xoves, agosto 21, 2014

A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense - Mentres, n'A Coruña, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono


A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense   


Seguindo o ronsel da Marea Atlántica da Coruña ou de Guanyem Barcelona, membros de diferentes movementos sociais e da esquerda na cidade de Ourense traballan tamén nunha "proposta de posible candidatura municipal e cidadá" de cara aos comicios locais de 2015. Os impulsores do que pretende ser un proceso semellante ao que se impulsou na capital herculina ou o que está a nacer en Vigo levan tempo xa traballando nun manifesto e mantendo contactos para facer o vindeiro 1 de setembro ese texto fundacional e os seus primeiros asinantes.
Ourense en Común fará público o seu manifesto e os primeiros asinantes o vindeiro 1 de setembro
"Estamos seguindo a vía que se abriu na Coruña ou en Vigo e tamén a liña de Guanyem ou Municipalia", aseguran fontes do grupo promotor, que recoñecen que a Marea Atlántica "é un referente" á hora de promover esta plataforma, denominada Ourense en Común, que xa conta con páxina web que está apañando diferentes apoios, algún espérase que coñecido, para comezar un camiño que prevén "longo".

Os obxectivos son semellantes ao resto das mareas: confluencia, recuperar o poder para a maioría, transparencia, participación cidadá e horizontal, rexeneración democrática... Todo ao servizo do ben común e coa vista posta nas eleccións municipais e na clara intención de que movementos sociais e formacións da esquerda alternativa se dilúan de cara aos comicios neste obxectivo común. Os destinatarios da mensaxe, no ámbito partidista, parecen claros: BNG, Anova, EU ou Podemos, así como outras formacións minoritarias.
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración"
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración, a través da adscrición individual para que todos nos diluamos neste espazo común", explican as mesmas fontes, que aclaran que o propósito é que todas esas formacións alleas ao bipartidismo, da esquerda alternativa e que compartan o ideario común "decidan non presentar candidatura" ás eleccións municipais para lograr artellar un verdadeiro proxecto popular e cidadán. "Sabemos que é un proceso longo e complicado, pero pódese lograr e iso é o que imos intentar", insisten.

Ourense en Común únese así ás cada vez máis numerosas iniciativas que están a xurdir nas vilas e cidades, tanto de Galicia como no conxunto do Estado. As intencións do Goberno do PP de levar a cabo unha polémica reforma electoral, coa que quedarían vetadas as coalicións e se outorgaría o poder absoluto nos concellos a aqueles partidos que superen o 40% dos votos, parece darlle un pulo aínda maior a estas plataformas cidadás.

En canto ás formacións políticas, a chamada recorrente á confluencia de Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista uníronse nas últimas semanas algúns alcaldes do BNG que, en contra da tese actual da cúpula da fronte, reclamaron liberdade para poder pactar listas abertas nas que se inclúan organizacións estatais como EU ou mesmo Podemos e poder conformar así unha especie de fronte popular co que competir nas vilas e cidades contra o bipartidismo e a fortaleza da dereita do PP. Entre os asinantes do manifesto Somos Maioría, que pula por esta unión, xúntanse dirixentes de Anova, Esquerda Unida ou CxG, pero tamén rexedores do Bloque.
A Marea Atlántica celebra a súa primeira asemblea aberta de barrio e a #mareacultura
E mentres, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono. Supera as 1.500 desde que comezou a andaina e comeza a celebrar as asembleas abertas "nas que empezar a construír dende abaixo un proxecto alternativo de cidade, sen exclusións, para o 99%". A primeira delas, barrial, celebrouse na Agra do Orzán este mércores e para o xoves está prevista a denominada #mareacultura, que se levará a cabo a partir das 20 horas diante do Teatro Rosalía. En Vigo, pola súa banda, a Marea acadou xa as 500 sinaturas de apoio ao seu manifesto inicial.

Por Miguel Pardo | @depunteirolo | Imaxe da web de Ourense en Común | © ourenseencomun.info | Publicado no xornal Praza Pública 21 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon