xoves, agosto 21, 2014

O Ateneo Ferrolán ultima os preparativos do Congreso do Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-2014) e fai un convite para participar no mesmo


Congreso do Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-2014)


Ademais de tentar recuperar e divulgar a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira e o seu pensamento, o Congreso quere contribuir de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX

A figura de Hildegart Rodríguez Carballeira é unha das máis coñecidas da nosa historia contemporánea. Sobre a súa persoa teñense feito películas, novelas, obras de teatro e numerosos libros e traballos de investigación. En todo o que se ten feito sobre ela paira a sombra do seu tráxico fin e as circunstancias do asesinato pola man da súa nai, a ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira; como consecuencia, a súa traxectoria vital e o seu pensamento no eido da reforma sexual ou da crítica política, ficaron en parte ocultos. Cen anos despois do seu nacemento, o Ateneo Ferrolán tenta lembrar á Hildegart sexóloga, xornalista, activista política ou feminista, coa celebración dunha serie de actos de homenaxe e un congreso de investigación que poña en valor a súa figura histórica e o seu pensamento, todo o lonxe que sexa posible do sensacionalismo e da superficialidade.

O cerne do Congreso é o chamamento ás investigadoras e investigadores para contribuir cos seus traballos a este comicio, que artellamos arredor dalgúns dos temas que están presentes na obra de Hildegart Rodríguez Carballeira e tamén sobre o contexto no que desenvolveu a súa actividade:
  • A figura histórica de Hildegart Rodríguez Carballeira
  • Hildegart e a reforma sexual no primeiro tercio do século XX
  • Hildegart e a oposición de esquerdas na II República
  • As mulleres do tempo de Hildegart
O conxunto dos traballos de investigación presentados e aceptados polo comité científico do Congreso serán obxecto de presentación pública nos días 6 a 8 de decembro de 2014 e serán publicados nas actas do Congreso.

A celebración do Congreso estará complementada por outras actividades como exposicións, debates, cine e teatro, así como a celebración dun acto público de homenaxe á figura de Hildegart Rodríguez Carballeira. Tamén vanse facer publicacións e estamos preparando unha páxina web sobre o Congreso e sobre Hildegart (http://congresohildegart.ateneoferrolan.org/).

O conxunto de actividades do Congreso quere servir para achegar ao público de todo o mundo á historia e ao pensamento dunha das mulleres máis destacadas da nosa historia: Hildegart Rodríguez Carballeira. E malia fixar o obxectivo nunha única persoa, o Congreso quere contribuir de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX.

Convidamos a todolas investigadoras e investigadores que traballaran algún aspecto da historia e do pensamento de Hildegart, así como os temas nos que ela desenvolveu a súa actividade, a compartir os seus coñecementos co público en xeral e coa comunidade investigadora, para tentar recuperar e divulgar a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira e o seu pensamento. A data límite para presentar propostas de traballos para exponer no Congreso é o 15 de setembro.

Eliseo Fernández
Presidente do Ateneo Ferrolán

Enviado por:
Congreso Hildegart - Ateneo Ferrolán
-congresohildegart@ateneoferrolan.org-
20 de agosto de 2014 21:55

Prégase difusión: Convite para participar no Congreso do Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-2014)

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon