quarta-feira, agosto 20, 2014

Andrea, un paradigma de cómo o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados - Texto analítico da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) a raíz da análise dos tráxicos feitos denunciados polo Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller que condena ao Estado español por non ter actuado de maneira dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, unha muller vítima de violencia de xénero, e a súa filla Andrea, que foi asasinada polo seu pai durante o réxime de visitas en 2003


Andrea, un paradigma de cómo o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados


O pasado 4 de agosto coñeciamos a decisión do Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller de condenar o Estado español por non ter actuado de maneira dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, unha muller vítima de violencia de xénero, e a súa filla Andrea, que foi asasinada polo seu pai durante o réxime de visitas en 2003.

A raíz da análise dos tráxicos feitos denunciados polo organismo comunitario, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) presenta un texto analítico, que a continuación achegamos, no que quere resaltar que este caso, lonxe de tratarse dunha excepción, sitúase como un paradigma das carencias na atención á infancia maltratada do Estado español. A pé feito dos datos concretos que remataron co asasinato de Andrea, o texto de AGAMME analiza os atrancos estruturais que se están a atopar os menores vítimas de maltrato ou abuso neste país, así como os familiares que tentar velar polos seus dereitos: falta de especialización dos profesionais que atenden aos menores vítimas, carencias na coordinación das distintas áreas da Administración, escasa sensibilidade do sistema xudicial, son algúns dos lugares comúns detectados dende AGAMME. A asociación salienta, asemade, que os continuos intentos da nai da menor, Ángela González, ao esixir responsabilidades pola morte da súa filla fosen ignorados nas distintas instancias da Administración e tivese que ser un organismo internacional quen, once anos despois, faga xustiza.

Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores esíxese á Administración que asuma as responsabilidades correspondentes no caso de Andrea e, ao tempo, tome as medidas necesarias para que as carencias denunciadas pola ONU non volvan ter lugar.

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).-

Andrea

Un paradigma de como o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados.

Datos do caso:
  • Antecedentes de violencia de xénero.
  • Petición de protección para a nai e para a nena dende que esta tiña tres anos.
  • Máis de 40 denuncias de malos tratos.
  • Informes de traballadoras sociais a favor dun réxime de visitas sen protección.
  • Réxime de visitas a favor do pai sen medidas de protección.
  • 4 anos de loita para conseguir protección para a nena.
  • Andrea é asasinada polo seu pai durante unha visita.
  • Idade de Andrea nese momento: 7 anos (2003).
  • Esixencia de responsabilidades da nai cara á Administración de xustiza ao longo de 8 anos.
  • Procedementos todos eles infrutuosos
  • Agosto de 2014: condena da ONU ao Estado español
Foi imprevisible a morte de Andrea, tal e como pretende o Defensor do Menor?
Cambiaron tanto as cousas dende 2003, como defende Ana Mato?

Nada hai máis destrutivo para una sociedade que a morte violenta dun neno ou dunha nena. E, a pesar dos intentos para minimizar o impacto da nova por parte dos cargos que representan á Administración competente, o caso de Andrea ten o agravante de que a nena e a súa nai non só recibiron a agresión da violencia física no seu máximo expoñente, senón tamén a violencia exercida polo Estado. Sen poñer en dúbida as consecuencias que esa violencia tivo e segue tendo sobre Ángela González, nai da menor, centrámonos aquí en Andrea e en cómo o Estado foi partícipe na súa vitimización, partindo do contido da Lei de Protección Xurídica do Menor (LPXM), que data do ano 1996 e que, entre outras cousas, adopta plenamente o articulado da Convención dos Dereitos dos Nenos e das Nenas (CDN). Tamén porque cremos que Andrea, aínda que podemos dicir que é vítima secundaria de violencia de xénero, é por riba de todo vítima de violencia contra a infancia
  1. É deber do estado proporcionar os servizos cualificados, adaptados e suficientes para atender ás vítimas menores de idade.
  2. Andrea tiña dereito a non recibir trato discriminatorio (neste caso presuntamente porque quen denunciaba o maltrato e pedía protección era a nai, nunha situación de violencia de xénero e conseguinte ruptura conxugal)
  3. Igualmente, Andrea tiña dereito a que se obrase en base ao seu interese superior, incluso aínda que estivesen en xogo outros intereses ou dereitos lexítimos.
  4. Andrea tiña dereito a ser escoitada. Para que este dereito poida ser exercido, é imprescindible que se ofrezan as condicións adaptadas ás necesidades especiais de cada neno ou nena (especialización de profesionais). Segundo a LPXM, a idade non pode ser un impedimento para o disfrute deste dereito.
  5. Andrea tiña dereito a recibir protección perante calquera tipo de maltrato.
A LPXM estaba plenamente vixente cando Ángela González decidiu denunciar a situación de violencia que sufrían ela e a súa filla. Non imos negar que a lei é mellorable e que están pendentes reformas lexislativas necesarias. Porén, xa hai dez anos, o problema non era a lei, senón como se aplicou. Ou máis ben como non se aplicou. Polo tanto hai que dicirlle á Sra. Mato que a explicación non é satisfactoria: existían con anterioridade a 2003 instrumentos lexislativos que terían permitido a protección de Andrea e puideron ter evitado o seu falecemento.

O caso de Andrea é paradigmático porque a Administración non pode negar o evidente: hai una nena asasinada e é o propio sistema quen permitiu que se desen as condicións para a materialización desa morte.

Atopamos unha serie de lugares comúns nos procedementos similares ao que nos ocupa e que conducen sistematicamente á desprotección das vítimas menores de idade:
  • Os informes forenses e psicosociais. Os servizos públicos de psicoloxía forense e os equipos psicosociais seguen a estar formados por profesionais non especializados/as en atención a vítimas menores de idade, ao igual que os médicos forenses; os equipos están saturados de traballo o cal revirte en períodos de espera excesivamente longos; non están suficientemente coordinados con outros servizos públicos que poden achegar información relevante respecto á situación dos nenos e nenas; cométense erros na custodia da proba e na interpretación das probas médicas; as avaliacións de testemuño conclúen con frecuencia coa imposibilidade de realizar o estudo pola curta idade da vítima, moi a miúdo conclúen considerando inválida a declaración, ben por escasa habilidade na entrevista con nenos e nenas, ben porque se aplican incorrectamente os instrumentos propios da psicoloxía, ben porque se utilizan prácticas profesionais non avaladas pola comunidade científica.
  • Unha instrución insuficiente que non permite coñecer realmente sobre a comisión ou non do delito e sobre os riscos que corre a vítima.  É habitual a vulneración de dereitos procesais da vítima, como a inadmisión non motivada da proba proposta.
  • Xulgados de 1ª instancia pouco sensibles cara aos dereitos dos nenos e das nenas, como o seu dereito a seren escoitados e a recibir protección. Xulgados que a miúdo se amosan máis preocupados por defender os dereitos parentais.
  • Sentenzas que se ditan en base á xurisprudencia asentada ao longo de 15 anos de mala praxe xudicial e de aplicación da sap e da terapia da ameaza [1].
  • Unha Fiscalía que non vela polo cumprimento dos dereitos dos nenos e das nenas no procedemento (dereito a recibir atención cualificada para evitar a vitimización secundaria e para que a proba sexa da máxima calidade posible, dereito a seren escoitados, dereitos procesais…).
  • A ameaza xudicial de perda de custodia en caso de incumprimento do réxime ordenado por sentenza.
En definitiva imponse a través das accións da Administración a cronificación das situacións de maltrato, situándose aos nenos e nenas vítimas nunha posición de completa desasistencia. Como mostra, pódese consultar o informe de Save the Children do ano 2012 [2], no que se analizan os 65 autos en Audiencias Provinciais de todo o Estado (entre o 1 xaneiro de 2011 e o 30 de xuño de 2012), nos que se investigaba abuso sexual no ámbito familiar.

Respecto ao anuncio das reformas lexislativas que están pendentes, é preciso respostarlle á Sra. Ministra que o cambio que precisamos ten que ser máis comprometido e valente que o que se nos propón nos textos dos proxectos de lei publicados recentemente. Dende logo non vai poder ser con custo económico cero, como pretende o goberno: é imprescindible reformar e aumentar cadros de persoal, crear unidades especializadas, formar profesionais, concienciar á sociedade no seu conxunto

Porén, debemos insistir en que as reformas non só se fan necesarias no lexislativo, senón que vai ser imprescindible unha reforma de raíz en todo o tecido administrativo relativo á atención á infancia e adolescencia maltratadas:
  • Un dos temas que permanece pendente é que non existe un servizo universal de atención a nenos e nenas vítimas e de asesoramento e apoio ás familias protectoras: os servizos e a fiscalía de protección de menores teñen competencias só cando existe situación de desamparo, cando hai unha familia que protexe non existe ningún servizo especializado que dea atención ás vítimas menores de idade, que coordine a todos os profesionais que traballan simultaneamente en distintas áreas (sanidade, educación, servizos sociais, corpos de seguridade) e que ofreza orientación, información e apoio á familia que se fai cargo do neno ou da nena.  As oficinas de atención á vítima que contempla o Proxecto de Lei do Estatuto da Vítima non cumpre con ese requisito de máxima especialización na atención a menores de idade vítimas, testemuñas ou en procedementos xudiciais.
  • Por outra banda, da mesma maneira que existen instrucións nos diversos organismos públicos para atender a violencia de xénero, outro tanto ten que suceder coa violencia contra a infancia e a adolescencia.
  • Os equipos forenses e psicosociais públicos actualmente en activo non están cualificados para atender a nenos, nenas e adolescentes. É preciso crear unidades especializadas e establecer requisitos de formación e experiencia rigorosos de tal maneira que se cumpran as Directivas que veñen dende a Unión Europea[3].
  • Co fin de que sexan aplicables as normas procesais de participación e dereito á defensa das partes, así como para permitir a asunción do protagonismo na análise da proba por parte do xulgador, deberá xeralizarse a instalación das cámaras Gessell, que son por outra banda de custo baixo, en todos os xulgados nos que se realice avaliación do testemuño de persoas menores de idade polo procedemento da proba preconstituída ou a través de profesional experto/a. 
  • Creación de Fiscalías especializadas en violencia contra a infancia e a adolescencia que asuman a atención de todos os casos de maltrato cara a nenos, nenas e adolescentes, e non só aqueles nos que se dá situación de desamparo.
  • Por último, e quizais debería ser o primeiro, é preciso un traballo de educación e formación dos profesionais que traballan no ámbito xudicial e nos servizos adxuntos, co obxectivo de “desprogramar” os prexuízos fortemente asentados respecto á falta de credibilidade dos nenos e das nenas. Arredor do ano 2000 permitiuse a entrada no sistema xudicial da práctica non científica, coñecida como síndrome de alienación parental, que conleva unha terapia específica baseada na ameaza e coacción de nais e fillos/as e que implica a ausencia de credibilidade das vítimas menores de idade que estarían (segundo os seus ideólogos) programadas polas proxenitoras co fin de danar aos proxenitores. Posteriormente refutouse duramente  esta práctica de tal xeito que xa non se nomea nas sentenzas e oficialmente está desterrada do noso sistema xudicial. Nada máis lonxe da realidade: a teoría está tan fortemente afianzada que non precisa ser nomeada de maneira explícita para impedir a validación dun testemuño ou para xustificar unha perda de custodia. É suficiente a súa insinuación para que se inicie a terapia sap,  con vulneracións flagrantes de dereitos que non precisan motivación nin xustificación en feitos ou fundamentos de dereito.
Dado que existe unha responsabilidade do goberno e da Administración de xustiza (publicacións, campañas, cursos de formación realizados a prol da sap) é o seu deber restaurar a normalidade e a boa práctica.  É preciso que se realice unha campaña de longa duración e ccon proxección tanto cara ao ámbito xurídico e administrativo como cara á sociedade na que se faga explícita a repulsa de todas as prácticas que sistematizan a desacreditación dos nenos, nenas e adolescentes e a culpabilización de quen exerce o deber de denunciar o maltrato infantil e o abuso sexual, así como uns principios de boas prácticas en base á CDN de aplicación nos distintos servizos (equipos forenses, puntos de encontro, xulgados, corpos de seguridade, fiscalía, sanidade, educación, servizos sociais) e corpos profesionais (avogacía, traballo social, psicoloxía,…).

Outro punto sobre o que reflexionar, a raíz da condena da ONU ao Estado español, é o que sucede na nosa Administración respecto ao dereito da cidadanía a presentar queixas, reclamacións ou denuncias por incumprimentos da propia Administración. Durante 8 anos, Ángela González insistiu na reclamación da responsabilidade da Administración na morte da súa filla, chegando ao Supremo. En todos os procedementos recibiu resposta negativa. Tivo que ser un órgano internacional quen fixese xustiza. Deste xeito, o dereito da cidadanía a pedir contas á Administración convértese nunha pantomima: o organismo onde se presenta a denuncia consulta co organismo que realizou o acto denunciado e a xustificación deste último adóptase como boa: Defensor del Pueblo, Valedor do Pobo, Fiscalía, servizos de inspección… Polo tanto faise necesario establecer mecanismos de control de calidade dos servizos e asegurar que os organismos que deben velar polo dereitos cidadáns fronte á Administración sexan realmente independentes e realicen as súas investigacións por procedementos  que non se limiten a pedir informes ao organismo ao que se fai a denuncia.

A resposta da Ministra Ana Mato nas súas declaracións a raíz da condena da ONU ao Estado español encádrase nesta estratexia da Administración española cando ten que dar explicacións ou responsabilizarse ante a cidadanía: unha fuxida cara a diante, sen recoñecer os erros, sen sinalar responsables, non é tolerable. É necesario depurar responsabilidades, civís e/ou penais. Que espera a Fiscalía para esixilo? O Estado español ten unha conta pendente con Andrea, unha conta insaldable. En base a esa débeda ten a obriga de marcarse unha meta: nin un neno, nin unha nena máis sometidos á vitimización cronificada pola mala praxe xudicial:
  • O caso de Andrea debe servir de patrón para analizar os erros do sistema xudicial e inducir cambios de maneira inmediata.
  • É esixible a revisión de todos os casos nos que se ordenaron rexímenes de visitas ou de custodia a favor de proxenitores sobre os que existían procedementos por maltrato, abuso sexual ou violencia de xénero e que foron sobreseídos sen que se chegase á libre absolución do acusado. Sexa cal sexa o custo económico, pois nada ten máis valor que a vida das nosas nenas, nenos e adolescentes.
  • Revisión da xurisprudencia, anulando todas aquelas sentenzas análogas ao caso que nos ocupa e aquelas nas que se empregou explícita ou implicitamente a sap e a terapia da ameaza.
  • A protección das vítimas menores de idade e o seu interese superior deben primar sobre os dereitos parentais.
  • É preciso devolver o sentido orixinario ao artigo 9 da CDN sobre o dereito dos nenos e nenas a relacionarse con ambos proxenitores, dereito que na práctica os xulgados non teñen reparo en converter en obriga.
  • Non é admisible xa o prexuízo do neno e da nena incapaces de ofrecer testemuño válido. Todos os nenos e todas as nenas teñen o dereito a seren escoitados e a que se lles tome en consideración, tanto nos procedementos civís coma nos penais, segundo o que establece a CDN no seu artigo 12, analizado e interpretado exhaustivamente na Observación Xeral nº 12 do Comité dos Dereitos do Neno e da Nena.
  • O Estado español asinou hai 25 anos a Convención dos Dereitos do Neno e da Nena, pero non a cumpre nunha porcentaxe elevada do seu articulado: a Administración debe formarse en CDN e obrigarse a seguir os seus principios en cada unha das accións.  Ningún neno nin ningunha nena cos seus dereitos esmagados.
Para rematar, queremos dar as grazas a Ángela González pola súa valentía e tesón, pois a pesar da dor que leva consigo proseguiu coa loita na busca de xustiza, xa non para a súa nena, senón coa intención altruísta de conseguir que isto non se volva repetir.

Sufrir con ela a ausencia de Andrea é o primeiro paso necesario para modificar o actual estado das cousas. A Administración debe recoñecer o seu erro, facer público ese recoñecemento, pedir perdón. E indemnizar e sancionar esas neglixencias con dureza, de tal xeito que quede gravado na memoria colectiva.


Ferrol, a 18 de agosto de 2014

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).-

Notas.-

[1] sap: abrev. síndrome de alienación parental, ideada polo psiquiatra norteamericano R. Gardner nos ‘80 pretende describir unha enfermidade mental supostamente causada pola nai na filla-o coa intención de danar ao pai, acusándoo falsamente de abuso sexual ou maltrato e convertindo á nena-o no instrumento para tal fin. Foi utilizada dende os seus inicios exclusivamente no ámbito xudicial, coa intención de  desacreditar o testemuño de nenos ou nenas vítimas. Inclúe unha proposta “terapéutica”,  que se basea na ameaza e a coacción á vítima e a quen denuncia. Entrou no estado español arredor do ano 2000. Máis información en www.agamme.org

[2] La justicia española frente al abuso sexual infantil en el entorno familiar. Un análisis de casos a la luz de los estándares internacionales de derechos humanos. Save the Children. 2012.

[3] DIRECTIVA 2011/92/UE do 13.12.2011, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil e pola que se sustitúe a Decisión marco 2004/68/JAI do Consello. | DIRECTIVA 2012/29/UE do 25.10.2012, pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos, e pola que se sustitúe a Decisión marco 2001/220/JAI do Consello.

Agradécese a difusión, para máis información poden contactar no correo electrónico agammeferrol@gmail.com.

--
Web oficial:
http://www.agamme.org/


Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
18 de agosto de 2014 08:56

__________________

Enlaces relacionados de interese:

_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon