18 de Decembro: Día Internacional das Migracións
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
O Foro Galego de Inmigración convoca o acto central do 'Día Mundial das Migracións' en Ferrol, o vindeiro Martes 17 de Decembro.
As actividades previstas son:
Martes 17 de Decembro:
- Rolda de prensa informativa ás 11:00hs diante do Pazo Municipal na Praza do Concello de Ferrol, para presentar o Manifesto:
"EN DEFENSA DOS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS". - Entrega posterior do Manifesto no rexistro municipal de Ferrol dirixido ao Alcalde da cidade, na súa calidade de rexedor municipal e de Presidente da Federación Galega de Municipios.
- Actuación Complementaria do Acto do Día das Migracións, que consistirá na presentación o mércores día 18 de decembro por rexistro municipal do Texto do "Manifesto, En defensa dos Servizos Sociais Públicos", noutras cidades e vilas de Galicia como Santiago, A Coruña ou Boiro.
Para rematar, reclamando e alentando á loita na defensa dos principais piares do estado de benestar: educación, saúde, pensións, prestacións e servizos sociais para o colectivo de persoas migrantes de Galiza e do resto do Estado Español.
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
ACTO CENTRAL DO DÍA DAS MIGRACIÓNS
MANIFESTO: EN DEFENSA DOS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS
O Foro Galego de Inmigración formado por asociacións de migrantes, entidades , colectivos e persoas de toda Galiza, coincidindo co Día Mundial das Migracións, quere facer público o seguinte Comunicado:
“Esiximos a garantía dos dereitos básicos por parte das distintas administracións e a execución de medidas urxentes para encarar a actual situación de pobreza e exclusión social que vive o colectivo de persoas migrantes en Galiza e no resto do estado español”
Consideramos intolerable que a alternativa que presenta o goberno de Feijóo, ante a dramática situación económica e social de moitas familias galegas de cara o vindeiro ano, é o incremento dos recursos de beneficencia. Comedores sociais, albergues e bancos de alimentos suman unha importante partida orzamentaria da Consellería de Traballo e Benestar. As actuais políticas sociais galegas delegan en organización relixiosas e de esmola a cobertura de necesidades básicas como os alimentos, os suministros enerxéticos ou o pago da vivenda. Existe unha constante agresión dos dereitos que se xustifican na falta de medios económicos, culpabilizando á poboación máis empobrecida, entre elas a poboación migrante, dun colapso dos recursos e axudas sociais.
Esiximos dotación económica e axilidade na tramitación e resolución da renda de integración social de Galiza (RISGA) sendo na actualidade a única alternativa económica de sustento cando finalizan as prestacións de desemprego. A día de hoxe cobran esta prestación 9.600 persoas, pero a demanda é moi superior a esta cifra. Requisitos como a presentación de documento de identidade ou o empadroamento; exclúen a moitas persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa ou con estancia no territorio galego inferior ó ano. Tamén denunciar a espera de máis de seis meses da súa resolución, sendo unha táctica ruín para excluír desta prestación a mulleres e homes en situación de pobreza. Así como o abuso do control e supervisión dunha parte do persoal dos servizos sociais de atención primaria e a arbitrariedade e actitudes racistas que trascenden nalgúns informes sociais.
Incidimos na necesidade de promover o debate de novas alternativas que permitan satisfacer as necesidades de tódalas persoas como é a renda básicas das iguais (RBis). Medidas viables tanto política como economicamente, que cuestionan o actual sistema capitalista e as políticas neoliberais que amparan o terrorismo financerio que estamos a sufrir o conxunto da cidadanía.
Coa tramitación parlamentaria da lei de reforma e sostibilidade local por unha banda, por outra a axencia galega de servizos sociais e a futura lei de inclusión social de Galicia o goberno do PP está impulsando o desapoderamento municipal dos servizos sociais e facilita a liberalización dos servizos á xestión de empresas privadas. Estrangúlanse os cadros de persoal dificultando a permanencia de moito servizos públicos e imposibilita o desenvolvemento de programas municipais educativos e sociocomunitarios.
Por todo isto, urxe a resistencia e reflexión colectiva, espazos de loita ante as actuais agresións os dereitos do estado de benestar. Para así, compartir vidas onde sanidade, educación, prestacións, servizos sociais... sexan en condicións de dignidade e igualdade para a poboación migrante.
Ferrol, 17 de Decembro de 2013.
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
www.forogi.wordpress.com
Enviado por:
susana beatriz alaníz gonzález
-sual259@hotmail.com-
13 de dezembro de 2013 16:12
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon