venres, xuño 20, 2014

Hipóteses dun día de xuño, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
20.06.2014

Nas décadas marabillosas da burbulla inmobiliaria nas que España aparecía coma o país-milagre capaz de afastarse do pasado grisallento de dentes podres e sopa de polo cara os grandes éxitos deportivos e os cociñeiros de deseño, a presenza de ETA e, en xeral, o conflito vasco, era o gran polarizador político que todo o condicionaba. Naquela altura, a Constitución era unha sorte de valado de contención que articulaba o confronto formulado polo stablishment político-mediático hispano mediante a oposición: demócratas vs. non-demócratas. Euskal Herria era o epicentro do confronto pero este salpicaba continuamente ás outras esquerdas periféricas non afectas ao "Patriotismo Constitucional" en que acabaran derivando os "Pactos da Moncloa". A esquerda federal, naquela altura, facía a súa peregrinaxe do vergonzante consenso da Transición á recuperación aberta do republicanismo e da tricolor. O debate económico, naquela España de novas clases medias financiarizadas encantadas de se coñeceren, non pasaba dos balances fiscais entre territorios ou de dilucidar se as baixas de impostos eran ou non de esquerdas.

A case coincidencia do anuncio de cese da actividade armada por parte de ETA e da emerxencia do 15M -coa súa demanda de democracia real e o seu cuestionamento da representación- dinamitaron, coa axuda subterránea dunha crise económica que fixo emerxer de novo á vella toupa, a antiga separación entre demócratas e non demócratas. Pero lonxe de isto significar a "normalización" do País Vasco, un ten a impresión de que o que se está a dar é a euskaldunización de España. Novamente, como antes da entrada das esquerdas non nacionalistas no redil consensual da Transición, na España que non é vasca, catalá ou galega a fenda entre demócratas e non demócratas reábrese para vertebrar un renovado antagonismo entre as elites e o pobo (ou os pobos). E a batalla por significantes como Democracia, Patriotismo ou Soberanía lembra cada vez máis á que se leva dando -coa salvedade de que en xeral o europapanatismo, verdadeiro cepo de toda soberanía popular, fixo fortuna en case que todas partes- nas "nacións periféricas" dende a morte do ditador.

Ao éxito de Podemos, co seu patriotismo nacional-popular español e á cada vez maior exhibición de tricolores opóñenselle as declaracións de Cristina Cifuentes "Podemos quere acabar coa nosa democracia" tratando de manter a chama acesa do antagonismo noventeiro entre democratas e non demócratas ou as de Esperanza Aguirre reclamando unha marea patriótica que encha as rúas de Madrid na coroación do rei, tratando de que o item "patria" non fuxa do marco conceptual acuñado polo bloque hexemónico (así como tratando de reconceptualizar o item "marea") ou o mesmo feito de que no día de hoxe en que Felipe VI foi nomeado rei a tricolor semellase, nas rúas de Madrid, unha bandeira tan perigosa como o foi, durante as últimas décadas, a ikurriña, a estelada ou a estreleira.

O mesmo que nos noventa, hoxe a Constitución volve ser un corsé infranqueable que tanto serve para selar con sangue e lume a dependencia dos pobos do Estado ao "Consenso de Berlín" mediante o artigo 135, como para coutar todo debate sobre a monarquía ou sobre o recoñecemento nacional reclamado por eses patriotas "Outros" da "periferia".

Como antes dos Pactos da Moncloa, hoxe no Estado Español albíscanse dous grandes bloques non exentos das súas propias contradicións internas. Por unha banda, o réxime, conformado pola grande empresa, os grandes medios, PP-PSOE (e satélites), o resto dos aparatos de Estado e o imperio-UE. Da outra, o groso social agredido polas políticas neoliberais e as demandas democráticas das nacións sen estado coas súas particulares decantacións políticas e sociais. No medio, como demostrou a abstención a respecto da lei de abdicación de Juan Carlos, á espera, a burguesía catalá e vasca.
Dada esta inestabilidade e imprevisibilidade é probable que o réxime decida actuar rápido. Será entón cando este volva poñer a proba a súa capacidade de cooptación mediante a oferta de novos consensos. Juan Luis Cebrián deixaba entrever hoxe mesmo que o plan do réxime para a súa relexitimación e perpetuación podería pasar por unha reforma constitucional con posterior referendum que, cabe pensar, dese encaixe principalmente a Cataluña e que introducise, agora pola porta grande, a suxección da soberanía popular do estado-nación-España á tecnocracia antidemocrática europea. Nesa hora da verdade, nesa nova "Reforma vs. Ruptura", veremos non só por quen optan as burguesías vasca e catalá senón tamén que farán as distintas esquerdas, especialmente as de ámbito estatal, que terán que optar por sumarse ao consenso ou, de non facelo, por procurar (ou non) un marco de convivencia entre o novo patriotismo español-republicano e os outros patriotismos "periféricos" que permita algún tipo de unidade de acción tamén no medio prazo.

O Funambulista Coxo
Publicado o 20 de Xuño de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.
[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon