luns, decembro 16, 2013

O BNG convoca un Acto Público sobre a "situación e alternativas para o sector naval na ría de Ferrol", coa participación do portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, da responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence

Estimadas amigas
Estimados amigos

A situación crítica pola que está a atravesar a nosa comarca - derivada do elevadísimo nível de desemprego, da emigración da xente máis nova e do aumento de situacións de exclusión social e pobreza - tén no desmantelamento do sector naval ún dos seus elementos principais; que nos últimos meses estamos a ver dun xeito impactante na perda de moitos postos de traballo ou presentación de ERES na maioría das industrias auxiliares do naval.

En troques ao que debería de ser unha acción urxente e profunda dos diversos gobernos para evitar que esta situación se consolide nun novo proceso de reestruturación - o desmantelamento práticamente definitivo do sector - estamos asistindo desde hai práticamente dous anos a un proceso de engano e manipulación ao conxunto da sociedade comarcal sobre presuntas "alternativas" parciais; máis sen abordar as decisións políticas que poderían trocar esta situación: levantamento do veto e restricións ao sector, capacidade de decisión para rendibilizar o complexo integral que representan os estaleiros da ría e unha política activa para a dotación de carga de traballo.

Fronte a esa dinámica, desde o BNG cremos e apostamos polo sector naval como estratéxico para procurar - e máis tendo en conta o contexto laboral e económico que atravesamos - que actúe como elemento de recuperación e dinamización na creación de emprego e na revitalización da economía da comarca. E sabemos que isto só é posíbel se hai decisión política para facelo.  Por iso, estamos a facer un esforzo de achegamento ao conxunto da opinión pública non só da nosa valorarción sobre os antecedentes que levaron a esta situación senón, fundamentalmente, das propostas que entendemos urxentes para cambiar o actual estado de cousas.

Nesa liña, temos convocado un acto público no que explicaremos pormenorizadamente todas estas cuestións; e que celebraremos o vindeiro martes dia 17 de Decembro a partir das 20 horas no Centro Cultural "Carvalho Calero"-Ferrol, coa participación do portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, da responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Acto para o que vos trasladamos o oportuno convite, agradecendo de antemán a vosa atención.

Saúdos nacionalistas.

Asdo.- Mercedes Tobío Rodríguez. Responsábel Portavoz Comarcal.

http://www.bng-galiza.org/ferrol/

Se queres poñerte en contacto con nós envíanos unha mensaxe de correo a bngferrol@gmail.com

Tamén estamos no facebook https://www.facebook.com/bng.ferrol ou no https://twitter.com/bngferrol

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
16 de dezembro de 2013 14:21
_________


Deitemos luz contra o confusionismo e a demagoxia no que teñen ao noso sector naval

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol deu comezo o pasado 21 de Novembro de 2013, a unha campaña Informativa sobre a situación do sector naval na cidade que sirva para sair deste proceso de confusionismo e demagoxia que existe sobre o sector naval da cidade, cuns obxectivos moi concretos que desenvolveremos a través dun documento a debatir no pleno da corporación para que todos os grupos políticos do Concello se posicionen sobre o mesmo e concretar unha saida para a situación deste sector estructural dentro da economía da cidade e da comarca.

Para o BNG o actual baleirado de gradas pretende xustificar un novo plano de reestruturación coa conseguinte reducción da capacidade produtiva, de persoal e redistribución da producción en detrimento dos asteleiros da ría.

Iván Rivas, portavoz municipal, sinalou os obxectivos a clarificar que se fundamentan en:

1.-Dotación inmediata de carga de traballo nas diferentes actividades tanto de construción naval como nas outras, turbinas, por exemplo.

2.-Oposición a todo novo plano de reestruturación, dentro do proceso de reestruturación permanente que vimos padecendo desde xa hai moitos anos .

3.-Oposición á amortización (desaparición) dos postos de traballo que, caso de pactaren os sindicatos estatais calquera tipo de redución dos cadros de persoal (prexubilacións, baixas incentivadas…en condicións xustas), deben mantérense para seren ocupados polos traballadores despedidos das Compañías Auxiliares e os mozos e mozas en paro.

4.-Acceso real a todo tipo de produción naval, non só ao monocultivo militar, que, nas circunstancias actuais, dada a situación e posibilidades neste mercado, tanto doméstico como exterior, só pode levar ao deterioro progresivo ou liquidación dos nosos estaleiros.

5.-Eliminación inmediata do absurdo veto actualmente existente respecto da construción naval civil así como da súa limitación ao 20% da facturación da Empresa, consecuencia do anterior plano de reestruturación (2005), pactado entre os sindicatos estatais, a Dirección da Empresa, o Goberno central e a Unión Europea.

6.-Dotación no centro de Fene do persoal de xestión, técnico e produtivo necesario para posibilitar a realización de proxectos no ámbito da construción naval (buques mercantes, offshore), como acontecía en tempos anteriores.

7.-Oposición ao irracional modelo de produción consistente en realizar bloques por determinados centros, que sofren logo desprazamentos a moita distancia, elevando custes de produción, servindo só para provocar prezos de transferencia entre o centro xestor do proxecto e outros centros “auxiliares”, a favor do primeiro, empeorando os resultados nos segundos.

8.-Creación de Unidades territoriais cunha Dirección única e competencias completas de xestión e responsabilidade, permitindo optimizar os resultados dos centros e maximizar as sinerxias entre os dunha mesma Unidade e, como derivación, do conxunto da Empresa. Xa hoxe a propia contabilidade por centros reflicte o mellor comportamento dos nosos estaleiros.

9.-Presenza da Xunta de Galiza no Consello de Administración da Empresa, posibilitando a súa participación no capital social.

10.-Consolidar a situación financeira da Empresa, superando o gravísimo desequilibrio existente, a través do incremento de capital suficiente para facerlle fronte.

Se o pobo galego puidese decidir, se tiver soberanía, teríamos capacidade para solucionar os problemas deste sector, como os doutros en evolución negativa, por causa da dependencia do Goberno central e os seus pactos coa Unión Europea. Temos que aspirar a poder responsabilizarnos directamente para poder defender os nosos intereses vitais.

Fonte: http://www.bng-galiza.org/ferrol/
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon