As persoas asinantes do manifesto da Marea de Vigo, de obteren os apoios suficientes, pularán pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer aos partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo. Marcos Pérez Pena escribiu a seguinte reportaxe o pasado 11 de Agosto en Praza Pública que agora reproducimos en Ártabra 21.
Unha marea para que Vigo "volva ser motor de grandes cambios progresistas"
"Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social (...) En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade". Vén de iniciarse a difusión do manifesto da Marea de Vigo, un chamamento que busca a conformación para as eleccións municipais de 2015 dunha candidatura cidadá e unitaria da esquerda rupturista, como tamén se está a organizar en Barcelona, A Coruña e outras cidades e vilas.
O texto alerta de que "Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia" e denuncia que "o actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros; de xeito que unha colosal masa de diñeiro que todos achegamos ás arcas municipais vai encher as andorgas de empresas privadas alleas a Vigo e a Galicia". Por ese motivo chama á organización da cidadanía e dos movementos sociais para "unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical".
"Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria"O manifesto preséntase con 72 asinantes iniciais, de xeito simbólico, aínda que a pasada semana xa superara esa cifra de apoios. A partir de agora buscará a recollida de sinaturas a través da súa web, sinalando que "de se obteren os apoios suficientes, pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer os partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo".
Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas". E salienta que "tentaremos impedir, en confluencia coas opcións de esquerdas doutros concellos, que as deputacións provinciais sigan sendo niños de corrupción e nepotismo, ao tempo que propugnamos a súa desaparición".
Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas"O documento conta entre os seus primeiros apoios con Antonio Durán Morris, Carlos Barros, Xosé Antón Laxe Martiñán, Julián Hernández, Beatriz Suárez Briones, Waldino Varela, Antón Reixa, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Pérez González, Gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Iolanda Zúñiga ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Fai un chamamento a que Vigo "sexa o centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país". "Queremos, antes que humanizar as rúas, humanizar as condicións de vida das persoas que se atopan na probreza máis extrema. Queremos rematar de vez coa especulación urbanística e os desafiuzamentos. Queremos que se promova e respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijoo", destaca igualmente.
"Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir""Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir" -subliña- "Propoñemos ir rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das vellas prácticas dos partidos do réxime". "Así, coa nosa forza colectiva e asemblearia, conseguiremos que a marea dos que non temos nada que perder e si todo que gañar asolague dunha vez estas beiras do Atlántico", conclúe.
Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 11 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.
Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________
Web do Manifesto da marea de Vigo:
http://www.mareadevigo.org/
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon