grande releváncia como Rosalía de Castro (tese de doutoramento, xaneiro 1988), Curros Enríquez  (1973),  Blanco Amor  (1993)   Neste ámbito realizou diversas publicacións- e o manual "Literatura galega, problemas de método e interpretación". Militante do nacionalismo desde que tiña 19 anos. Desde entón, loitou contra o franquismo desde a perspectiva nacionalista, por iso sofreu desterro, foi multado en numerosas ocasións e padeceu o cárcere pola súa militáncia, por defender os direitos de Galiza e os direitos dos traballadores do país. Foi impulsor fundamental da creación e dinamización de organizacións sindicais e políticas como a INTG e o BNG. Dirixente da UPG é, desde a súa fundación membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego. Actualmente é  membro do Consello Nacional do BNG e da Executiva. Foi deputado no Parlamento Galego e deputado e Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados desde o ano 1996 até o 2008. Logo de ter deixado a sua actividade parlamentaria, encamiñou a súa labor ao traballo no BNG, aos estudos da nosa realidade nacional, amáis de ser o Secretario Xeral da UPG, secretaria que deixou o 17 de xuño de 2012, no XIII Congreso da Unión do Povo Galego.
________________________

1 comentarios so far

Cando morre o dictador ; Galiza , como consecuencia de coarenta anos de escravitude laboral,centos de miles de emigrados remitindo divisas e sobor detudo grazas as suas riquezas naturais, era unha potencia europea na : agricultura,ganderia,pesca,forestal,mineiria,enerxetica,industrial e financieira ( bancos e caixas de aforros espalladas por tudo o pais.A nosa condicion de colonia propiciou o esgotamento rapido dos nosos recursos , e como consecuencia a desfeita social i economica das nosas xentes. ? hai posibilidades de reconducir ista situacion ¿ . Si , REPUBLICA GALEGA CEIBE ou REPUBLICA GALEGA nun estado confederado español.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon