LETRAS GALEGAS 2015 PARA O PROFESOR CARVALHO CALERO (1910-1990)
Por obra da Sociedade Cultural Medúlio don Ricardo recibiu en Ferrol a súa primeira homenaxe pública en 1981, na que quedou manifesta a súa fidelidade á causa de recuperar para o seu país a súa propia cultura. Seguiron outras homenaxes, foi obxecto de simposios e congresos. .. Nomeado fillo predilecto de Ferrol en 1990; unha rúa, un centro de ensino e outro cultural desa cidade levan o seu nome e alí se celebrou no ano 2010 o último congreso sobre el.
Don Ricardo Carvalho Calero, o primeiro profesor de galego na Universidade galega, pai lingüístico de varias xeracións, foi vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial. Usando das súas palabras (1985) certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente ... Que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura.
Como sinalaba a prensa do pasado día 29, mantívose ata hoxe, andados 24 anos do seu pasamento, unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. Van tres ocasións nas que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas a D. Ricardo Carvalho Calero, esgrevio galeguista que ao longo de seis décadas e un pouco desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente, ..., a prol de Galiza e da lingua e cultura galegas. Sen desmerecer a ninguén, entendemos que é tempo de que os grandes méritos do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por una academia na que ingresara o 17 de maio do 1958.
Matinando no que vai exposto, o día 28 de xaneiro ousamos dar un primeiro paso, un chamamento na prensa a entidades culturais e veciñais, centros docentes, equipas de normalización lingüística, ..., de Ferrolterra, ás que hoxe convocamos a unha:
ASEMBLEA ABERTA
LETRAS GALEGAS 2015 PARA O PROFESOR CARVALHO CALERO
IES CONCEPCIÓN ARENAL DE FERROL
19 HORAS DO MÉRCORES 12 DE FEBREIRO DO 2014
RICARDO CARVALHO CALERO
(Ferrol, 30 de outubro de 1910. Santiago, 25 de marzo de 1990)
-Membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG) dende 1927.
-Primeiro presidente da Federación Universitario Escolar (FUE) en Compostela, 1931.
-Publica “Vieiros”, poesía, A Coruña, 1931.
-Licenciado en Dereito pola universidade de Santiago, 1931.
-Membro da Xunta de Goberno da Universidade de Santiago no curso 1931-1932.
-Asinante de varios manifestos a prol dun galeguismo de esquerdas, 1931, 1932, 1933, 1936.
-No Partido Galeguista dende a súa fundación en 1931.
-Coredactor do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza, 1931.
-Cofundador do Grupo Galeguista de Ferrol, 1932.
-Funcionario do concello de Ferrol, 1933.
-Voda con Mª Ignacia Ramos Díez, outubro do 1933.
-Publica “O silenzo axionllado”, poesía, Santiago, 1934.
-Licenciado en Filosofía e Letras pola universidade de Santiago, 1936.
-Mitins a prol da Fronte Popular cara as eleccións de febreiro do 1936.
-Compromisario na elección do Presidente da República, maio do 1936.
-Mitins a prol do SI no referendum estatutario galego do 28 de xuño do 1936.
-Opositor en Madrid a cátedra de instituto, xullo do 1936.
-Miliciano na defensa da república no 6º Batallón da 36 Brigada Mixta, agosto do 1936.
-Ingreso na Escuela Popular de Guerra (Paterna, Valencia), xaneiro do 1937.
-Tenente do exército republicano destinado no exercito de Andalucia, abril do 1937.
-Confirmado polo goberno republicano como profesor de instituto, xullo do 1937.
-Prisioneiro dos franquistas, abril do 1939.
-Consello de Guerra: 12 anos e un día de condena por galeguista e oficial republicano.
-Liberdade condicional en maio do 1941.
-Depurado como funcionario municipal de Ferrol e prohibición de exercer no ensino público.
-Clases en academias de Ferrol (Cervantes, Dafonte, Jorge Juan, ...), 1942-1949.
-Director do colexío Fingoi de Lugo, 1950-1964.
-Publica “Anxo da terra”, poesía, Pontevedra, 1950.
-Cofundador da editorial Galaxia, 1950.
- Publica “A xente da barreira”, novela, Santiago, 1951.
-Publica “poemas pendurados dun cabelo”, Lugo, 1952.
-Doutor en filoloxía románica, Madrid, 1954.
-Membro de número da Real Academia Galega (RAG), 1958.
-Publica “Salterio de Fingoi”, Vigo, poesía, 1961.
-Publica a “Historia da Literatura Galega Contemporánea. I”, ensaio, Vigo, 1963.
-Primeiro profesor de galego (encargado de curso) na universidade de Santiago, 1965.
-Anulada a prohibición política profesor de español nun instituto de Santiago, 1965.
-Primeira edición (acadou sete) da “Gramática elemental del gallego común”, Vigo, 1966.
-Publica “Sobre lingua e literatura galega”, ensaio, Vigo, 1971.
-Publica “Catro pezas”, teatro, Vigo, 1971.
-Por encargo da RAG elabora as “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego”, 1971.
-Catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da universidade de Santiago, 1972.
- Publica a “Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936)”, ensaio, Vigo, 1975.
-Publica “Estudos rosalianos”, ensaio, Vigo, 1979.
-publica “Libros e autores galegos-I”, ensaio, A Coruña, 1979.
-Presidente da comisión redactora das “Normas ortográficas do idioma galego”, 1980.
- Dimite por desacordo coa redacción definitiva das “Normas ...”, 1980.
- Xubilación como catedrático en 1980.
-Publica “Pretérito imperfecto (1927-1961)”, poesía, Sada, 1980.
-Membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), 1980.
-Membro fundados da Associaçom galega da lingua (AGAL), 1981.
-Publica “Problemas da lingua galega”, ensaio, Lisboa, 1981.
-A A. C. Medúlio de Ferrol ofrécelle a primeira homenaxe pública, 1981.
-Publica “Futuro condicional (1961-1980)”, poesía, Sada, 1982.
-Publica “Libros e autores galegos-II”, ensaio, A Coruña, 1982.
-Publica “Teatro completo”, Sada, 1982.
-Publica “da fala e da escrita”, ensaio, Ourense, 1983.
-Medalla Castelao, 1984.
-Rexeita formar parte do Consello da Cultura Galega, 1984.
-Presidente do “Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro”, Santiago, 1985.
-Publica “Cantigas de amigo e outros poemas”, A Coruña, 1986.
-Publica a novela autobiográfica “Scorpio”, Premio da Crítica, 1987.
-Publica “Escritos sobre Castelao”, ensaio, Santiago, 1989.
Publica “Estudos sobre literatura galega”, ensaio, Sada, 1989.
-Publica “Do galego e da Galiza”, ensaio, Santiago, 1990.
-Publica “Reticencias ... (1986-1989)”, poesía, Santiago, 1990.
-Nomeado Fillo Predilecto de Ferrol, xaneiro do 1990.
-En 1992, despois da súa morte foi editado “Unha voz na Galiza. Artigos de xornal (1933-1989)”.
-Nomeado Fillo Ilustre de Galicia polo Parlamento galego, 1996.
Enviado por:
Anova Ferrol
-ferrolanova@gmail.com-
10 de fevereiro de 2014 15:28
http://anovaferrol.blogspot.com.es/
_____________
Foto: Vieiros - Unha pintada, demandando as Letras para Carvalho Calero, feita en Lugo polo CS Mádia Leva
__________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon