quinta-feira, março 20, 2014

Marchas da Dignidade, todas as claves, ... Por Rebeca Collado


Por Rebeca Collado [*]
20.03.2014


Pan, traballo e teito. Así de básico e esencial é o lema das Marchas da Dignidade. Quen non está de acordo en acadar algo tan primordial?. Precisamente nese punto de consenso traballa o movemento, que busca aglutinar "todas as loitas" que se están a dar e pelexar polo máis elemental: poder comer, poder traballar e ter unha vivenda.

As diferentes columnas que compoñen as Marchas da Dignidade sairán desde diferentes puntos de todo o país cara Madrid para darse cita este sábado na que esperan sexa unha grande manifestación. De Ferrolterra partirán cerca dun centenar de persoas, en bus e tren, coa ilusión de mudar a situación que estamos a vivir.

Daniel Melcón e André Martínez participarán nas Marchas e ademais son o xerme da mobilización na comarca. Ferrol360 compartiu uns minutos con eles para coñecer todas as claves do movemento e saber que pasará coas Marchas despois do 22 de marzo.
Que son as Marchas da Dignidade?
"As Marchas da Dignidade son una mobilización a nivel estatal de xente do pobo que quere mudar as cousas de abaixo para arriba". Trátase dun movemento que quere "transformar a queixa da xente en loita na rúa, sempre de xeito pacífico", explica Daniel Melcón. Tamén queren implicar á "maioría silenciosa" e fan un chamamento á xente que "só comparte a súa rabia no seu círculo máis íntimo para que proteste, berre e participe nas diferentes asembleas".

O movemento ten moi presente o significado de dignidade, que "é o sentido valioso que teñen as persoas e que poden exercer a súa liberdade e tomar as súas decisións", comenta Daniel. Neste punto aclara que a liberdade é moito máis que poder expresar o pensamento de cada quen e pon un exemplo: "Cando non tes traballo quedas sen algunhas liberdades, como poder acender unha luz ou a calefacción. Se non tes traballo, non tes cartos e non podes pagar os recibos".

En canto á toma de decisións, Daniel afirma que "ninguén do pobo decidiu que houbera 6 millóns de parados, que se lles deran cartos aos bancos e se quitaran da educación, sanidade e servizos sociais". Neste senso, critican que as decisións dos gobernos e a economía dos estados están en mans das empresas privadas e dos mercados. "A economía é do soldador que traballa no estaleiro, do médico que atende no ambulatorio e do mestre que dá clases nunha escola", apunta Daniel.

As Marchas da Dignidade é un movemento asembleario, transversal e que reclama a participación de todos os axentes sociais porque, aínda que cadaquén ten as súas reivindicacións, «hai cousas que son comúns á maioría de colectivos e partidos políticos. Moitas veces temos que deixar un pouco de lado as nosas reivindicacións máis identitarias, no sentido de organización, e poñer enriba da mesa esas reivindicacións que temos en común todos», conclúe Daniel.
Como xurdiu esta iniciativa?
Daniel e André comentan que todo comezou a finais do pasado verán cando se xuntaron varios colectivos e fixeron unha primeira asemblea. A partires de aí, foron sumando apoios de diferentes organizacións, sindicatos alternativos e colectivos como a PAH, a xente do 15M ou Frente Cívico Somos Mayoría. En todo caso, as organizacións están presentes dun xeito moi silencioso, sen protagonismos.

En Ferrolterra conformouse o movemento da man de Daniel e André. Contan que para a primeira asemblea pegaron uns carteliños polo barrio de Caranza, contactaron cunha das organizacións que está nas Marchas e xuntáronse unhas 15 persoas. "Aínda que algún dos participantes pertencese a un sindicato ou algunha organización, era xente da base, que non participaban moito nas mobilizacións". De aí, xurdiu facer unha asemblea a nivel de Ferrolterra e congregaron a unhas 60 persoas.

A primeira acción que as Marchas organizaron en Galicia foi a mobilización do 26 de febreiro, con manifestacións en todas as cidades galegas. "En Ferrol seríamos unhas 200 persoas, pero estivo moi ben porque a xente que participou é xente que a maioría das veces non participa nos actos reivindicativos", apuntan.
Este sábado conflúen todas as Marchas da Dignidade en Madrid. Que queredes simbolizar con elas?
"Queremos xuntar todas as loitas que están a producirse: a da privatización da sanidade pública, que ten xente movéndose en todo o Estado; está o tema das Mareas Verdes en defensa da Educación Pública ou os xubilados e pensionistas en contra dos repagos sanitarios e a baixada das pensións", explica André.

Así, as columnas que saen de diferentes puntos do Estado simbolizan que "o pobo se une para ir ao centro onde se toman as decisións: Madrid. Alí está o Boletín Oficial do Estado, que é onde aparece aprobada a reforma laboral e todos os recortes e decisións que se están producindo", sinala André. En definitiva, queren representar que é o pobo quen debe ter o control sobre o BOE para que a economía e a democracia estean verdadeiramente ao servizo dos cidadáns.
Cantas persoas sairán cara a Madrid desde Ferrolterra?
Preto dun centenar de persoas de Ferrolterra participarán este sábado na mobilización en Madrid. Así, o mesmo sábado sairán dous autobuses ás 05:00 horas do monumento ao 10 de marzo, con paradas en Caranza, Fene e Cabanas. Desde a organización informan que aínda hai prazas dispoñibles e para inscribirse hai que chamar ao teléfono 645 158 113 ou mandar un correo electrónico a columnacaranceira@gmail.com. O prazo remata este xoves ás 12:00 horas.

Ademais, ao redor de 13 persoas da comarca irán nun tren que se freta desde A Coruña. Da Columna Galega participan unhas mil persoas, que sairán en buses de cidades como Santiago de Compostela, Lugo, Vigo e Ourense, entre outras. Esta columna reunirase na estación de Chamartín ás 14:15 horas e, se alguén vai no seu coche, ó seu aire, poden unirse a eles. Sairán cara Atocha andando Castellana abaixo para xuntarse co resto das columnas ás 17:00 horas.

Tamén hai persoas facendo as Marchas a pé. En Galicia esta iniciativa non tivo moito apoio e só participan unhas 4 ou 5 persoas. "Xuntáronse coa xente de León, no Bierzo, e en León xuntáronse coa xente que viña de Asturias", sinalan André e Daniel. Aquí pódense seguir as diferentes marchas que van a pé desde os diferentes puntos.
Unha vez pasado o día 22 hai ánimo de seguir adiante?
Teñen claro que "se isto remata o día 22 non vale de nada. Non é que imos de paseo a Madrid, berramos alí e acabouse, ten que quedar un xerme. As organizacións teñen que tratar de unificar as loitas e implicar cada vez a máis xente para medrar e conseguir as cousas que reivindicamos", di Daniel.

"É o que estamos intentando. Trataremos que a asemblea de apoio ás Marchas semente en todos os barrios e vilas a ilusión de baixar á rúa, xuntarse, falar dos problemas e buscarlles solución entre todos para acadar o de Pan, Traballo e Teito. Dar ideas entre todos para que esta sociedade sexa máis xusta e mellor", apunta André.

Así, explica que en Caranza xurdiu a Columna Caranceira porque "queremos simbolizar que é unha columna máis e desexamos que no barrio quede un xerme do espírito das Marchas. Noutros barrios tamén poden organizarse, xuntar ós veciños, tratar de motivalos e intentar ilusionalos porque é posible o de `si se pode´ e cambiar este sistema".

Están convencidos de que teñen que saír máis columnas nos barrios porque "non me creo que non haxa xente con inquietudes, con ganas de loitar", sinala Daniel. Neste senso apuntan que "hai que recuperar o espírito que tiñamos nos anos 70, que foi o período no que máis folgas e manifestacións houbo. A xente se deu conta que tiña que loitar polo que cría e polo que é xusto".

Así, afirman que é de xustiza que cadaquén teña unha renda básica e que o Estado, cos impostos de todos, facilite unha vida digna ás persoas. "Se non para que queremos este Estado, para que regule se podemos fumar nos bares ou non?", pregúntanse.

Desde as Marchas da Dignidade aseguran que son tempos de cambio, de mudar as cousas, de deixar que outros tomen as decisións e que o pobo se implique na política que se está a facer neste país. "Temos que esquecernos de iso de ir cada catro anos a votar, soltar a papeleta na furna e esquecerse do tema", conclúen.

REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 19 marzo 2014 | 11:00

Publicado en Ferrol360.es.

[*] Rebeca Collado García, Ferrol, xornalista desempeñou a súa actividade como redactora, locutora e presentadora en diferentes medios. Licenciada en xornalismo pola Universidade do País Vasco. Na actualidade forma parte do proxecto xornalístico local Ferrol360.es.



Enviado por:
columna caranceira
-columnacaranceira@gmail.com-
19 de março de 2014 15:59
---


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon