venres, marzo 21, 2014

A ILP contra os desafiuzamentos chega ao Parlamento - Celso Posada e Inácio Martínez foron os dous compañeiros de Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra que asinaron como promotores da ILP-Galega presentada


O pasado 18 de Marzo, xuntábamo-nos en Compostela compañeiros e compañeiras dos STOPs e PAHs da Galiza, diferentes plataformas de loita e solidariedade polo dereito a unha vivenda digna e adecuada, un dereito humano fundamental. O motivo da convocatoria era o de facer entrega no rexistro do Parlamento Galego, dunha Iniciativa Lexislativa Popular Galega -ILP, para a paralización de todos os desafiuzamentos e a aplicación efectiva da dación en pago, así como o impulso dunha Lei Galega da Vivenda. Celso Posada e Inácio Martínez foron os dous compañeiros de Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra que asinaron como promotores da ILP-Galega presentada. A continuación transcribimos o artigo de Miguel Pardo en 'Praza Pública' que reflicte o sentir maioritario dos STOPs e PAHs integrantes da coordinación galega e dos dos obxectivos que se perseguen coa presentación desta iniciativa.

ILP galega contra os desafiuzamentos


As diferentes plataformas antidesafiuzamentos e de afectados pola hipoteca de Galicia presentarán este martes a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra os desaloxos. Logo de meses de contactos e xuntanzas, as organizacións levan á Cámara unha protesta que chega tras o éxito -e posterior rexeitamento por parte do PP- da ILP que aterrou no Congreso dos Deputados co apoio do millón e medio de sinaturas presentadas pola PAH.
    A ILP pide modificar a lei de Vivenda e Solo e crear unha nova que paralice os desaloxos, instaure o aluguer social e permita expropiar as vivendas baleiras aos bancos
O propósito dos diferentes colectivos contra os desaloxos é proxectar a nivel autonómico o problema da vivenda e "sobre todo e especialmente da vivenda desocupada e do aluguer social", explican. O obxectivo: a modificación da actual lei de Vivenda e Solo de Galicia e a creación dunha nova norma que "vaia na liña das actuais leis de Navarra e, sobre todo, de Andalucía", ademais da "paralización inmediata dos desafiuzamentos",  a instauración do "aluguer social na vivenda habitual" e a opción de embargar as vivendas que os bancos manteñen baleiras e pechadas.

As plataformas lembran que, "malia o silencio administrativo", os desafiuzamentos seguen a ser unha realidade en Galicia e recordan que o Consello Xeral do Poder Xudicial alertou dun incremento dos desaloxos, un "grave problema habitacional" que no país mínguase un chisco "polo colchón familiar e a especial configuración da vivenda".
    As plataformas lembran que "a Xunta ten plenas competencias para modificar o marco lexislativo na problemática xeral da vivenda"
A presentación desta ILP aposta por reabrir o debate en Galicia logo de que o Goberno do PP rexeitase no Congreso a proposta apoiada por máis de medio millón de sinaturas e a maioría da oposición e que solicitaba a "dación en pagamento retroactiva e a fin dos desafiuzamentos". Os impulsores traen agora a iniciativa ao Hórreo "porque a Xunta ten plenas competencias para modificar o marco lexislativo na problemática xeral da vivenda" e tamén porque os últimos datos indican que case o 20% das vivendas do país están baleiras e porque a vivenda é un dereito recoñecido na Constitución que na práctica só é considerada "un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado".

Así, na ILP as plataformas antidesafiuzamentos e de afectados pola  hipoteca reclaman que se modifique actual Lei do Vivenda e Solo de Galicia do 2012 en tres puntos. Solicitan modificacións lexislativas que permitan embargar ás entidades bancarias as vivendas das persoas que están sendo desafiuzadas e que estas se oferten en réxime de aluguer social. Ao tempo, piden á Xunta "a inmediata paralización dos desafiuzamentos en Galicia e o aluguer social na vivenda habitual". Tamén reclaman a expropiación das vivendas baleiras en mans da entidades financeiras e da Sareb. "Aínda que o artigo 33 da Constitución consagra o dereito á propiedade privada, establecendo que se trata dun dereito cuxo contido vén delimitado pola súa función social, a Constitución non tutela, xa que logo, usos antisociais do dereito de propiedade".
    As PAHs e os grupos de Stop Desafiuzamentos piden o apoio da sociedade civil á ILP e convocan a unha concentración ante o Parlamento
As PAHs e os grupos Stop Desafiuzamentos de Galicia fan un chamamento á sociedade civil, aos partidos de esquerda e nacionalistas, aos sindicatos e ás organizacións sociais para que apoien esta proposta de cambios lexislativos. Ademais, tamén chaman aos movementos sociais galegos e á cidadanía compostelá para que acuda mañá martes 18 ás 11.30 á entrada do Parlamento "en apoio da ILP".

As diferentes plataformas son conscientes de que a maioría absoluta do PP en Galicia fai "case imposible" que a ILP sexa aceptada, pero a iniciativa vai moito máis aló dese resultado final. "Queremos lanzar unha mensaxe, a de que non pode haber casas baleiras mentres se está a desafiuzar a xente e hai unha clara emerxencia social e habitacional", explicaba a Praza Adolfo Telmo, voceiro da PAH de Vigo-Tui, que aclara que é "unha carreira de fondo e de concienciación". "Queremos que o programa sexa asumido polos partidos da oposición, porque pensamos tamén no futuro e en promover un cambio e ofrecer, a partir da lei, unha saída a todas as familias en dificultades", engade.

Miguel Pardo | @depunteirolo

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
---
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.
Comisión Dereito a unha Vivenda Digna

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Enviado por:
forosocialdeferrolterra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
21 de março de 2014 00:35
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon