mércores, outubro 16, 2013

Mulleres en folga de fame por unha "protección real" para as vítimas da violencia de xénero - Moi interesante Vídeo 'Folga de Fame - Testemuñas' - Catorce mulleres relatan a indefensión sufrida por parte das autoridades tras sufrir violencia machista, así como a situación de desprotección na que quedan os seus fillos


"Chámome número seis. No xulgado atopeime indefensa, sen avogado. Pedín unha medida cautelar que nin me concederon e agora estou en varios procesos xudiciais, un labirinto, e totalmente indefensa, ao igual que meu fillo. Pídolle á Xustiza que nos deixe ser libres, que nos separe deste círculo de violencia". "Chámome número catro. Tiven unha mala experiencia coa policía, que me dixo que se non estaba segura da denuncia volvese despois. Non me fixeron caso, volvín ao día seguinte e a denuncia non chegou aos xulgados até dez días máis tarde. Non me sentín protexida e teño dúas nenas que están secuestradas polo seu pai, que as levou ao Reino Unido. A Xustiza non actuou e eu quero que protexan as miñas nenas e que as separen do maltratador".

Son só dous duros testemuños dos catorce que a asociación Ve-la luz vén de colgar a través dun vídeo en internet. Fixérono para explicar e denunciar a situación que levou dez delas a comezar unha folga de fame desde a madrugada do pasado luns ao martes e coa que reclaman "un sistema de protección real de mulleres e nenos vítimas da violencia de xénero" que "non fomente o empobrecemento da muller, nin a súa submisión nin a continuación do maltrato".
Dez mulleres comezaron unha folga de fame para reclmar "un sistema de protección real de mulleres e nenos vítimas da violencia de xénero".
Están "cansas, esgotadas e débiles" porque á súa folga de fame úneselle a violencia sufrida polas mulleres e cada un dos problemas derivados dela. "O non comer xúntase a todo o que levamos aguantando", explica Gloria Vázquez, presidenta desta organización contra a violencia de xénero na Coruña e unha das que acumula máis dun día sen comer no local que a asociación ten ao carón da Audiencia Provincial. A folga "é indefinida" e teñen previsto continuar coa iniciativa ata que lles ofrezan "medidas reais de protección" que acaben co sufrimento, as dificultades e as inxustizas que denuncian ante a cámara. Cunha careta que lles cobre o rostro, un veo que agocha o seu cabelo e identificándose a través dun número ou unha letra. "Chámome X".
A folga é "indefinida" e teñen previsto continuar ata que a Adminitración lle ofreza "medidas reais de protección"
"A folga de fame é indefinida atá que se nos ofrezan medidas de protección eficientes. Queremos que se protexa os nenos, que se suspendan as visitas ao pai maltratador cando hai indicios de violencia e que, tras sentenza firme, se lles retire a patria potestade", explica Gloria Vázquez. "Que as vítimas teñan oportunidades de ter outro tipo de vida", insiste.

Protestan pola situación de moitas mulleres que, ademais de sufrir o maltrato, teñen que aturar logo o desleixo da policía ou da Xustiza,  sentenzas que consideran inxustas, o afastamento dos seus fillos ou o acoso dos mesmos que os maltrataron.  Os relatos do vídeo elaborado por estas vítimas arrepían. "Cambiou a fechadura da porta e sigo sen poder acceder á vivenda. Sufrín puñadas e ameazas e solicitei unha orde de afastamento que non me concederon. A policía non me facilitou nin avogado nin nada e non me sentín protexida nin a nivel económico nin xudicial. O meu expediente foi arquivado e o maltratador solicitou a custodia compartida e tena. Cada vez que os nenos van con el volven desquicidados e contra min. Quero unha protección para os meus fillos. Non quero que sufran o mesmo ca min". Este é outro dos testemuños.
Os testemuños denuncian o desleixo da policía e da xustiza en moitas situacións e a indefensión dos nenos que, en moitos casos, seguen convivindo co maltratador.
 "Queremos unha xustiza xusta"

Porque Ve-la luz e as mulleres que continúan a folga de fame denuncian que moitas veces semella que "se xustifica a violencia" de xénero e lembra que case o 60% das denuncias son sobreseídas. Hai casos, como tamén se ve no vídeo e como destacan, nos que a vítima acaba sendo acusada (e incluso condenada) por maltrato, mentres o violento "queda impune". A situación dos fillos é, ademais, outra das principais reivindicacións dun colectivo que ve como, en moitas ocasións, os cativos acaban convivindo co pai denunciado por bater na nai. Obrigados, retidos ou porque se lles concedeu a custodia.

Así, reclaman unha "xustiza xusta" e que se acelere a saída destas mulleres do labirinto xudicial no que moitas veces acaban pechadas. "O sistema e os problemas perpetúanse. Hai casos de mulleres que teñen até 32 xuízos pendentes por incumprimento das medidas adoptadas", lembra Gloria Vázquez, que recorda que a folga de fame tamén denuncia os recortes sufridos nas axudas públicas ás maltratadas e a grave situación na que moitas quedan.
As mulleres denuncian tamén os recortes e reclaman que se reactive o salario da liberdade, paralizado desde o mes de xuño.
"Unha vítima adoita cobrar 426 euros, pero teñen que deixar as súas casas e asumir un aluguer", insiste, tras reclamar que se reactive o salario da liberdade, "que leva desde xuño sen pagarse", así como que se recupere o sistema de atención psicolóxica ás vítimas, que agora abrangue só ás mulleres que teñen unha orde de afastamento. "Actualmente só reciben apoio un 17% das mulleres que o solicitan", resume Gloria Vázquez, que está segura de que "cos recortes, e xa cos novos datos, comprobaremos como a situación é aínda peor".
Ningún representante da Administración se achegou ao local nin se interesou polas súas reivindicacións aínda.
"Mulleres bravas que loitan pola súa liberdade e a dos seus fillos. Que nada nin ninguén te silencio. O silencio faite cómplice", pode lerse no final do vídeo que gravaron. Malia a gravidade, desde Ve-la luz non confían en que representantes da Administración se poñan en contacto con elas para abordar as súas reivindicacións. "Non temos confianza nin esperanza en que iso ocorra. Aínda non veu ningún cargo nin cremos que veña", di. Si pasaron pola sáu sede para apoialas as concelleiras socialistas da Coruña Gloria del Valle e Mar Barcón; César Santiso, de EU; María Xosé Bravo, do BNG, acompañada por outros membros da formación como Carme Adán ou Goretti Sanmartín; Vitoria Louro, de Acción Feminista; Marisa Fernández, de Mundo sin Guerra e Violencia; ou Ricardo Saavedra, de Espazo Ecosocialista.

Miguel Pardo | @depunteirolo

Este vídeo está xerado por vítimas reais , as cales son tratadas como números e que representan a realidade do sistema ofrecido de protección.
Cada caso é o exemplo de centos en Galicia e miles en toda España.
Un sistema que somete diariamente a mulleres e menores.


http://youtu.be/SKeTeYKmUL0


Canle de Asoc. Velaluz Violencia de Género
http://www.youtube.com/user/velaluzgalicia?feature=watch

Publicado en Praza Pública | 16.10.2013

Web da Asociación Vela Luz:
http://www.asociacionvelaluz.es/

Folga de Fame:

Para difundir:
Baixar o cartaz en formato jpg.
Baixar un barner, en formato jpg.
_________

Enlaces relacionados:
_______________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon