martes, decembro 17, 2013

Presentación, en Ferrol, do libro de Marcos Lorenzo Gallego: "Karlotti, un poema crónico", o Xoves 19 de Decembro

PRESENTACIÓN DO LIBRO "KARLOTTI, UN POEMA CRÓNICO
Vividores: Karlotti, un poema crónico

O XOVES 19 DE DECEMBRO, ÁS 8 DA TARDE, NA GALERÍA SARGADELOS, PRESENTACIÓN DO LIBRO "k", KARLOTTI. UN POEMA CRÓNICO, DE MARCOS LORENZO.

"Estamos cheos de coñecementos técnicos pero perdidos en cuestións básicas da vida.
Quero dignificar a verba 'vividor', que signifique alguén que sabe vivir ben
"

Marcos Lorenzo Gallego [*] é natural da Ferreiroa, en Agolada. Na súa traxectoria profesional constituíu empresas e desempeñou diferentes postos de responsabilidade nos mundos das políticas sociais e da xestión cultural. En ambos campos coordinou múltiples proxectos, publicou investigacións e ensaios, e exerceu como docente en Universidades galegas e foráneas. No ámbito da comunicación foi redactor de revistas de pensamento e arte, columnista en diferentes medios e locutor de radio. Na esfera contracultural dirixiu con man de ferro a Sociedade Patafísica do Atlántico e colaborou esporadicamente co movemento incendiario SUFATO (Súper a Favor de Todo). A súa penúltima obra é un libro de aforismos titulado Liquidación de Existencias (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005). Entre as súas vindeiras iniciativas está a refundación do pouco coñecido partido político Reticencia Galega ou o lanzamento do Colexio Oficial de Vividores da Galiza. Estivemos na presentación de "Karlotti, un poema crónico", obra onde conta as ensinanzas de Juan Carlos Valle, un poeta e gurú do underground ibérico -inda que Karlotti, así alcumado, se encargou de negalo, igualiño que Pedro a Cristo, tres veces.

Isto foi o que nos relatou este, coma Dióxenes de Sinope, buscador de homes xustos, na porta do bar Don Juan de Queiruga, parroquia de Porto do Son.

Logo dunha seca literaria dende 2005 chegas con "Karlotti, un poema crónico". Era necesario?

(Sorrí) - Non era necesario para o mundo, supoño, pero era preciso para min. O contido do libro forma parte da miña teima, dos temas que me son recorrentes, e dalgún xeito, supoño que por defecto profesional ao vir do mundo da antropoloxía, deume a sensación de que estamos cheos de coñecementos técnicos pero cada vez estamos máis perdidos en cuestións básicas da vida. Eu creo que é necesario que, á parte de academias e dos habituais círculos intelectuais e librescos, que habilitásemos un novo circuito onde todos poidamos aprender das vidas de todos.


Marcos Lorenzo conversa con Juan Carlos Valle "Karlotti" no bar Don Juan de Queiruga

Poderiamos dicir que en Karlotti atopastes, como fixo o tamén antropólogo Castaneda, ao teu "Don Juan"?

- Home, non sei. Karlotti está claro que é un gran mestre na dosificación do consumo de sustancias. Na súa intervención na presentación do libro falou de algo que cita Carlos Castaneda en "Las enseñanzas de Don Juan": o de atopar o lugar dun no mundo, o noso sitio de poder. Estou seguro de que leu este libro, pero Karlotti non foi a América nin tomou peyote ou ayahuasca, pero sei que tomou outras sustancias dun xeito comedido e intelixente, como exploración vital e non como consumo compulsivo nin autodestructivo, que é o que predomina. Si, gústame ese paralelismo entre Karlotti e Don Juan: el mostroume outra forma de enfocar a vida que ten pouco que ver coa miña e coa dos da miña xeración. É unha forma moi libertaria de vivir a súa, e nós, inda sendo libertarios de ideas, non o fomos tanto na realidade vivencial como o foi a xeración de Karlotti. Para min este home é unha fonte de aprendizaxe total, máis alá de que sexa certo todo o que conta.

Cantos anos levas tratando con Karlotti?

- Non demasiados. Eu traballaba en Ferrol, era o responsable de Cultura no Concello cando coñecín a Karlotti, entre 1997 e 1998, e a partires daí, como el é un apaixonado da poesía, organizamos entre el, Guillermo Fernández e eu unha "Semana de poesía salvaxe de Ferrol", con poetas dunha gran contundencia e presenza, moi performáticos, e dende aí comezamos a intimar e facernos compinches, a pesares da diferencia de idade.

Xa cambiando de tema: que é iso do partido "Reticencia Galega"?

(risas) - É o sucesor dun partido político anterior que fundamos un grupo de amigos moi delirantes e con problemas que se chamou Partido Popular Socialista Nacionalista Galego, (PPSenegal), que pretendía ser un partido integrador, coa idea de que todos os galegos somos integradores e non estamos aquí para rifar por diferenzas ideolóxicas, pois iso é algo que nos vén de fóra.

Marcos Lorenzo, Karlotti e Rafa Xaneiro, de Axóuxere Editora

A sonoridade de "Reticencia Galega" lembra a outra realidade que xusto está de actualidade nestes últimos tempos...

Nós lanzamos o nome bastante antes e fomos os primeiros sorprendidos en que aparecera un grupo de xente á que se lle dá por poñer petardos nos caixeiros e pasaran a chamarse algo que sona moi semellante. Pero é moi distinta a resistencia da reticencia: só teñen parecido foneticamente, nada máis.

Explíquenos iso da fundación do Colexio Oficial de Vividores de Galiza...

- É algo por crear e vai depender da recepción que haxa deste libro que presentamos agora, "Karlotti, un poema crónico". Imos ver canta xente se identifica co libro ou coa filosofía que nel se amosa e decida unirse.

Que perfil debe dar un vividor para ti?

- Como comentamos na presentación do libro, non é preciso que sexa un parásito, alguén que non dera un pao á auga na súa vida. Tampouco ten que ser famoso, inda que Pocholo ou calquera dos Borbóns serían exemplos magníficos, pero hai xente que traballa moito, que se esforza. Estamos rodeados de personaxes anónimos que son virtuosos do bo vivir e non necesariamente teñen que ser uns lacazáns.

Entón este colexio de vividores sería como un faro que atraería a estes vividores?

- Por unha parte sería o noso lugar de encontro natural, onde poidamos compartir as nosas alegrías, pois penas, poucas. E, por outra parte, sería como unha pequena escola de vida, onde aprender como enfrontar a existencia do xeito máis sabio posible. E sería para todo o mundo, incluso como algo que donemos ás vindeiras xeracións.

No que a nivel popular coñecemos como "ser vividor" tanto na política como na relixión levan séculos sacándovos o posto, non? Como ides competir contra esas forzas?

(Risas) - Non se pode, está claro, levan moita vantaxe. Pero as súas escolas, polo que estamos a ver, son de corruptos e de mafiosos, non de vividores necesariamente. Pódese ser corrupto, un auténtico delincuente con moitos cartos e non disfrutar precisamente da vida nin, que é o que buscamos nós, facer disfrutar aos que te rodean. Polo tanto, para min ese tipo de vividores non valen, pois estarían na pura angustia de se os van pillar. Como se demostra coa vida de Karlotti, non precisou dunha nutrida conta corrente para ser un vividor, para levar unha vida asombrosa e estupenda. Nós pretendemos darlle outro sentido á palabra vividor, diríamos que dignificala: calificar como vividor a alguén que sabe vivir ben.

[*] Marcos Lorenzo Gallego, é escritor, economista e antropólogo, realizou estudios complementarios en xestión cultural, urbanismo e cooperación ao desenvolvemento. No campo cultural foi asesor do Concello de Ferrol, director da empresa e-Burbulla S.A. e xerente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. No ámbito social coordinou proxectos europeos para a Fundación Galicia Emigración e fundou a empresa de consultaría Cidadania S. Coop. Galega. Autor de diversas publicacións, tanto profesionais como literarias, imparte docencia ligada á creatividade e ao desenvolvemento territorial (Fonte: galegos.info).

Vídeos da presentación do libro, este verán, no Barbanza:

Marcos Lorenzo presenta o seu libro "Karlotti, un poema crónico"

http://youtu.be/Tk_Sz_yvNyI

Karlotti conta varias das súas historias.

http://youtu.be/ACB1uM_Ved0


Para comprar o libro a través da rede:
http://tenda.axouxerestream.com/index.php?route=product/product&product_id=74
--
De interese:

http://www.karlotti.com

http://vsemanadepoesiasalvaxe.blogspot.com.es/

"Todos os homes recoñecen o dereito á revolución, é dicir, o dereito de rehusar obediencia e sublevarse contra o goberno cando a súa tiranía ou incompetencia son grandes e intolerables" | H. D. Thoreau

Fonte: Publicado no xornal virtual do Barbanza 'Certo' .

Canle de TV do xornal dixital 'Certo'.


Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
17 de dezembro de 2013 10:52

http://www.fucobuxan.net/

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon