sábado, decembro 21, 2013

En Ferrol como no conxunto das cidades galegas, sobre as 7 da tarde, concentraban-se numerosas persoas para denunciar e protestar ante tal atropelo contra os dereitos das mulleres - O Consello de Ministros aprobaba o anteproxecto de reforma da lei do aborto

Concentración en Ferrol - 20 de Decembro de 2013 -Foto: Fer Ocampo M.

Onte o Consello de Ministros do, polo de agora, Reino de España, aprobaba o anteproxecto de reforma da lei do aborto. Contrareforma conservadora con nome eufemístico: 'Anteproxecto de Lei Orgánica de Protección da vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada', que reforma a actual  'Lei orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo'.

 En Ferrol como no conxunto das cidades e varias vilas galegas, sobre as 7 da tarde, concentraban-se numerosas persoas para denunciar e protestar ante tal atropelo contra os dereitos das mulleres. A convocatoria a realizaba a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, para rexeitar esta contrarreforma do goberno  do PP, contra Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos. No conxunto do territorio do Estado tamén saíron ás rúas e prazas miles de persoas.

No acto de Ferrol, participaron numerosas persoas, moitas delas portaban unha candea en sinal de do. Estes recortes en dereitos só van traer máis sufrimentos e dor para as mulleres.  No transcurso do acto berraron-se diferentes consignas contra o atropelo reaccionario e integrista da dereita española que queren impoñer a súa hipócrita moral ao conxunto da sociedade. Só hai que ver as diferentes portadas dos xornais conservadores (La Razón, ABC, La Gacdeta, ...) intentando manipular a realidade. O comunicado unitario foi lido pola compañeira Tereixa Pereiro Garcia da Marcha Mundial das Mulleres. A loita continua.

A continuación transcribimos a reportaxe publicada no xornal dixital 'Praza Pública', xornal que fornece importante e numerosa  información e opinión (baixo licenza
Creative Commons by-sa), no camiño da construción dun país normalizado, xusto e libre que merece o noso apoio.

O día a día cunha nova lei do aborto que xa é contestada na rúa

Tan só poucas horas despois de que o Consello de Ministros aprobase o anteproxecto de reforma da lei do aborto, e logo de que o ministro Ruiz Gallardón a xustificase en rolda de prensa, centos de mulleres saíron ás rúas nas concentracións convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en varias cidades do país. "Nin un paso atrás nos nosos dereitos", berraron unhas manifestantes que volveron denunciar o retroceso en 30 anos que supón unha contrarreforma que só contenta o sector máis extremo e radical da dereita española.
"Fóra os rosarios dos nosos ovarios", berraron as mulleres que se manifestaron este venres en varias cidades galegas
"Nós parimos, nós decidimos" ou "fóra os rosarios dos nosos ovarios" foron algúns dos cánticos máis repetidos nas mobilizacións das sete cidades galegas, ademais das de Cangas e Ribadeo. "Que desilusión, que o pai de Gallardón non puxera un condón", chegouse a berrar tamén nunhas marchas que demostraron a rabia e indignación dun colectivo que "nin nos peores presaxios" imaxinaba unha contrarreforma "tan dura" que tamén foi contestada en moitos outros lugares do Estado.

Protestaban as mulleres contra o anteproxecto de Lei para a Protección da Vida do Concibido e dos Dereitos das Mulleres Embarazadas. Unha iniciativa que, de aprobarse, provocará que as mulleres que queiran abortar en España se atopen con grandes dificultades para facelo. Se coa lei actual de prazos, aprobada en 2010, as que queren interromper de forma voluntaria o seu embarazo dentro das primeiras 14 semanas de xestación -o 89,77% das que abortan fano antes das 12 semanas- non deben acreditar ningunha razón, coa futura reforma deberán sempre xustificar cun ditame médico que seguir co embarazo pon en risco a súa saúde mental.
Dez casos sobre como poderían abortar as mulleres en España, baseándose na proposta do Goberno e en casos ficcionados baseados en datos e perfís reais
A continuación, explicamos como as mulleres poderían abortar en España de aprobarse a reforma do PP, en base á información ténica facilitada polo Ministerio de Xustiza, con casos ficcionados baseados en datos e e perfís reais.

1. Ana e seus pais

Ana ten 16 anos, vive cos seus pais e quedou embarazada. A noticia é un shock para seus pais, pero están de acordo con ela en non seguir adiante co embarazo. Eles deben, por lei, consentir o aborto. Van ao médico de cabeceira, onde a moza explica que está sometida a unha forte tensión e ansiedade pola situación, que de seguir co embarazo pode afectar á súa saúde mental. Ten sorte. O seu médico non se declara obxector de conciencia. Remítea con carácter de urxencia a unha consulta psiquiátrica. Este especialista deberá acreditar que efectivamente a saúde mental de Ana periga. Ademais, Ana e seus pais deberán buscar outro especialista médico, dun centro diferente de onde se vaia a practicar o aborto, que asine o ditame que acredita o risco. Pero iso non é todo.

A continuación, Ana deberá acudir aos Servizos Sociais da súa Comunidade, onde a informarán por escrito e de maneira verbal, "que a vida do non nado constitúe un ben xurídico protexido pola Constitución". Ademais, explicaranlle as prestacións sociais, públicas e privadas, ás que ten dereito en caso de continuar co embarazo e contaranlle "as alternativas existentes" ao aborto como a adopción. Daranlle un certificado coa data na que recibiu esta información. Outro médico, alleo ao centro no que se realizará o aborto, deberá explicarlle "os riscos que a interrupción voluntaria do embarazo pode levar para a saúde da muller e para a súa maternidade futura", entre outros aspectos. É un momento moi difícil, pero tras recibir toda esta información, Ana mantense na súa decisión de abortar. Pero aínda terá que agardar sete días, o período de reflexión ao que obriga a lei. Pasado ese tempo, Ana pode xa interromper o seu embarazo, despois de asinar o consentimento informado que require calquera intervención hospitalaria.

2. Marta e o seu pai maltratador

Marta acaba de cumprir 17 anos e acaba de decatarse que está embarazada. Non quere ese fillo. Así que acode cunha amiga aos servizos sociais. Alí dinlle que se quere abortar, ademais de acreditar que corre perigo a súa saúde mental cun ditame asinado por dous médicos, necesita o consentimento dos seus pais. Marta cóntalle ao traballador social que o seu pai a maltrata e ten moitísimo medo de contarlle o ocorrido. Infórmana que no seu caso pode solicitar ao Xulgado Civil de Instrución que decida sobre a súa situación. Debe explicar as súas "circunstancias persoais", así como "a identidade dos médicos que van realizar a intervención e das persoas interesadas no procedemento". Marta tamén deberá incluír, no seu caso, o informe médico que acredita que a súa saúde mental corre perigo, os certificados que constatan que recibiu a información dos servizos sociais e dos riscos médicos de someterse a un aborto. Nun prazo non maior a 15 días o xuíz pode investigar toda a información que considere relevante para tomar a súa decisión. El será quen diga se Marta ten a madurez suficiente para tomar esta decisión sen o consentimento paterno.

3. Berta quéreo ter

Berta apenas cumpriu 14 anos e estuda Segundo da ESO. Hai poucos meses que sae cun mozo, o seu primeiro noivo, e ten seis semanas de xestación. Ela só pensa en seguir adiante co seu embarazo. Pero ao contárllelo aos seus pais estes opóñense, cren que é moi nova para ser nai, e queren que aborte. Ela decide presentar unha solicitude de amparo ao xuíz, quen tras escoitar aos pais e á moza, decide darlle a razón aos pais xa que como Berta ten 14 anos o maxistrado debe atender "principalmente ao consentimento manifestado polos pais". Con todo, podería darse o caso de que o xuíz considerase que a decisión dos pais "fose contraria á protección do interese da muller", e resolvese que Berta pode seguir co seu embarazo.

4. Natalia quere unha carreira

A Natalia quédanlle dous anos para terminar Mediciña. Sorprendeulle moito o seu embarazo porque usaba un método anticonceptivo. Pero despois duns días de desconcerto e dunha conversa co seu noivo decidiu que non quere ter o bebé. Quere continuar cos seus estudos e é unha responsabilidade que non pode asumir. Acode aos servizos sociais e danlle toda a información que está obrigada a recibir por lei. Non lle importan as axudas que haxa, ela non quere ter un fillo. O de ter que esperar unha semana enteira mortifícaa, parécelle unha crueldade innecesaria. A ansiedade mesmo a leva a Urxencias unha noite. Son sete días eternos ata que finalmente pode abortar. A intervención vai ben, pero a recuperación tarda. Foron moitas semanas de angustia, de sentirse presionada para cambiar a súa decisión.

5. Cristina, a crise e o medo

Cristina e o seu marido chegaron hai cinco anos de Ecuador. Ten 32 anos e de momento as cousas non foron doadas. O diñeiro non é dabondo. El está no paro desde hai tempo, e a ela reducíronlle a xornada laboral, e polo tanto o seu soldo na empresa de limpeza onde traballa. Ela quere ter un fillo, pero tras unha tristísima charla decidiron que a falta de recursos pesa máis. Terán fillos cando teñan máis medios. Acoden aos servizos sociais, onde lle dan toda a información social, así como a médica. É un proceso moi doloroso. E tarda demasiado. O seu marido mesmo lle expón acudir a un coñecido do que lle dixeron que fai abortos sen necesidade dos trámites. Ela resístese. Nos sete días de reflexión, Cristina non deixa de pensar e asustarse ante as palabras do médico, que lles explicou os riscos que o aborto pode levar. Díxolles mesmo que podería non volver quedar embarazada. Unha amiga anímaa dicíndolle que é un risco mínimo. Finalmente danlle cita nunha clínica. Por sorte conta co apoio da súa parella. Despois de longas semanas o calvario acabou. A preocupación non.

6. Beatriz marcha a Londres

Beatriz ten 35 anos, vive coa súa parella desde hai tempo e ambos teñen uns traballos que lles permiten vivir de maneira folgada. Acaban de saber que ela está embarazada, pero decidiron abortar porque non queren ter fillos. Nunca os quixeron. Acoden directamente a unha clínica privada onde os informan dos pasos a seguir, como que deben ter un ditame médico, asinado por dous especialistas, que acredite que a saúde mental de Beatriz corre perigo se segue co embarazo, e que tamén deben acudir aos servizos sociais. Beatriz non está disposta a que un médico diga que as súas facultades mentais quedarían prexudicadas se segue co seu embarazo. Pero non ten outra opción. Non ten ningunha posibilidade de elixir agás alegar unha enfermidade psíquica. Así que ela e a súa parella optan por viaxar a Londres, onde unha amiga concertoulles xa unha cita nunha clínica. En menos dunha semana están de volta en España.

7. Familia numerosa
Paula ten tres fillos, de seis, catro e dous anos. Encántalle ter unha familia numerosa. Pero volveuse a quedar embarazada. Pasan unhas semanas de dúbidas, de exporse e reformularse o asunto. Finalmente ela e o seu marido deciden non ter un cuarto fillo. Está de 12 semanas cando acode ao seu médico de cabeceira para explicarlle que seguir co embarazo xéralle un estado de ansiedade terrible. O médico contéstalle que non pode axudala porque é objetor de conciencia ante o aborto. Paula e o seu marido, desconcertados, acoden a outro médico do mesmo centro, que lles responde o mesmo. A desesperación crece. E entre tantos intentos, as ausencias de ambos no traballo empezan a xerar problemas. Non o contaron por medo á presión dos demais. Finalmente, un terceiro sanitario derívalles á consulta de psiquiatría e failles o favor de chamar para que a atendan canto antes. Pero a mala sorte fai que dean cunha especialista que se nega a emitir o informe médico. Teme que o certificar risco psíquico nunha muller que é felizmente nai poida acabar nunha demanda dalgún grupo dos denominados provida. Desesperados e xa con varias semanas de xestación, deciden concertar e pagar unha cita nun centro privado para lograr o ditame médico. Respiran aliviados ao saber que os traballadores sociais da rede pública non poden acollerse á obxección. Finalmente Paula pode interromper o seu embarazo, xa con 18 semanas de xestación.

8. Irene e o seu dobre drama

Irene, de 34 anos, sofre un dobre drama e non pode compartilo con ninguén. Non foi capaz de contar nin sequera á súa familia que foi violada por un mozo que coñecera nunha discoteca. Non o denunciou. E agora sabe que está embarazada de 10 semanas. Baixo ningún concepto quere ter o bebé. No hospital explícanlle que debe acreditar a violación cunha denuncia -un requisito indispensable en caso de violación- e que debe acudir aos Servizos Sociais para que lle informen de todo o proceso. A cita atrásase e ten medo que pase o prazo máximo de 12 semanas nos que o aborto é legal en caso de violación. Son días de desesperación, porque ademais hai que contar coa obrigatoria semana de reflexión até poder interromper o seu embarazo a tempo.

9. Martina e o dilema

Martina e o seu marido queren desde hai tempo ter un fillo. Por fin ela quedou embarazada e todo transcorre ben ata que o seu xinécologo infórmaos de que o bebé nacerá con síndrome de Down. Está embarazada de 14 semanas, pero ambos cren que non están preparados para asumir esa responsabilidade. Deciden non ter un fillo nestas condicións. Dinlles que necesitan un informe, asinado por dous médicos distintos, que acredite que de seguir adiante co embarazo a saúde mental de Martina está en perigo. O paso polos servizos sociais é durísimo. Alí infórmanlle das supostas axudas que tería e dos recursos cos que conta a rede pública (e privada) para casos de nenos con esa discapacidade. Pero eles seguen sen sentirse capaces. E pensan en que pasará con ese fillo se eles morren. Tras obter o certificado de recibir a información médica e co ditame médico na man, Martina finalmente pode abortar.

10. Pilar e o peor diagnóstico


Pilar está xa na semana 22 de embarazo. Ela e a súa parella esperan impacientes a chegada da súa segunda filla. Pero na última visita ao seu xinecólogo déronlles unha mala noticia: o feto ten anencefalia, unha anomalía moi grave. Os médicos dixéronlle que morrerá ao pouco de nacer. Ante esta situación e por moito que a parella queira ter o seu fillo, non queren levar o embarazo até o final sabendo que o neno morrerá axiña. Explícanlles que un médico debe acreditar esta "anomalía" do feto e que ademais outro especialista debe certificar que esa "anomalía é incompatible coa vida" supón un grave perigo para a saúde psíquica de Pilar. Á dor de coñecer o peor diagnóstico para o seu bebé súmase un peregrinar por especialistas e psiquiatras que convirtan o seu caso en apto para someterse a unha interrupción do embarazo.

Por  Patricia Rafael e Miguel Pardo .

Recomendamos entrar na noticia orixinal en Praza Pública con comentarios, galerías fotográficas e máis información relacionada .

Publicado no xornal Praza Pública 21 de decembro de 2013 Licenza Creative Commons by-sa.

Praza  Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon