luns, febreiro 10, 2014

O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego -BNG, propón á militancia ir ás eleccións europeas en coalición con EH-Bildu e CUP


O Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, aprobou propor á militancia concorrer ás eleccións europeas de maio nunha coalición con EH-Bildu e Candidatura d´Unitat Popular (CUP). Esta proposta pasa agora a ser debatida e votada nas asembleas comarcais, para que sexa a militancia a que finalmente decida a alianza do BNG de cara a cita electoral do 25 de maio. “O proceso empeza nas bases e remata nas bases”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.

O Consello Nacional valorou que esta alternativa mantén a opción dunha candidatura conformada con forzas políticas nacionalistas de esquerda das tres nacións e, sobre todo, considera que é a coalición que mellor garante que Galiza acade unha voz forte en Europa para a defensa dos seus intereses de país e para a construción doutro modelo de Europa, social e dos pobos.

Preguntado polos xornalistas en relación a posibles acordos co Anova, Vence salientou “que a proposta que o BNG fixo desde o principio segue encima da mesa” pendente de que esta forza política decida cales serán os seus aliados de cara as eleccións europeas.

Igualmente, o CN tamén aprobou, sen ningún voto en contra, a candidatura do BNG ás eleccións europeas, que encabezará Ana Miranda, eurodeputada na presenta Lexislatura, da que o portavoz nacional subliñou o seu “traballo brillante e sen descanso” en defensa dos sectores produtivos e dos colectivos sociais agredidos pola crise. “Defendeu sen arrugarse os intereses de Galiza en Europa e iso o recoñece tanto a nosa militancia como a maioría dos galegos e galegas”, indicou.

Como número dous da candidatura figura o portavoz municipal da Coruña, Xosé Manuel Carril, de tres a xornalista Olaia Rodil, Xesús Domínguez, portavoz dos estafados polas preferentes, de número catro; Alba Fidalgo, activista contra os abusos bancarios, de cinco, Suso de Toro, escritor e ensaista, de seis, seguidos de Isabel Risco, actriz; Manuel Moreira, médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública; Victoria Louro, activistas do movemento feminista e Cesar Rodríguez, traballador do sector naval de Vigo. (Axúntase candidatura completa).

Unha “candidatura da cidadanía” na que están presentes representantes dos colectivos e plataformas sociais máis activos contra a política de recortes e privatización do PP, dos sectores económicos máis afectados polas políticas de Bruxelas, e figuras referencias da cultura e a lingua galegas.

Tamén quedou aprobado o comité nacional electoral, que será coordinado polo secretario de organización, Bieito Lobeira.

Galego, lingua oficial na UE

O Consello Nacional tamén deu luz verde ás liñas básicas do programa electoral que, explicou Vence, ten como “mensaxe central” dotar de “voz directa a Galiza en Europa”, rachando co papel dependente do noso país ao Estado español, tamén ante as institucións comunitarias.

Neste sentido, subliñou que o programa do Bloque defenderá o galego como lingua oficial en Europa e proporá a xestión directa por Galiza de todos os fondos que lle correspondan, en especial os fondos estruturais e os dedicados as políticas agraria e pesqueira e á investigación e innovación, así como a parte que lle corresponda do fondo de cohesión.

Do mesmo xeito, o programa electoral recollerá a participación directa desde Galiza na elaboración de políticas vinculantes que afecten aos seus sectores produtivos, nomeadamente a PAC e PPC, así como o outorgamento da plena capacidade de aplicación e xestión das mesmas no noso territorio.

En definitiva, o BNG “como forza útil para Galiza en Europa”, como xa ten demostrado nesta lexislatura, “ser o valedor dos intereses dos sectores produtivos da economía galega, para frear a destrución a que os aboca o actual modelo da UE”, indicou Vence.

A cidadanía ten o 25 de maio unha oportunidade de axustar contas coa Troika e coas forzas políticas que aplican as súas consignas gobernando a favor dos lobbies financeiros e en contra da maioría social”, concluíu Vence.

Candidatura do BNG ás Europeas 2014

Fonte: http://www.bng-galiza.org/

Enviado por:
Inacio GZ-inaciogz@gmail.com-
10 de fevereiro de 2014 18:33
http://espazoartabro.blogspot.com/


_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon