xoves, outubro 03, 2013

Queixa, das organizacións ecoloxistas e ambientalistas galegas, ante o Valedor do Pobo pola non celebración das obrigadas reunións das xuntas consultivas dos parques naturais e do Observatorio Galego de Educación Ambiental durante o ano 2012


Os colectivos integrantes da Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Educación Ambiental presentan unha queixa ante o Valedor do Pobo pola non celebración das obrigadas reunións das xuntas consultivas dos parques naturais e do Observatorio Galego de Educación Ambiental durante o ano 2012. Este comportamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ademais de contrario á lexislación en materia ambiental, supón unha merma dos dereitos de representación e información que asisten aos colectivos ecoloxistas e, por extensión, ao conxunto da cidadanía.

As xuntas consultivas dos parques naturais son os órganos colexiados que, segundo o disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, colaboran na xestión dos espazos naturais protexidos e canalizan a participación das persoas propietarias e daquelas persoas que representan os diferentes intereses sociais e económicos. Así mesmo, están adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

O Decreto 265/2007, de 28 de decembro, establece a composición das xuntas consultivas, quedando integradas, entre outros axentes, por un/unha representante das asociacións que figuren inscitas no Rexistro de asociacións protectoras do medio ambiente da Xunta de Galicia.

A pesar da relevancia destes órganos de cara a unha axeitada participación pública na xestión dos espazos naturais protexidos, durante o ano 2012 non se celebraron as pertinentes reunións con carácter ordinario en cinco dos órganos mencionados:
  • Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
  • Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume.
  • Xunta Consultiva do Parque Natural de O Invernadoiro.
  • Xunta Consultiva do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
  • Xunta Consultiva do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
A non celebración de reunións ou a celebración cunha periodicidade superior a un ano supón tamén o incumprimento de diferentes artigos que regulan as funcións que cumpren as xuntas consultivas: informar anualmente das memorias de actividades e resultados, aprobar os orzamentos, aprobar, modificar e revisar os plans relativos ao espazo protexido e os instrumentos de planificación, etc.

Así mesmo, está a incumprirse reiterandamente a convocatoria do Observatorio Galego de Educación Ambiental, o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en relación co desenvolvemento da Educación Ambiental en Galicia.

A queixa presentada ante o Valedor do Pobo vén motivada no feito de que a non celebración das reunións supón unha merma dos dereitos de representación e información ao conxunto de asociacións ambientalistas galegas.

O incumprimento da periodicidade nas convocatorias doutros organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Observatorio Galego da Biodiversidade e Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia) está xa a ser investigado polo Valedor do Pobo debido a unha queixa presentada pola asociación ADEGA en nome dos colectivos ecoloxistas.

A pesar da lexislación e dos acordos parlamentarios, o día a día na xestión dos espazos naturais protexidos e dos órganos de participación está baseado na falta de información, en impedir a participación aos axentes sociais interesados e no desinterese por parte da Consellería, o que ten como resultado que só dous dos seis parques naturais existentes conten cun Plan Rector de Usos e Xestión. 

Máis información:

Federación Ecoloxista Galega. T. 691 527 277.

Sociedade Galega de Historia Natural. T. 698 141 384.

Sociedade Galega de Educación Ambiental. T. 618 868 612.

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
3 de outubro de 2013 10:2

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon